_
_
_
_
Reportaje:LUCES | CAMIÑO DE VENECIA

A 'Biennale' máis galega

Como no cine, a cidade das canles acolle unha das grandes citas da arte internacional. A Biennale, que comeza o 10 de xuño, terá esta vez unha abondosa representación galega: Alberto Ruiz de Samaniego, comisario do pavillón español, leva consigo unha mestura interxeracional formada polos artistas Manuel Vilariño e Rubén Ramos Balsa.

RUBÉN RAMOS BALSA: "Creo que se parcela moito o campo do coñecemento ao separar tecnoloxía e arte
"MANUEL VILARIÑO: "Acudir a Venecia é unha experiencia que semella á do faquir que chega á nube co fío"
Vilariño: "Non creo nos criterios xeracionais e descoñezo case todo sobre a arte contemporánea galega"
Ramos Balsa: "Hai xente á que admiro, aprecio e incluso, coma din algúns críticos, copio"

O vindeiro 10 de xuño será unha data histórica para a arte feita en Galicia. Ese día abriranse as portas da 52ª edición da Bienal de Venecia, un dos certames artísticos máis prestixiosos do mundo, con máis dun século de historia, e no que o pavillón español terá un marcado acento galego pola presenza do comisario Alberto Ruíz de Samaniego e dos artistas Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) e Ruben Ramos Balsa (Santiago, 1978). É a primeira vez que a representación española en Venecia conta con dous creadores galegos, que terán unha magnífica oportunidade para expoñer o seu traballo nun evento polo que pasaron grandes figuras da arte contemporánea en edicións pasadas.

A presenza dos artistas galegos en Venecia coincide cun momento especialmente importante no panorama artístico de Galicia, que conta agora cun bo número de creadores que expoñen habitualmente dentro e fóra de España. Ao mesmo tempo, algunhas galerías galegas están a realizar un labor de promoción moi importante dos seus artistas, e centros coma o CGAC e o Marco loitan por conseguir que o público galego se interese pola obra duns artistas que case sempre son máis recoñecidos fóra da súa terra. Non existe na actualidade unha xeración coma Atlántica, cuns marcados trazos comúns entre os creadores que a formaban, pero sen dúbida a arte galega conta agora con moitos artistas cunha voz propia dentro do panorama internacional.

Nunha entrevista conxunta realizada nas instalacións do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago, Vilariño e Ramos analizan as características dos traballos que levarán a Venecia e reflexionan sobre os problemas aos que se enfrontan os artistas na actualidade e sobre algunhas das cuestións pendentes na arte galega de hoxe.

Aínda que están separados por casi 25 anos de idade, ambos artistas coinciden nalgúns puntos, coma o seu interese polo emprego das novas tecnoloxías na arte e un certo escepticismo por todo o que representa a súa presenza nun dos acontecementos artísticos do ano. Malia importancia que supón acudir á Bienal, da a sensación de que ambos desexan que todo remate o antes posíbel para poder voltar tranquilamente ao seu traballo habitual. De todos os xeitos será difícil que a súa carreira artística sexa a mesma despois da experiencia veneciana.

Pregunta. ¿Qué supón para vostedes que a súa obra estea presente na Bienal de Venecia?

Manuel Vilariño. Eu estou á marxe dos grandes acontecementos e da sociedade do espectáculo. A Bienal de Venecia para mín supón unha pedra no camiño que non sei se vai converter en algo positivo ou negativo. Trátase de enfrontarme a un tipo de evento ao que non estou acostumado.

Ruben Ramos. No meu caso súpón que a miña obra vai ter máis visibilidade. Eu estou comezando no mundo da arte e o feito de que o meu traballo estea nun certame tan importante permite que moitas persoas vaian ter a oportunidade de coñecelo.

P. O calendario está cada vez máis cheo de bienais e grandes feiras de arte. ¿Conserva a Bienal de Venecia o prestixio que lles falta a outros eventos deste tipo?

R. R. Non estou moi seguro de coma respostar a esa pregunta.

M.V. Venecia é a bienal das bienais. Por ela pasaron moitos dos grandes nomes da arte das últimas décadas pero tamén acudiron moitos artistas cunha obra menor. Sen embargo, a arte contemporánea ten entrado na banalidade e na sociedade do espectáculo, e a Bienal de Venecia é un exemplo disto tamén. Hoxe fanse bienais de arte en todas as partes e xa non hai diferenzas entre un evento artístico e unha feira das vaidades. Pasou xente por Venecia da que eu teño aprendido moito. Trátase de artistas que deberíamos ter oportunidade de ver en Galicia algunha vez, de feito algún deles tivo unha exposición neste mesmo centro coma Giovanni Anselmo. Dalgún xeito na Bienal ten coexistido o frívolo co sagrado.

P. ¿Que é o que tratan de transmitir coa obra que cada un de vostedes presentará en Venecia?

R. R. Levarei unha instalación audiovisual formada por distintas pezas. O meu traballo nestes últimos anos ten que ver coa medición e coa representación do tempo. Presento unha serie de pezas que funcionan coma enclaves. Trátase de pequenos acontecimentos, gravacións feitas nos últimos anos que procuro amplificar coa tecnoloxía. O meu obxectivo é modificar o espazo e de aí o estudio sobre a medición e a representación do tempo.

