Selecciona Edición
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:LUCES

O activismo que move muíños

O arqueólogo Xosé Lois Vilar combina no Val Miñor a loita cultural e a ecolóxica

Activista cultural, arqueólogo, historiador, experto en toponímia e na lingua dos cabaqueiros, etnógrafo e empresario da froita, Xosé Lois Vilar é, sobre todo, un infatigable animador cultural no Val Miñor. Presidente da asociación SOS Groba e subdirector do Instituto de Estudos Miñoranos, a última batalla deste home polifacético que fala coa rapidez e a contundencia dunha ametralladora é contra o parque eólico que a empresa Eurovento, coa autorización da Consellería de Industria, quere erguer na Serra da Groba, a maior reserva natural de cabalos salvaxes de Galicia: "A existencia dos cabalos nin sequera se cita no Informe de Impacto Medioambietal", di amargamente.

Non hai persoa no Val Miñor que non saiba quen é Xosé Lois Vilar, O Pataqueiro, que é o alcume lle vén por asignación familiar. Mesmo os máis vellos saben quen é este home que sempre anda a pescudar a valía de cada testemuño oral que poida certificar o nome dun lugar que se está a perder, algunha información etnográfica ou o relato dalgún acontecemento local tras a rebelión militar de 1936. Porque Xosé Lois Vilar tamén é a voz da memoria histórica, como é a voz da Serra da Groba e mesmo a voz do mar: "Debaixo desa masa homoxénea que é a auga do mar existen praias, outeiros, cavorcos, e ao longo da historia os mariñeiros configuraron topónimos para denominalos; agora o GPS vén suplantar ese coñecmento da sociedade mariñeira tradicional, pero o fondo do mar está nomeado e bautizado e non podemos permitir que esa riqueza se perda para sempre", asegura. Xunto con Roberto Rodríguez, levou a cabo unha deslumbrante recollida toponímica a través de 60 quilómetros de costa, desde A Guarda até a praia de Patos que deu como froito a catalogación de 1.400 topónimos dos que só existía constancia escrita de 300.

"O fondo do mar está nomeado e bautizado e non podemos permitir que esa riqueza se perda para sempre"

A continuación realizou varias exposicións, conferencias, visitas toponímicas que el mesmo guiaba, e a publicación, xunto coa Confraría de Pescadores de Baiona, dun libro fotográfico coa toponimia costeira. Para Xosé Lois Vilar, todo o patrimonio inmaterial está practicamente por estudar, recoller e catalogar, aínda que o importante é que "o que se recolle teña retorno á sociedade, que a cultura repercuta no pobo, de xeito que se lle poida facer entender á xente o enorme valor que ten todo isto".

Un día de febreiro de 1984, este home, arqueólogo, subiu ao monte en Belesar, na procura dun testemuño para a recuperación da memoria histórica, indagando o cruento asasinato da Volta dos Nove en 1936 e, por casualidade, descubriu unha das mellores estacións de arte rupestre existentes hoxe en Galicia, Outeiro dos Lameiros, con máis de 30 petroglifos. Precisamente neste ano 2007 está a dirixir o proxecto de musealización do Outeiro dos Lameiros a petición da Comunidade de Montes de Sabarís. No verán, baixo a organización do Instituto de Estudos Miñoranos, guiou diversas visitas nocturnas ao lugar, abertas ao público, para admirar os petroglifos coa luz rasante das lantarnas mentres un grupo de gaiteiros tocaban agachados na escuridade.

E é que Xosé Lois Vilar, ademais de arqueólogo, é un guía excepcional, capaz de hipnotizar con esa voz profunda que agora pon ao servizo de SOS Groba e contra o maldito parque eólico. Con todo, o presidente da asociación puntualiza: "Nós, como plataforma civil, non estamos en contra das enerxías renovables senón a favor dun replantexamento do Plan Eólico de Galicia e dun mellor aproveitamento dos recursos xa existentes, anovándoos e aumentando a súa capacidade de produción".

O activismo cultural de Vilar ten esa vontade que fai mover muíños, aínda que nesta ocasión sexa para detelos, así que está convencido que os veciños van gañar a batalla: "A sociedade civil do Val Miñor xa impediu a urbanización de Monteferro, a megaurbanización da Chan do Cereixo e a instalación dun barco-restaurante na foz do río; é dicir, que sabemos mobilizarnos para evitar a destrución do noso patrimonio cultural e natural".

Entretanto, non esquece outras actividades paralelas ás que tamén atende: colabora coa exhumación de vítimas da represión do 36, investiga naufraxios, realiza recollidas etnográficas, e vai fortalecendo o seu riquísimo arquivo persoal: vídeos e fotografías de todos os actos que se realizan no Val Miñor, 3.100 documentos sobre a represión franquista na zona, fotografías antigas, arquivos familiares, documentos, correspondencia histórica diversa, vídeos en Súper 8 de hai trinta anos con valor etnográfico, e calquera pequeno tesouro que poida estar en perigo de extinción invaden, literalmente, a súa casa de Baiona. Ese é Xosé Lois Vilar.

O parque éolico da Serra da Groba

A empresa Eurovento, participada ao 50% por Fenosa e unha compañía xaponesa, ten proxectados 21 aeroxeneradores no parque eólico bautizado como Albariño I, 17 dos cales se edificarán sobre a superficie arrasada polos incendios forestais de 2006: "Escasamente dous muíños escapan da zona queimada; se é casualidade ou non é algo que ignoramos", afirma o presidente de SOS Groba.

A superficie total do parque será de dous millóns de metros cadrados e os muíños, que se instalarán sobre plataformas de formigón, teñen 125 metros de altura, o equivalente a un edificio rañaceos. Un deles está proxectado ao pé da Laxe Cruzada ou Pedra Escrita, un xoia da arte rupestre, dun metro de diámetro, que constitúe o maior labirinto coñecido de Europa.

Xa que logo, Xosé Lois Vilar critica duramente o informe arqueolóxico e etnográfico que encargou e presentou a empresa Eurovento: "Está mal feito; ou eran malos técnicos ou está manipulado: só na zona norte existen arredor de 60 xacementos arqueolóxicos, cando eles localizan 30. Ademais, non documentan ningún xacemento etnográfico, pero existen dous fermosos foxos de lobos que, por certo, están implícitos na toponimia, e os seus 800 metros de muro fan que aparezan nos mapas de escala 1:25.000; como tamén existen curros vellos, que son elementos etnográficos a excavar e preservar".

Pero "tamén a toponímia está totalmente dislocada no informe", asegura Vilar "e a estrutura técnica e viaria precisa para construír este polígono eólico -20 quilómetros de pistas de 6 metros de ancho e 25 quilómetros de condutos subterráneos- causará un gran impacto negativo sobre diversas especies de aves, insectos, turbeiras, etcétera por non falar dos cabalos, ademais do tremendo impacto visual. De feito, un dos viais afectará a un cemiterio neolítico de hai 6.000 anos, pois pasa por riba dunha das mámoas".

Ademais de SOS Groba, ao proxecto do parque eólico presentaron alegacións Verdegaia, o Instituto de Estudos Miñoranos, Luita Verde e algúns particulares.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 19 de octubre de 2007

Más información