_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O Van Gogh da Costa da Morte

Manuel Rivas

Chameino e levei a sorpresa de que respondía co móbil dende un cuarto de hospital na Coruña. Notei un atranco na fala, as palabras costa arriba, mais sempre coa súa determinación irónica, de andar as ceibas.

- E que fas ti aí, Antón?

- Non sei. Disque estou para morrer.

- Os artistas non sabedes cómo chamar a atención.

Riu. El tiña moita estima da súa obra, sabía o seu valor, mais nada de vaidade. Non rogaba, non pregoaba, non se queixaba. Neste país dun paso adiante e outro atrás, que vira como nora absurda no baleiro, tivo moi poucas ocasións de mostrar a súa obra. Mais el tiña a paciente resistencia da uz, do lique, do carrizo das dunas.

Aos poucos días xa non podía falar. Contáronme que a emulsión do humor sobreviviu nos seus ollos de ave noitébrega até que os pechou. A causa científica da morte foi o chamado linfoma de Burkitt.

Non é conto que Antón Mouzo fixo falar as pedras. Hai obras súas feitas con area e mica.

- A que é un bo título para un cadro?- dixera Antón.

Apañar almas. O mellor lugar para estar estes días en Galicia é unha paisaxe interior. Talvez a mostra máis importante, máis punzante, da arte galega deste ano. O hábitat son cuartos de catacumba da sala de exposicións Auditorio, no campus de Compostela. Antón Mouzo Lavandeira aínda era novo, nesa metade do camiño da vida, cando faleceu en xullo do 2007. Da estirpe da Xeración Doente, coa "melancolía activa" dun Van Gogh da Costa da Morte, tivo tempo a deixarnos a súa parte de marabilla. Unha natureza viva. A sensación de que o corpo da Terra atopou en Antón Mouzo un mediador para acadar novas formas. De que a materia, nas súas mans, acadou novas especies. Máscaras, re-existencias. Non é conto que Mouzo fixo falar as pedras. Hai obras súas, obras mestras, feitas con areas e mica que apañaba polos penedos de Traba e Pasarela. Recollía pigmentos, sombras, simetrías que levaba consigo. Gardaba nos petos o misterio de Gaia. Loitaba contra a velocidade falsaria que espolia o tempo. Tiña, si, o biorritmo da terra: outras inmorredoiras obras son follas de carballo e de magnolio que antes existiron como latas de aluminio. A súa foi unha ollada revolucionaria. Detectaba a alma das cousas e facíaa transmigrar aos lenzos.

O naufraxio da arte. Estouno a ver aquel día de inverno despois do dioivo universal. O río Pequeno, o río de Vimianzo, que en Pasarela enxerta co río Grande, rebelouse contra a toponimia e a imprevisión da enxeñería que descoñece a memoria da auga. O río Pequeno rebordou canles e ribazos e volveu a brañas e ás xunqueiras e aos espazos saudosistas das lagoas desecadas. O val de Soneira era aquel día un mar. Estouno a ver, a Antón Mouzo. A chea alagara tamén o baixo da casa da irmá, que usaba como estudio. Loitaba contra o naufraxio da arte, non só como metáfora senón na cruel realidade. Salvaba os cadros do afundimento. E logo secounos, agarimounos, foinos curando un a un. Os enchoupados, os feridos, os fanados. Así fixo aquel día, aquela noite, e o tempo que fixo falta. O curador somnámbulo. Aqueles ollos de moucho que tiña, a espertar as cores nas tebras. O seu estudio era un hospital de campaña. Tiña unhas mans pequenas, lizgairas e sinceras, de enfermeira de prematuros. Mais, en realidade, sempre actuou así. El era moi solidario coa súa obra. Falaba dos seus cadros, das esculturas, dos proxectos, como compañeiros. El facíaos e facíase con eles. Nunca coñecín un artista que estivese tan preocupado pola súa obra. Pola súa crianza. Pola súa saúde. Pola súa felicidade. El quería que os seus cadros fosen felices. Por iso, o primeiro que restaurou despois do naufraxio foron as cordas dos violíns na súa serie inconclusa de naturezas vivas, onde había tamén bidueiros, cabalos, garzas, postes telefónicos, máquinas de coser e aquel par de botas que levaba o pai cando ía por monte de lobos reparar o repetidor da televisión.

O valenthuomo. Un artista pode ser, mesmo é convencional que o sexa, bohemio, iconoclasta, noctámbulo, egocéntrico, despistado, arroutado, maniático, ciclotímico, namoradeiro, espectral, ocorrente, luminoso, escuro, irado, nubeiro, sutil, bárbaro... Nada diso, en principio, abanea o mundo. Mais, quen pode entender un mozo que é quen de deixar un traballo fixo nunha oficina bancaria? Caravaggio reclamaba para o pintor a condición de "valente". Antón ergueuse da cadeira da sucursal para non voltar. Botouno a andar polas inmensas gándaras ao xeito dos "feros corvos" do Xallas, do capitán Nemo, do vagabundo de Charlot, do roxo Vicent Van Gogh. Era de poucas falas, aforraba xuramentos, aínda que ría moito coa tradición blasfema popular, e anotaba regueifas e aquelas maldicións nas que atopaba unha vontade de estilo, como aquel académico que un día soltou na barra do Vía Rápida: "Escaravello os dentes co pau da Santa Crus!". Mais a conversa do Antón era irónica e cromática. Chea de pausas, como o teatro de Harold Pinter. O seu andar era o do silandeiro ser rebelde, que dá o paso que hai que dar. Nada de barullar. Capeaba o temporal como os mariñeiros. Cando non había vento, remaba. Lembro que un día, en tempos de Esquerda Galega, organizamos un mitin ao que soamente acudiu unha persoa. E Antón dixo con optimismo irónico: "Que éxito! Unha persoa é un mundo". Velaí, para a memoria da Costa da Morte, un verdadeiro artista, un verdadeiro valenthuomo!

Outra Saudade. En todo o que facía había un pouso de saudade. Dende logo na vaixela do chineiro da nai, na Estantería do bazar, unha das grandes obras da pintura galega de todos os tempos, como son Flores (ese cadro pintado durante anos polas mans misteriosas de Gaia) ou a escultura As botas do pai. Mais a saudade de Antón Mouzo é unha saudade desposuída de tristura. Ten ánima. Semella responder a un chamado cósmico que parafrasea o esencial berro mariñeiro: "Ten de ti!".

Levedar a realidade. Amaba as cores, mais sobre todo as cousas que portaba a cor. Era un maxín namorado da materia e dos soños por ela xerados. Era un artista de todas as vangardas: coleóptero, volcánico, cefalópodo, anátido, plutónico, equinodermo, astrográfico, subacuático, obsidiánico, anfibio, térmico, ginkgófito... A súa ollada era fértil, criadora. Lembro que das andadas con el volvías coa cabeza chea de descubertas. Cores, formas, paisaxes que antes non existían. Porque Antón Mouzo pintaba tamén fóra do cadro, facía levedar a realidade que permanecera ensumida.

Enxamear a marabilla. El mesmo deixou un universo que, en gran parte, aínda está por descubrir. O tempo foi inxusto con el. Tivo que soportar a indiferenza cando non a mesquindade dos poderes túzaros que abren e pechan portas. Mais o importante é este agasallo que nos deixou: a marabilla que enxameou fronte ao abismo, na man sincera e na ollada fértil do mozo de Soneira.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_