M.V. O que vou a presentar en Venecia é o que levo feito toda a miña vida e que consiste en traducir a imaxe poética en imaxe plástica. Trátase de amosar a través da miña ollada un mundo de imaxes poéticas. O meu traballo refirese á existencia e á inexistencia, e tamén se ocupa de conceptos coma a aparición, a orixe, a ingravidez e a desaparición. Isto fágoo amosando distintos polípticos que falan sobre a transición da vida á morte. A miña obra é sempre unha experiencia de coñecemento. A través deste traballo vou abrindo camiño, e esta exposición pretende investigar sobre os espazos límites: o deserto, a inmensidade do océano...

P. ¿Cómo se relacionan as súas pezas co lema central do pavillón español, Paradiso Spezzatto, extraído da obra de Ezra Pound?

R. R. Eu teño curiosidade polo concepto de fragmentación. Pero máis que as partes me interesan os nexos. Trátase de reconstruir os vencellos entre esos elementos inconexos. Máis que a idea de fragmentar o que me atrae é o xeito no que se poden pegar os anacos.

M.V. Eu coñezo a obra de Ezra Pound dende hai 35 anos, veño do mundo da poesía e da filosofía. Nas miñas pezas traballo co concepto de paraíso coma eu o entendo, que consiste no paraíso vencellado ao inferno, á dor, á ledicia e ás emocións profundas da creación. A miña vida estivo relacionada co burato, coas fendas, que son ao mesmo tempo o paraíso e o inferno. Isto conecta coa idea da existencia e da inexistencia, do ser e do non ser. A poesía é a miña forma de vida.

P. ¿Hai outros artistas galegos que pola calidade da súa obra poderían estar presentes nun evento cunha repercusión tan importante coma a Bienal de Venecia?

R. R. Calquera persoa pode ir á Bienal, non hai limitacións, vaise ou non se va. Sempre se fala de construír unha xeración coma se fose unha necesidade. Hai moita xente que está a facer cousas, eu vou por libre pero sí que penso que se están a facer traballos moi interesantes. Eu estou en contacto con artistas de Galicia, de Finlandia e de moitos lugares e disciplinas diferentes. Hai xente á que admiro, aprecio e incluso, coma din algúns críticos, copio.

M.V. Eu non creo nos criterios xeracionais pero amais eu descoñezo case todo o que se refire a arte contemporánea galega. Vin algunhas exposicións pero non teño un coñecemento sobre a arte nova galega porque para telo hai que estar vencellado ás escolas e facultades.

P. ¿É diferente para un artista acudir a unha bienal do que supón prepararse para unha exposición doutro tipo?

R. R. Para mín non é moi diferente porque supón amosar o meu traballo e adaptalo ao espazo no que se vai expoñer. As miñas obras só se verán nun espazo concreto do pavillón español e sobre todo o demáis que rodea á Bienal coñezo moi pouco.

M.V. Acudir á Bienal supón subir a unha nube, co que implica iso metafóricamente. É coma poñer un fío e subir a través del ata a nube e logo volver a baixar. E unha experiencia semellante á do faquir que alcanza a nube co fío, sube a escaleira e soña.

P. Ambos empregan novas tecnoloxías no seu traballo. ¿Non se está a sacralizar demasiado o emprego de medios técnicos por parte dos artistas contemporáneos?

R. R. No meu traballo emprego medios tecnolóxicos pero non semella moi intelixente analizar unha obra polo uso da tecnoloxía. A arte sempre ten convivido coa tecnoloxía. Estamos rodeados por ela pero creo que un traballo que se deleite no placer tecnolóxico non ten porque ser unha obra de arte. Ás veces dame a impresión de que se parcela moito o campo do coñecemento ao facer unha división radical entre a tecnoloxía e a arte. Eu emprego os medios técnicos pero o máis importante consiste en saber sublimar o medio co que estás traballando. A tecnoloxía funciona coma unha extensión dos nosos sentidos. Nós temos un patrón cultural que construímos desde a nosa sensibilidade e, ás veces, a tecnoloxía nestes casos fai de intermediario.

M. V. Eu pertenzo ao territorio do imaxinario, traballo coa luz e a través dela podo revelar o oculto. Fascínanme as novas tecnoloxías. Cando vexo a miña vella cámara Volex e a comparo cos medios técnicos que se empregan agora quédome perplexo, asombrado. As máquinas actuais son coma seres galácticos e cando as utilizo acabanme arrastrando coma si fose un títere de feira. As novas tecnoloxías son o auténtico paraíso fragmentado.

P. ¿Como ven o momento actual da arte contemporánea en Galicia?

M. V. Non vexo que aquí teñamos os proxectos intelectuais que existen no extranxeiro, sorpréndeme que non haxa activistas da arte. E coma si non houbera o substrato intelectual teórico nese aspecto rechamante e espectacular que ten a arte contemporánea. Aquí temos boas infraestruturas pero non existe ese intercambio de ideas que permite xerar proxectos colectivos.

R. R. O que aprendin é que para facer un proxecto de calquera tipo ten que haber unha planificación. Deben existir uns centros de arte contemporánea en función da sua visibilidade, do número de habitantes e do fluxo de obras. Hai que armonizar esa situación. O ideal é que todo proxecto responda a unha necesidade real.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_