O rastro do esplendor
A cultura galega na capital arxentina, a mitificada 'quinta provincia', perde presenza
O tópico da quinta provincia esvaece. Na capital arxentina, Buenos Aires, a cultura galega transfórmase en folclore. Do esplendor que sobreviviu os últimos 100 anos apenas fican netos de emigrantes en agrupacións de música tradicional e escritores en castelán que retratan un territorio mítico. A distancia provoca unha tendencia á idealización e a comunidade galega respira nun asistencialismo que tamén afecta á visión cultural.
Co enterro do mestre gaiteiro Cesáreo Rodríguez, hai catro meses no cemiterio bonaerense da Chacarita, recibiu terra o símbolo do mantemento da gaita na diáspora arxentina. Entre 30 e 40 centros de emigrantes galegos contan na actualidade con bandas folclóricas activas. E se cadra esta abundancia de gaiteiros sexa o sinal distintivo por excelencia da cultura galega na cidade de Buenos Aires.
A renovación musical chega moi aos poucos da man do celtismo de Xeito Novo, que tamén dá nome a unha fundación de 350 socios con escolas de canto e baile, ou da agrupación máis musicalmente ortodoxa Sete Netos, de denominación inequívoca. O discutido pasado celta da Galiza trunfa nas comunidades emigradas e os cursos ao respecto proliferan nos centros galegos da capital federal. Mesmo o presentador de televisión Manuel Castro, procedente de Cee, preside a Liga Celta Argentina e o seu grupo de gaitas escocesas.
Os centros galegos e o tecido asociativo que vertebran dentro da emigración galega en Buenos Aires -segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, 96.100 persoas na altura de hoxe- promoven o coñecemento da cultura galega en sentido amplo pero convencional. Os cursos de lingua non curriculares impártense na Universidade de Belgrano, a poucos metros do Centro Galego, e o Centro Galicia impulsou, coa Xunta e en 1998, o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol. Desde 2003, no Santiago Apóstol funciona un Departamento de Lingua e Literatura Galega.
Localizar escritores en lingua galega por entre as cuadras de Buenos Aires xa non resulta doado. Aínda que en 2006 María Rosa Lojo publicou a súa novela A fin da terra traducida ao galego, a súa obra desenvólvese en castelán. A autora, filla do exiliado coruñés Antonio Lojo Ventoso, traza no seu traballo mapas da emigración e do exilio con ollada autobiográfica. O poeta Rodolfo Alonso, de orixe galega, trata no seu libro de ensaios República de viento a desmemoria arxentina respecto das vagas migratorias que conforman a súa identidade.
O proxecto exiliado
Da heroicidade dos exiliados, que na maleta coa que saíron en 1939 do país transportaron tamén todo un proxecto cultural autónomo parcialmente realizado na capital arxentina, xa só se atopan pegadas nas librarías de vello, nos murais de Seoane ou nos cuartos escuros da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina. O traballo pictórico de Seoane agáchase asemade en coleccións privadas, adoito entre a colectividade xudea bonaerense, na que abundaban os marchantes de arte. E o rescate do patrimonio fílmico, iniciado polas institucións o pasado ano, amosa a ruína do vínculo. En sotos e faiados de Buenos Aires amoréase vello celuloide, documental, pertencente ao período inicial do cinema galego e ao coñecido como cinema de emigración. Unha reviravolta á correspondencia cinematográfica é a que realiza o cineasta d'O Carballiño Alberte Pagán no ensaio documental Bs.As.. A partir da súa historia familiar, Pagán traza a realidade das relacións entre Galiza e Buenos Aires no século XXI.
A histórica federación de sociedades, fundada en 1921 e base do periódico Galicia -que dirixiron, entre outros, Eduardo Blanco Amor ou Luís Seoane-, vén de asinar coa Consellería de Cultura a creación do Museo da Emigración Galega en Arxentina, comprometido, asemade, a "promover e difundir a cultura galega na Arxentina".
Aquela presenza cultural galega en Buenos Aires, que protagonizou, por exemplo, o discurso de ingreso na Academia Galega de Neira Vilas en 2001, e que acadou coa instalación dos intelectuais exiliados na cidade o seu apoxeo, fúndese a negro. Os fluxos migratorios invértense e, entre o museo, o folclorismo, a diferenza xeracional e a integración no país de acollida, as identidades fortes dos galegos emigrados desaparecen.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.