_
_
_
_
_
Reportaje:O galego no cinema | Luces

A dobraxe imposíbel

O 21 de outubro de 2004 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Gobernaba Manuel Fraga Iribarne. O documento, de 324 páxinas, procura textualmente "favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego". No grupo de medidas 3.2 A, referido ás "industrias culturais", o plan recolle a necesidade de "promover a dobraxe ao galego de polo menos 10 filmes anuais, dos que presenten maiores expectativas comerciais".

Case catro anos despois, a dobraxe de filmes de estrea en salas comerciais ao galego é practicamente inexistente. Segundo datos da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), en 2007 só chegaron ás pantallas dúas fitas en galego. "E non eran precisamente das que tiñan expectativas comerciais", sinala Fran Rei, encargado da campaña Indiana Jones e a dobraxe perdida da Mesa para acadar a versión en galego da última aventura do arqueólogo. No ano en curso, apenas Pradolongo -rodada orixinalmente en galego e dirixida por Ignacio Vilar- e A crise carnívora -longametraxe de animación de Pedro Rivero.

Na Xunta ninguén parece saber nada do asunto e non hai axudas concretas
En Cataluña existe un circuíto público de pantallas para cine en catalán

Na Xunta ninguén parece saber nada do asunto. Na Secretaría Xeral de Política Lingüística non existe ningunha "liña de axudas" específica para afrontar a dobraxe dun filme. "Apoiamos filmes concretos, sobre todo deuvudé dirixido a un público infantil", explican no departamento. O Consorcio Audiovisual de Galicia, "entidade de dereito público e carácter interadministrativo [...] para contribuír ao desenvolvemento e á consolidación do sector audiovisual en Galicia" e que estes días ofrece un curso de dobraxe, tampouco se responsabiliza financeiramente da cuestión.

Uns por outros e a casa sen varrer. As competencias da Consellería de Cultura en materia audiovisual rematan na produción e aí, explica o director da Axencia Audiovisual Galega, Manuel González, "non entra a dobraxe". González matiza os problemas da operación de poñer voces en galego aos filmes estranxeiros: "Como cinéfilo, estou en contra da dobraxe; agora ben, entendo que dende unha administración dun país con lingua propia se promocione a dobraxe, sobre todo en filmes para os máis pequenos".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

González identifica, porén, tres dificultades básicas. Non é a menor a da propiedade das pantallas, case todas estadounidenses en Galiza. O custe da copia -por cada dobraxe de filmes en celuloide é preciso facer unha copia- e da propia dobraxe encarecen o proceso nun intre histórico de "crise profunda" das cinematografías "a nivel mundial". Manuel González opón o modelo catalán e mesmo o valenciano, onde hai circuítos públicos de exhibición en catalán, e aposta "polo subtitulado en galego de filmes de calidade".

O ámbito español supón unha anomalía no contexto europeo. Nalgúns países como Portugal non dobran o cinema que se estrea en salas comerciais. Para o crítico Miguel Anxo Fernández, facelo "é como pintar o Gernika de verde". "A dobraxe vai contra a obra orixinal e habería que ir cara ao subtitulado en galego", apunta, malia a que a admite "como mal menor nunha lingua que ten que resistir". Fernández lembra as dificultades de negociar coas multinacionais copias nun idioma "no que hai un millón de espectadores potenciais con acceso a salas de proxección".

Desde a MNL sinalan, con todo, que as multinacionais do cinema non son tan opacas. "As negociacións que nós estabelecemos con distribuidoras", relata Fran Rei, "conseguiron a dobraxe d'A noiva de Chucki ou de Un amor por descubrir". O activista salienta tamén as edicións en vídeo doméstico ou deuvedé das teleseries de animación xaponesas Shin Chan e Doraemon e afirma: "É surrealista que resulte máis doado ver un filme en versión orixinal, subtitulado en castelán, ca en galego". Mais os datos brillan pola súa ausencia. O deputado do BNG Bieito Lobeira presentou onte unha pregunta parlamentaria ao respecto.

Os números perdidos

A excepción española en cuestións cinematográficas implicou que, dende os anos da Ditadura, os filmes arribasen ás pantallas con banda falada en castelán. No traballo de dobraxe dunha película de celuloide en 35 mm, o formato hexemónico nas salas comerciais, interveñen un director de dobraxe, produtores, tradutores, lingüistas e actores. "As copias de celuloide resultan ben caras", di Manuel González da Axencia Audiovisual, "e hai que facer unha por cada dobraxe".

CTV é unha das empresas que se dedican en Galiza ao labor. Para un filme "normal", é dicir, de 90 minutos de duración e en celuloide, cobran 9.000 euros "máis IVE". A copia non está incluida. "Este prezo é sen actores especiais", argumenta un responsábel da factoría, "que soben o prezo". Coa figura "actores especiais" refírese a aqueles actores foráneos que teñen asignada unha voz característica no idioma de chegada. Velaí un dos factores que elevan os custos. En CTV non reciben encargos de dobraxes ao galego para cinemas: "Apenas unha ou dúas fitas, é dicir, practicamente nada en realidade".

Concretar datos sobre o emprego da, segundo o Estatuto de Autonomía, "lingua propia de Galicia" no eido fílmico enrédase nunha arañeira burocrática. As cifras de espectadores que ofrece o Ministerio de Cultura non especifican o idioma da proxección. Na táboa histórica que pendurou a Axencia Audiovisual aparece Mar adentro, de Alejandro Amenábar, como "longametraxe comercial de produción galega" máis vista entre 1989 -ano de estrea de Sempre Xonxa- e 2008. Los lunes al sol, de Fernando León, A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, e Camarón, de Jaime Chávarri, son as seguintes.

Miguel Anxo Fernández achega o número de filmes estreados en todo o Estado, 700, "arredor do 30% ou 40% en Galiza". Fernández, que dirixe a revista AG. Revista do audivisual galego financiada por Caixa Galicia e o Centro Galego das Artes da Imaxe, arrisca datos sobre coproducións, obrigadas por lei a presentar versión en galego: "O cinema en galego ten un 10% de espectadores en relación co mesmo filme en castelán". "Estes son os números obxectivos", láiase, "e, desgrazadamente, amósanse en contra [de dobrar os filmes ao galego]".

Realizar un seguimento no tempo de filmes en galego é case imposíbel. O pico das viúvas, un filme dirixido por John Irvin en 1993, resultou unha das primeiras fitas dobradas ao galego estreada comercialmente. A distribuidora foi Filmax, radicada en Cataluña pero propiedade do fonsagradino Julio Fernández. Ao peche desta edición, aínda non responderan á pregunta sobre as veces que repetiron a experiencia.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_