_
_
_
_
Reportaje:A lingua segue a buscar espazo | Luces

O camiño torto do bilingüismo

Hai apenas cinco días que a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, declaraba ao xornal inglés The Guardian: "Se non discriminamos positivamente a prol do galego, o español dominará". Malia a que nesas coordenadas se situou o consenso implícito sobre o idioma durante os tempos da autonomía e con independencia dos partidos no Goberno, na actualidade provoca peculiares pero estrondosas poeiras mediáticas. Dende o ámbito científico, conectan os acontecementos co rexurdimento dun nacionalismo español abeirado polas forzas conservadoras.

"Penso que nas cidades hai un repunte de falantes entre os novos"
"Só son bilingües os alumnos de lingua inicial ou ambiental galega"
"Unha lingua normalízase", di Costas, "porque non é normal"
"Unha lingua normalízase", di Costas, "porque non é normal"
"A primeira resistencia ao galego na escola é a dos docentes"
"Trátase de conservar todas as linguas, que forman parte dun hábitat"

"Trátase de máis nacionalismo español, do reemerxente nacionalismo español", opina o profesor de Lingüistica Xeral da Universidade de Vigo Fernando Ramallo.

O Decreto 124/2007, aprobado pola Consellería de Educación en xullo de 2007, estabeleceu a marca mínima dun 50% de materias "que se deben ensinar en galego". A nova lei elevou a lexislación anterior, segundo explica a páxina web As linguas no sistema educativo galego que dirixe Henrique Costas, "fronte ao teórico e nunca cumprido 33%". "Eu parto de que é preciso intervir no campo da lingua", explica Ramallo, "da necesidade dun keynesianismo lingüístico; a oposición aflora porque houbo un cambio de goberno e fixo cousas, polo menos algunhas cousas". Na presentación da mencionada web, a afirmación resulta categórica: "Os datos demostraron que co anterior programa os únicos alumnos con alta competencia bilingüe oral e escrita eran aqueles de lingua inicial ou ambiental galega, mentres que os alumnos de lingua inicial galega ou ambiental castelá non conseguían ser bilingües".

Henrique Costas, tamén responsábel de normalización lingüística da Universidade de Vigo, non amosa ningunha dúbida. "Só son bilingües os rapaces que proceden de ambientes galegófonos; os que veñen de ámbitos onde a lingua inicial ou habitual é o castelán non dominan o galego. E a obriga da administración consiste en capacitar por igual a todos os cidadáns". Para Hakan Casares, sociolingüista e coordinador do Observatorio da Cultura Galega, a cuestión "non ten que ver coas liberdades individuais, intocábeis, senón coa necesidade de non renunciar ás oportunidades do bilingüismo". Casares asegura que a cidadanía galega excede o bilingüsimo: "A sociolingüística fala xa de sociedades plurilingües".

O galego computa, en base aos últimos datos dispoñíbeis, un 97,3% de persoas na Galiza que o entenden, un 90,1% que o poden falar, un 85,3% que o poden ler e un 49,8% que o poden escribir. Casares revisou precisamente a interpretación das cifras de 2003 do Instituto Galego de Estatística, editadaa polo Consello da Cultura en 2005 co título A sociedade e o idioma: evolución sociolingüística de Galicia. "Eu quedo co positivo, co moderadamente positivo que amosa o informe". Refírese á "desaceleración" na perda de individuos que teñen como lingua inicial o galego, lixeiramente freada no tramo dos cativos que, en 2003, tiñan menos de 16 anos.

Pero é no perfil do galegofalante no que, a dicir de Henrique Costas, se están rexistrando mudanzas. "Penso que nas cidades hai un repunte de falantes entre a xente nova", di, "que acompañada por unha actitude positiva do Goberno funcionaría para recuperar falantes". "Polo demais, no campo e nas zonas periurbanas, segue a falar galego a xente que sempre o falou", aínda que Costas detecta "tendencia desgaleguizadora entre as mulleres novas; isto resulta preocupante, xa que elas son as principais transmisoras do idioma". "Se unha muller nova fala galego en Vigo", ironiza, "ou é do monte ou é do Bloque". Fernando Ramallo leva a cuestión a "¿que é falar galego?". "Amais dos falantes tradicionais, hai partes da mocidade que falan galego conscientemente", indica, "unha parte do funcionariado e outras persoas vinculadas ás clases medias urbanas". Ramallo afirma a importancia "dun uso non tradicional da lingua" e apunta as lindes do "terreo híbrido" na que se atopan a meirande parte de falantes, "aqueles que poden falar galego e que o falan segundo o contexto, maiormente habitantes urbanos".

