_
_
_
_
Entrevista:DÚAS LINGUAS SEN FRONTEIRA | José Viale Moutinho - Xornalista e poeta | LUCES

"A separación funcionou como un río de esquecemento mutuo"

Xornalista, poeta, investigador de temas literarios e históricos, autor dunha ampla obra sempre activa, José Viale Moutinho (Funchal, 1945) é unha sorte de permanente embaixador da cultura galega en Portugal e viceversa. Amigo dos seus amigos, a súa nómina pode arrincar en Méndez Ferrín para non rematar, sempre coa referencia precisa de quen dedicou moito tempo a ler aos nosos e os seus para dalos a coñecer a un e outro lado do Miño ("penso muito nos que vão ficando pelo caminho, o Adriano, a Fernanda e o Fernando, a María Virgínia, o António Sampaio, o Egito, o Veiga Leitão, o Eugénio, o Companheiro Vasco, o Manuel María, o Uxío..."). Xubilado despois de 40 anos nos xornais, Viale anda a preparar unha antoloxía sobre a presenza dos galegos nos contos populares portugueses, nas que a imaxe responde a un esterotipo especialmente negativo que algúns autores lusos tentaron remontar, como foi o caso do malogrado Fernando Assís Pacheco coa súa novela Trabalhos e paixões, de Benito Prada.

"Cando a aproximación entre as dúas culturas funcionou foi máis da man da política que da literatura"
"Síntome moi ben recibido e tratado na Galiza, pero sempre como un amigo e non como un parceiro"
"Hai moito intercambio comercial pero a cultura apenas ocupa lugar na relación Galiza-Portugal"
"A única posibilidade do Rivas e do Ferrín de ser lidos en Portugal é ser traducidos ao portugués"

Pregunta: Indo máis alá dos desexos, como ve a actual relación cultural entre Galiza e Portugal?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Resposta: Sempre houbo varias tentativas para ampliar esa relación e partiron de xente que acreditaba profundamente na súa necesidade, mais por diversas razóns nunca conseguiron estender o entusiasmo. Desistiuse porque non encontraban eco, nin os galegos en Portugal nin os portugueses na Galiza. Hoxe non sei explicar o por que. Cando nos reuníamos en recitais de poesía era para dicir cada un os nosos poemas máis alá da fronteira case como autistas, como se non houbese máis nada. Eu mandaba os meus textos, eran encastados nas publicacións e practicamente uns non tiñamos que ver cos outros. Non había un proxecto común de traballo, que parecía o ideal. Síntome sempre moi ben recibido e tratado na Galiza, pero sempre como un amigo e non como un parceiro. A vella Gallaecia de feito non conseguiu ter sentido. A partir de que houbo unha fronteira funcionou como un verdadeiro río Lethes, de esquecemento.

P. Mesmo escritores achegados xeograficamente, como o Miguel Torga, vivían de costas aos galegos?

R. Por completo. Tamén para xente como o Teixeira de Pascoaes a Galiza era outra realidade que eles consideraban próxima, interesante, pero non para manter un proxecto común. Podemos recoñecernos como curmáns, pero moi afastados.

P. Ese desexo de aproximación sempre pareceu máis estendido entre os intelectuais e escritores galegos do que nos portugueses.

R. Lembro unha feira do libro galego e portugués en Vigo, hai poucos anos. Despois dun dos coloquios entre escritores de ambos países, o Carlos Casares dicía: 'Son gabado como bo conversador, pero a final os meus libros non son publicados en Portugal'. Publicar os libros é fundamental, os portugueses en galego e os galegos en portugués. A lingua non é a mesma a pesar da boa vontade dos lusistas. O Casares ao final morreu coa tristeza de non ser publicado en portugués. A única posibilidade do Ferrín ou do Rivas de ser lidos en Portugal é ser editados en portugués, que non veña ninguén con historias.

P. Vostede traduciu ao Xosé Neira Vilas.

R. E Memórias dun neno camponés despois do noso 25 de abril foi moi importante nas escolas como lección política, porque era unha fábula sobre a loita de clases que serviu lindamente. Despois as continxencias da política portuguesa fixeron que se abandonasen esa caste de lecturas nas escolas. Voltando a aquela Feira do Libro viguesa, ao percorrer os postos de libros, os autores portugueses dicíanme: 'Que libro dos galegos nos recomendas levar?' Despois de todo o falado, non quedou un cimento sólido, só querían unha mostra de recordo, un suvenir. En tempos houbo antoloxías poéticas, como a de Celso Emilio Ferreiro, a do Manuel María ou a que fixen eu, Terra e canto de todos, que tiveron repercusión pero en todos os casos a relevancia acadárona máis pola política que pola literatura. E sempre antes do 25 de abril, porque despois palabras de orde como o Acuso á clase media, de Manuel María, os comunistas non podían usala como consigna porque nesa altura querían seducir a ese grupo social. A aproximación sempre foi política e non literaria.

P. Antes a fronteira era o grande problema, hoxe caeu. No plano cultural existe ósmose nalgún nivel, sexa en medios de comunicación ou noutros?

