Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:MARCOS VALCÁRCEL | Historiador | Luces

"Aínda temos mentalidade de leiriña"

Marcos Valcárcel está a esperar aínda por Galicia. O historiador e galeguista (Ourense, 1958) mantén o espírito crítico, o ollo ao asexo e a análise sincopada, pero con esperanza ao cabo. Galicia é a que haberá de ser, máis aló da reserva na que, na súa opinión, está enquistada. "Temos que deixar o gueto e ser europeos", reclama asumindo o discurso da Xeración Nós, na que se especializou. Tras anos de investigacións, publicacións e colaboracións en xornais, sempre con Ourense ás voltas, Valcárcel aposta polo divulgativo. Hai case tres anos descubriu o estimulante poderío do blog (As uvas na solaina), ese xeito de xornalismo latexante, de ida e volta, que engancha e recolle aos afastados do papel. Nos próximos días saca á rúa nova obra, unha sorte de manual, para non iniciados sobre a historia de Ourense (Xerais). Oitenta páxinas de aproximación á cidade dende a chegada dos romanos até o século XX. Unha perspectiva que, de tan moderna, é antiga, "semellante ao que se facía no século XIX e comezos do XX". Coincidindo coa publicación, Valcárcel recibirá a semana que vén unha homenaxe dos amigos do mundo da cultura galega. Neste momento de emocións, o historiador aparenta sereo e reflexivo.

"Temos que deixar de ser un gueto e pensar como europeos"

"A cultura galega vai por diante da sociedade, hai un nivel moi alto"

Pregunta. Vai vostede a contrapé. En canto o BNG no que militaba toca poder, afástase e vai á reserva civil.

Resposta. Sempre fun un militante crítico. Empecei en Erga e no nacionalismo de mediados dos anos 70, de aí pasei ao PSG-EG e acabei xa no BNG nos 90. Até hai tres anos. Entón xa non me necesitaban e, ademais, había cousas que non me gustaban. Aínda que o BNG cambiou moitísimo, fíxoo con moi pouca autocrítica. Non vin nunca un documento no que se autocriticara pola posición hostil a autonomía que mantivo até os 90.

P. Reclámalle un acto de contrición?

R. Hai cousas agora que tampouco me gustan. Non se poden asumir como se nada proxectos do PP, como o da Cidade da Cultura, que hai uns anos eran horribles. É necesaria unha reflexión. Aínda que tamén é certo que as ideas que ten Quintana, a súa liña reformista, son moi claras e hai que recoñecerlle o gran esforzo por levalas a cabo, considerando que hai moitos

que non comulgan con elas. É necesaria a reflexión para empezar unha etapa positiva para Galicia. Temos que deixar de ser un gueto e pensar como europeos.

P. É un problema de ideoloxía?

R. Non tanto como de captación de bases sociais. Consellerías como Medio Rural ou a Vicepresidencia, que inciden nos sectores dependentes, están a conseguir apoios no rural, pero o das cidades é moi preocupante. Estase a dar a volta á situación do 83, onde a base social do nacionalismo estaba nas cidades e o rural en mans do PP.

P. Nas cidades o movemento contra o galego é moi forte.

R. O caso do Club Financieiro de Vigo, ou o que está a ocorrer con algunha outra asociación que nin quero nomear, é preocupante. Pero o do idioma como sinal de identidade e de fortalecemento dun pobo é un problema de xeracións, non dun goberno de catro anos. Até que o galeguismo non se vexa como marca de estatus, que os líderes de opinión non estean nesa onda, que a nosa imaxe non deixe de ser a dun labrego de máis de 60 anos, non hai nada que facer. É un problema de séculos: a burguesía galega sempre estivo moi arredada da vida de Galicia como país e non hai sinais de identidade, senón ruptura de valores; nin sequera hai un programa na televisión pública que avós, pais e fillos poidan sentarse a ver xuntos. A burguesía galeguista fixo outras cousas, creou algunhas empresas, pero non fixo o que a catalana ou a vasca: fundacións que estudaran o país. Practicou un galeguismo privado e pouco máis. É necesario que políticos e empresarios sexan quen de afrontar unha imaxe de país atractiva en relación coa sociedade. Para que o galeguismo se vexa como marca de autoestima terán que pasar un par de xeracións, porque aínda temos mentalidade de leiriña.

P. E que pensa do papel que está a xogar o PP co idioma?

R. No PP hai sectores claramente identificados co ataque ao galego. Soben ao carro da campaña ditada por determinados líderes mediáticos e, o que é máis sorprendente, mentres, o sector galeguista, ao que representa José Luis Baltar, garda silencio. Pero, tarde ou cedo, o PP terá que virar esta postura. É que hai valores comúns dende o comenzo da autonomía e de etapa de Fernández Albor. Fraga asumiu e respectou o consenso de non crear conflito co idioma.

P. Esa falla de autoestima como está a afectar á cultura?

R. A cultura galega está nun proceso positivo. Hai un nivel moi alto, vai por diante da sociedade. Hai grandes escritores, e o cine e o audiovisual experimentaron un gran pulo, pero, pese a que se fixo moito, incluso na etapa de Fraga, queda moito tamén. Hai creatividade porque hai traballo esforzado, pero tamén confusión. As institucións limítanse a exhibir o que hai, pero non a impulsar novos valores e estanse gastando enormes cantidades de cartos públicos para exposicións de entidades privadas, cando ese diñeiro debería chegar aos grupos pequenos para que fixeran o relevo.

P. A que atribúe o éxito do seu blog?

R. Posiblemente ao intento de ver o mundo dende unha posición galeguista moi cortés, tanto, que ás veces até me sorprende. O blog é visitado por 200 ou 300 persoas diarias e ten case 1.000 entradas ao día, pero hai que ter en conta o nivel dos colaboradores, a maioría con alcumes, persoas relevantes do mundo cultural, xente con moitos coñecementos e que escribe moi ben. Ademais, creo que é importante o clima de respecto que hai nel, aínda que teño que actuar ás veces como censor.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 14 de noviembre de 2008