_
_
_
_
Reportaje:MAREA DE VERBAS E IMAXES | Luces

A catástrofe dende o papel

Algunha novela, poemas e moito ensaio reflexionan sobre o 'Prestige'

Cando o escritor estadounidense Don DeLillo publicou a súa última novela, O home do salto, que trata o 11 de setembro de 2001 en Nova York, certa crítica recibiuno como a proba de que, cinco anos despois, á fin se podía facer literatura a partir do acontecemento. As tentativas anteriores -de John Updike ou de Jonathan Fraser, por caso- ficaban excedidas pola densidade destemida do autor de Submundo, que cruza monólogos interiores de vítimas e yihadistas no marco traumado da urbe.

Como se os cortes históricos, coa debida distancia, precisasen cicatriz para seren abordábeis pola literatura, do 13 de novembro de 2002, o día en que o Prestige emitiu o primeiro sinal de auxilio na costa galega, apenas emerxeu produción novelística. Veu visitarme o mar, de Rosa Aneiros, e O corvo de chapapote, de Luís Rei Núñez, son dúas das escasas obras que se enfrontaron ao naufraxio e a conseguinte rebelión cidadá ao xeito de materia narrativa. Se Aneiros tardou dous anos en pór na rúa o libro, que enmarca nas primeiras xornadas da catástrofe a historia dunha rapaza que loita contra a súa memoria, Rei Núñez trazou o seu relato case en tempo real: a narración pousouse nas librarías en marzo de 2003.

O xénero ensaístico foi o que centrou a produción de libros sobre o naufraxio

Sechu Sende facíase, tamén en 2003, co premio Blanco Amor de novela cunha obra de título Orixe. Mediante a alegoría, Sende constrúe o que a crítica Ana Salgado denominou "libro I da era posPrestige". Anxos Sumai, que onte recollía o premio Repsol de narrativa breve por Así nacen as baleas, matinaba sobre aqueles días no seu volume de diarios Anxos de garda. O vilalbés Agustín Fernández Paz e o cambadés Ramón Caride Ogando tamén incidiron con A praia da esperanza e A negrura do mar, dirixidas a lectores infantís e xuvenís.

No xénero poético non resulta tan difícil rastrexar as pegadas do petroleiro. Amais do xogo versificador de Pois era un barco pirata, un romance apócrifo editado por Xesús Alonso Montero, de Prestixio. Versos sen nicotina, un libro obxecto de Manuel Celso Matalobos, ou Mar de Lira, un poemario de Francisco Xosé Fernández Naval atravesado polo desastre natural, tres volumes colectivos recolleron poemas de ducias de autores. Alma de beiramar, compilado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega; Sempre Mar, polo colectivo de artistas Burla Negra, e Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, por Espiral Maior e Xerais, xuntan a práctica totalidade de escritores de poemas do país con libro publicado.

O movemento cidadán que respondeou ás xestións gobernamentais do accidente levou canda si a publicación dunha serie de libros a medio camiño entre a fotografía e o documento. Nunca máis. A voz da cidadanía reuniu, en 2003 e da man de Xabier Paz e Alba Vázquez Carpentier, máis de 1.500 fotografías e documentos relacionadas coa resposta cívica ao naufraxio. Na editora, Difusora das Artes e Ideas, preparan un segundo volume. "Fomos ficando sós o mar o barco e mais nós" é un coñecido verso de Manuel Antonio e o título da obra de dez fotógrafos e fotógrafas sobre o traballo dos voluntarios na limpeza da costa, nun só volume e publicada este mesmo ano. Xurxo Lobato tirou da súa cámara as imaxes de No país de Nunca Máis, colocada nos andeis hai catro anos por Galaxia.

A banda deseñada tampouco ficou allea á enxurrada de edicións sobre a marea negra. H2OIL e O chapapote móvese foron as dúas colectáneas que o Colectivo Chapapote levou á luz pública nos días do Prestige, xa en 2003. Durante o Viñetas do Atlántico do pasado agosto, o encontro de debuxantes e vendedores de cómic que se celebra na Coruña, o ilustrador catalán Sergi San Julián e o guionista vigués Carlos Portela presentaron as 20 primeiras páxinas da súa novela gráfica sobre o 13-N, A conta atrás.

Mais se a produción bibliográfica arredor do Prestige, o naufraxio e a xestión política do mesmo, se caracterizou por un xénero, ese foi o ensaio. Entre a prosa de combate de Suso de Toro en Nunca máis: Galiza á intemperie, no que encadernou os seus artigos para o xornal catalán La Vanguardia, e o groso ensaio de coartada científica e xustificación da actuación da Xunta de Manuel Fraga Prestige: a forza dos feitos, a restra de libros abrangue toda condición e militancia. Mesmo Xosé Manuel Beiras publicou en Laiovento a súa intervención parlamentaria na moción de censura que formularon BNG e PSdeG no Parlamento galego.

A na actualidade pouco activa editora Candeia inaugurou, en 2003, a elaboración de textos ensaísticos centrados na catástrofe ecolóxica. Oito autores, coordinados por Elías Torres, apareceron en Prestige: a catástrofe que despertou a Galiza? nunha achega múltiple e dende moi diferentes ámbitos. Un ano logo, repetiron en A lección do Prestige e ofreceron un balance máis distanciado. Sotelo Blanco contribuíu ao estudo e reflexión do tema con ¿Que foi do Prestige? Balance do impacto ecolóxico e social a un ano da catástrofe, de autoría colectiva.

Dirixido polo ex presidente da Xunta e catedrático de economía Fernando González Laxe, o voluminoso El impacto del Prestige subtitulouse Análisis y evaluación de los daños causados por el accidente del Prestige y dispositivos para la regeneración medioambiental y recuperación económica de Galicia. Precisamente esta semana a Universidade Internacional Menéndez Pelayo organizou en Santiago de Compostela unhas xornadas so o epígrafe ¿Qué aprendimos de la catástrofe del Prestige?. Con ese título editaron un volume colectivo, coordinado por Juan M. Garrido e Juan Lema Rodicio, no que participan metereólogos, ecoloxistas, politólogos ou economistas.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_