"A tendencia a usar máis o galego aparece nos grupos de maior idade e no medio rural", describe o profesor mugardés da Universidade de Wisconsin Gabriel Rei-Doval, "pero o galego está presente en todo o territorio e en todos os grupos sociais". Rei-Doval, que publicou unha versión da súa tese o ano pasado -A lingua galega na cidade no século XX- refuga a "homoxeneidade" para definir os grupos sociais que empregan o galego, pero lembra os números: "Non esquezamos que o galego é a lingua habitual de dous tercios da poboación galega e que o 99,9% o entende sen maior dificultade". E rexeita a identificación entre usos do idioma e posicións políticas, "se se parte da análise da realidade".

O 25 de abril, o escritor Xabier Cordal remitíase aos anos 70 nun artigo publicado no xornal Galicia Hoxe. "Xa o programa de máximos do españolismo esixira, nos inicios da Restauración, converter o galego en materia opcional [na educación pública]", escribía, e constataba o empeño "dalgún analista en elevar a categoría universal as fobias de certa burguesía urbana". Rei-Doval aplica a lóxica para defender o proceso de normalización do galego: "A normalización realízase porque unha sociedade así o decide. O que conta é a vontade colectiva, e os galegos decidimos, a través de institucións elixidas, seguir este camiño". Pero puntualiza terminoloxía: "Prefiro chamarlle, á normalización, difusión ou planificación lingüística".

"Unha lingua normalízase porque non é normal", láiase Henrique Costas, "non é normal que eu queira renovar a hipoteca en galego e me digan que tardan tres meses e se o fago en castelán, a semana que vén; non é normal que estea nun bar e non haxa ningún xornal en galego". E conclúe: "Non acepto a anormalidade democrática de ter que pedir permiso para utilizar o galego". Para Fernando Ramallo, a lingua galega atópase fóra de uso dos espazos que dan prestixio social. "O galego estivo ausente do proceso de modernización serodio que aconteceu en Galiza contra o final da década dos 60", relata Ramallo, quen sitúa os obxectivos da normalización en "acadar que o idioma sexa operativo en todos os ámbitos". Ramallo denuncia "a retórica favorábel ao idioma que dominou na clase política durante anos e que non se concretou en nada". Sobre a recuperación social do galego asentou a autonomía, segundo Rei-Doval, que non dubida en afirmar que "poñer en perigo a normalización do galego é tentar dinamitar Galicia como comunidade autónoma española".

"A dereita escúdase en embustes", argumenta Fernando Ramallo, e lembra ao xefe dos conservadores Mariano Rajoy cando presentou unha iniciativa no Congreso "para garantir que se poida estudar castelán en toda España". "Onde non se pode estudar castelán?", pregúntase. Gabriel Rei-Doval fai pedagoxía: "Por suposto, nunha sociedade democrática tal estratexia de 'se o galego asoma a cabeza, machete' non pode verbalizarse, pero pretender agora que o agresor é o galego e o mundo galegófono resulta unha especie de 'mundo ao revés' que a teimuda realidade non apoia". Para Henrique Costas, o asunto redúcese á súa agre vivencia cotiá: "Eu escolaricei ao meu fillo de tres anos este curso e, en dous meses, falaba castelán, algo que nunca fixera na casa; e iso malia a que hai un goberno progresista que, en teoría, garante e defende os meus dereitos lingüísticos".

Ameaza de dimisión nos colexios

Os equipos de normalización lingüística de 190 centros educativos de toda Galiza ameazaron onte con presentar a dimisión se a Consellería de Educación "non adopta medidas para o cumprimento" do Decreto de galeguización do ensino. O documento que recollía o seu posicionamento foi presentado en San Caetano polo secretario xeral de CIG-Ensino, Anxo Louzao, e os presidentes da Mesa pola Normalización Lingúistica, Carlos Callón, e da Asociación Sociopedagóxica Galega, Xoán Costa, informa Europa Press.

Os responsábeis de normalización explicitaron, así, un malestar ao que A Mesa vén prestando voz nas últimas semanas. Carlos Callón coincidiu con Anxo Louzao ao sinalar que entre os equipos asinantes "se atopan os máis dinámicos do país" e afirmaron que a actividade dos mesmos "minguou" pola falta de seguimento da norma. Louzao explicou, ademais, o contido dun documento que anexaron ao escrito dos 190 equipos de normalización: un plan de formación para o profesorado sobre a aplicación, a creación dun departamento de política lingüística dentro de Educación e que a inspección vixíe o cumprimento do decreto.

Os representantes do sindicato e as dúas asociacións solicitaron, tamén, unha xuntanza coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, "para coñecer que medidas adopta ao respecto co obxectivo de evitar a posíbel dimisión dos equipos de normalización". Callón deu un paso máis e referiuse a supostas "presións" do presidente Emilio Pérez Touriño sobre Educación "para que a conselleira non mova un brazo a prol da implatación do Decreto".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_