Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
AFONSO EIRÉ | Luces

"Descubrín que se podía escribir do que nós faciamos"

Cursaba segundo no Seminario de Lugo e contaba 12 anos. Era o mes de agosto, en plenas as festas patronais de Chantada, cando o xornalista e escritor Afonso Eiré (Chantada, 1955) recibiu o seu exemplar de Memorias dun neno labrego. "Agasalloumo o meu tío", lembra, "e grazas a Neira Vilas descubrín que se podía escribir do que nós faciamos, que a aldea era materia para escribir". "Eu coñecía a eses Balbinos, podían ser o fillo do caseiro de Baeiro, por caso", di.

Para Eiré, que daquela xa pasaba historias ao papel, a novela de Neira Vilas non só funcionou literariamente -o seu libro de 2000, Eu tamén fun coas vacas, "é un neno labrego da xeración seguinte"-, senón na propia vida: "Agudiza o sentido de ir contra as inxustizas, de ir contra a represión dos que falabamos galego ou a descriminación dos de aldea". O periodista d'A Nosa Terra releu Memorias... recentemente. "Reafirmeime nos sentimentos que me causara de cativo", expón, "e ao mesmo tempo deceteime da influencia que realmente tivera en min".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de diciembre de 2010