_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A porta de entrada a Latinoamérica

Editores e escritores valoran os froitos do encontro de La Habana

O vindeiro domingo, a Asemblea do Poder Popular Cubano escollerá o sucesor de Fidel Castro Ruz. Un día antes, é dicir, mañá, clausúrase a XVII edición da Feira Internacional do Libro da Habana, na que Galiza ostentou unha condición de cultura convidada de honra non exenta de polémica aquén do mar. Mais os axentes implicados ofrecen un balance inequivocamente favorábel. "A nosa valoración global resulta positiva", indica o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Alfonso García Sanmartín, xa regresado de Cuba. "Sabiamos que non era unha feira comercialmente importante pero si do punto de vista estratéxico". Dende o Partido Popular, denominan "escándalo" a viaxe da delegación galega a Cuba e o reparto na illa, segundo o informe entregado pola Consellaría, de 400.000 libros.

"Deixan os arquitectos de ir a EE UU porque hai pena de morte?"
"Son previsíbeis cambios inmediatos na illa e cómpre estar situados"
O blog referencial 'Brétemas' gardou significativo silencio sobre La Habana
"Fomos aló erguer a imaxe do país, non de excursión gastronómica"
Ánxela Bugallo cifrou o gasto en arredor "dun millón de euros"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete
Para Iglesias, "a feira serviu tamén para reencontrarse co galego en Cuba"

García Sanmartín, que encabezou a representación editorial na fortaleza de El Castillito, onde o Instituto Cubano do Libro organiza cada ano o certame, lembra que foi a AGE "quen solicitou que a cultura galega fose convidada en La Habana". "Entre os obxectivos que se cumpriron atopábanse visibilizar a nosa cultura e abrir portas para feiras latinoamericanas como a de São Paulo ou a de Guadalajara", afirma. Os editores galaicos despacharon a práctica totalidade dos 6.000 libros que, subvencionados pola Xunta para ofrecer "un prezo competitivo ao cidadán cubano", levaron á outra beira do Atlántico. Sanmartín teima na cuestión estratéxica: "En Cuba hai verdadeira fame de libros e son previsíbeis cambios a curto prazo; todo indica que se van abrir canles para crear empresas mixtas [entre propiedade privada e estatal] e cómpre estar ben situados". Nacións Unidas coloca nun elevado 96,7% a taxa de alfabetización da illa, unha das cinco máis altas de América Latina.

Cesáreo Sánchez Iglesias reforza as teses de García Sanmartín. "A feira resultou moi positiva, sobre todo se temos en conta que era un encontro cultural e non unicamente dos escritores", di. Con todo, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega enumera os contactos estabelecidos polos autores desprazados en La Habana: "Pechamos un acordo coa Casa de Poesía Dulce María Loynaz para publicar unha antoloxía, por exemplo, ou con outra editora de Colombia. A literatura oral galega [os contacontos] tamén entrou en contacto coa literatura oral cubana [os cuenteros]". "Coido que cumprimos a nosa función de representación", engade, "porque o sistema literario galego é moito máis amplo do que viaxou a Cuba". Para Sánchez Iglesias, o acontecemento tamén serviu para que "o país se reencontrase co que é en Cuba, unha galeguidade que se acha en descenso e moi confundida co español; axudou a marcar as diferencias".

Respecto das acusacións de "dilapidación", o poeta defende "o axustado dos gastos da delegación" en La Habana. "Fomos aló erguer a imaxe do país e tamén a autoestima", asegura, "e non se tratou dunha excursión gastronómica, como as que había no pasado". Fronte ás afirmacións de "connivencia" co réxime de Fidel Castro, Sánchez Iglesias fala de "país en marcha no que os cativos teñen unha auténtica ilusión lectora" e de "mínimo respecto polos procesos de desenvolvemento político de cada país". Manuel Rivas declaraba á Radio Galega dende La Habana non saber como se crítica acudir a Cuba con libros, "que sempre foron unha fiestra á liberdade".

O presidente dos editores, García Sanmartín, refírese "á imposibilidade de realizar unha análise así, mesturando cultura e política". E continúa: "Non fomos a Cuba a apoiar ningún Réxime pero tampouco a incidir en cambio ningún; foi un posicionamento en Latinoamérica de cara á feira de Guadalajara, un comportamento, polo menos no caso dos editores, totalmente profesional". "De feito, os mexicanos achegáronse aló para ver como funcionabamos e comprobar a calidade da nosa edición", remata. A Xunta presentou candidatura para ser a convidada na feira do libro de Guadalajara, a de meirande intercambio comercial da zona, en 2011.

Con máis contundencia exprésase a profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra. "O que hai que coñecer é se o investimento na feira de Cuba é rendíbel ou non", sinala, "e eu penso

que si. Rendíbel en termos de proxección cultural e rendíbel mesmo economicamente". "Amais", segue, "considero que é un xesto de cortesía aceptar a invitación dun país para participar na súa feira. Dito isto, se cadra non facía falta levar á Filharmónía". O ano pasado, Arxentina protagonizou o encontro habanero, logo de que o fixesen Italia ou España, e o vindeiro faráo Chile. "Precisamente Chile pediunos asesoramento", apunta Alfonso García Sanmartín, "porque coa situación actual da súa economía, dixeron, non poden realizar un desembarco así".

Vilavedra sospeita que as críticas do PP "serven de cortina de fume para que non se fale da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), por exemplo". "O que non acepto é que se deleguen nos escritores e artistas as responsabilidades morais", puntualiza, e pregúntase: "Deixarían os arquitectos de viaxar aos Estados Unidos porque alí está Guantánamo, alí hai pena de morte ou porque ese país iniciou a guerra de Iraq?". Cesáreo Sánchez Iglesias cita idéntico exemplo e compara illa con continente. "Por esa regra de tres, ir aos Estados Unidos onde hai pena de morte, un altísimo índice de pobreza e unha mortaldade infantil superior á da illa, tamén debería dar cargo de conciencia". Mais Dolores Vilavedra explica que "é necesario defender o acto por si só, como un investimento do que imos obter beneficios non sempre tanxíbeis".

Polo campo literario galego circula certo malestar soterrado arredor do evento libreiro cubano. A selección de escritores non se fixo, como era de agardar, a gusto de todos. E o blog de referencia Brétemas, que mantén o director de Xerais Manuel Bragado, gardou un significativo silencio sobre La Habana, ao tempo que informaba das opinións do escritor catalán Ferrant Torrent no xornal El Mundo arredor da feira do libro de Francfort, na que Cataluña foi cultura convidada: "Tratouse dunha mentira, é moi doado pendurar a medalla da viaxe, mais iso non soluciona o problema da cultura catalá. Hai cousas máis importantes que resolver, como o desprestixio da nosa literatura". Consultado para esta reportaxe, Manuel Bragado preferiu non opinar.

A lea orzamentaria desatada o pasado martes no Parlamento galego, cando se debatía a creación de Agadic, provocou que a titular de Cultura, a nacionalista Ánxela Bugallo, cifrase o custo da expedición cultural en "arredor dun millón de euros, limitados pola partida [orzamentaria] e iso é o que se vai empregar". O día da inauguración da XVII Feira Internacional de La Habana, o 13 de febreiro, o director do Instituto Ramon Llul de Cataluña, Josep Bargalló, presentaba o gasto da presenza catalá en Francfort o pasado ano, que atinxiu os 11 millóns e medio de euros.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_