R. Antes había problemas até para pasar os libros! Se miramos hoxe as mediacións entre Porto e Vigo, que deron en termos prácticos culturais? Exposicións? Iso non incomoda a ninguén e tampouco crea relación algunha.

P. Actúa Chico Buarque en Porto varios días e sabémolo días despois de el marchar.

R. Pero se o ves da parte política, cando Fidel Castro estivo Porto foi literalmente invadido por galegos. Nas nosas feiras do libro non hai presenza importante de escritores galegos e cando vou ás galegas non hai escritores portugueses. O alleamento é mutuo e total.

P. E porén o intercambio comercial funciona.

R. A Eurorrexión funciona, pero falta a compoñente cultural, esa existe apenas simbolicamente.

P. Dentro da compoñente cultural a relativa á literatura, acaso na música, xa desde o Zeca Afonso, si hai máis intercambio?

R. E o Zeca Afonso funcionou tamén desde o punto de vista político-cultural, pero a literatura quedou do lado de fóra, é o parente pobre de toda esa relación.

P. A súa propia experiencia pode explicar mellor esa relación difícil. Como entrou a coñecer a literatura e os escritores galegos?

R. Foi por casualidade. Interesábame moito o cancioneiro medieval. Fun en 1968 a Vigo e, de casualidade, dei cun libro de Xoán Xulio Alfaia. Lino durante o almorzo e despois fun buscar máis cousas e é cando me encontro co libreiro Antón Patiño, que me fala do seu sobriño, o pintor Reimundo Patiño, e con entusiasmo de Méndez Ferrín, ao que chamei e empezou a miña relación xa de continuo. Daquela seguín o movemento da Nova Narrativa moi de perto e aquí en Porto coñecín a Manuel María e a Xavier Pousa, que curiosamente traíano xentes do máis reaccionario, pero eles facilmente pasaron a ser aprezados por xentes máis achegadas ideoloxicamente. Así comezaron os intercambios, pero non conseguín entusiasmar a ninguén nas miñas aventuras. Pasaba moitas fins de semana en Ourense, Monforte ... Para aquí e acolá e sempre soiño. Cando comezaron os Festivais de Poesía do Condado [en Salvaterra do Miño], organizaba o grupo de poetas portugueses, que gustaban moito daquela visita porque lles chamaba a atención a vertente popular dun encontro de poesía erudita, pero non quedaba apenas nada ao pasar o día.

P. Aínda sendo unha ucronía, o feito de o exilio político galego na Ditadura non afincar en Portugal, apenas un mínimo tempo entre o 25 de abril de1974 e a morte de Franco, tería mudado as cousas?

R. Pode ser, pero só houbo uns meses dese intercambio, e escritores apenas houbo. Houbo algúns asilados, fíxose en Porto un lectorado galego na Facultade de Letras amparado polo Óscar Lópes, Margarita Ledo dirixiu un programa en galego na Radio Clube Portugués, fíxose unha exposición do libro galego ... Houbo coloquios pero convidábamos aos que non tiñan pasaporte (Ferrín, Lois Diéguez, Manuel María,...) que mandaban os textos. Nos 1º de maio portugueses difundíanse mensaxes democráticas en galego, catalán ou vasco... Moitas cousas pero deixaron pouco pouso.

P. O alleamento ten un fondo de prexuízo, de sociedades menos desenvolvidas que non se queren ver unha no espello da outra?

R. Os camiños especulativos poden ser varios. Tamén podemos ir a Luís de Camões cando n'Os Lusíadas fala dos "sórdidos galegos", porque se pomos pé no pasado sabemos que as circunstancias fixeron que os galegos viñeran traballar a Portugal en substitución dos escravos, igual que os portugueses foron facer ese papel á Alemaña ou á Francia, da mesma maneira que veñen agora dos países do leste acá. Os prexuízos son exactamente os mesmos.

P. E as elites non debían traspasar esa distancia?

R. Non o fan e ademais o comportamento do intelectual portugués é diferente ao do galego. O portugués ten moita máis fachenda e mira máis para Madrid e para o propio embigo. Madrid resúltalles moi importante e non é mesmo ser editado na capital española do que en Sevilla, Salamanca ou Vigo. Consideran mellor unha editora miserenta de Madrid que Galaxia ou Xerais, non tanto porque pensen en vender máis libros como porque teñen unha concepción centralista. Tamén calquera escritor de Porto morre de amores por ser editado en Lisboa. Son preconceptos idiotas que de aquí a uns anos miraranse ridículos.

P. Máis libros nas librarías, máis músicas nas radios e nas televisións, máis xornais nos quiosques, máis persoas nos congresos,... Con máis coñecemento e intercambio poden remontarse os prexuízos?

R. Tiven un amigo que distribuíu libros galegos en Portugal. Contábame que nin lle deixaban abrir os catálogos para amosar. Na Galiza quizais hai máis presenza portuguesa, nalgunhas librarías determinadas cando menos. Ademais perdeuse moito terreo co best seller que está a ocupar os trinques e os mellores espazos. Mellorar a situación vai ser un labor de insistencia e de xeracións.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_