O premio dos lectores ideais
O San Clemente, cun xurado de estudantes, atrae a escritores de todo o mundo
A Ubaldo Rueda, director do instituto compostelán Rosalía de Castro, convocante do Premio Arcebispo Juan de San Clemente desde 1995, incomódalle que a súa poida parecer unha idea prestada. "É como se non se concibira que algo así fose posible en Galicia, sen máis. Chegamos a estar en Francia, país centralista onde os haxa, e saímos no suplemento de Le Monde cada ano". A idea é, de seu, o máis visible duns premios que recoñecen as mellores novelas do ano en lingua galega, castelá e estranxeira.
Ata aí, normal. Unha particularidade é que o xuri compóñeno 10 alumnos de 2º de bacharelato de cinco institutos galegos, que escollen entre tres novelas por categoría, previamente consensuadas polos profesores. Outra é subsecuente: o ditame adolescente xa trouxo a Compostela a Tabucchi, Eugenides, Saramago, Auster ou Amélie Nothomb, accesibles nunha distancia infrecuente, cea cos rapaces incluída. A orixinalidade vén de partida: "Nacemos coa axuda da empresa que hoxe é Acciona [daquela Cubiertas MZV]", resume Rueda. A construción do polideportivo do instituto deu problemas, pero do trato con algúns executivos acabou callando unha amizade: eles foron os mecenas iniciais duns premios que se organizan con 18.000 euros, a metade para os escritores. Iberia pon o avión, e o Hostal dos Reis Católicos dá pousada.
"Todos fan por vir. Non é institucional, o xurado decide sen interferencias..."
"Quixemos converter os alumnos en protagonistas", insiste Rueda, que apontoa o significado pedagóxico de "cultivar os soños xuvenís". "Os alumnos sendo xurado, entregando o premio e ceando cos escritores... Parecía imposible". A pureza do xurado non tardou en atraer a editoriais e personaxes relevantes dos centros literarios. Jorge Herralde, de Anagrama, comezou a vir a Compostela en 1997, cando os rapaces escolleron o Tabucchi de Sostiene Pereira. Este ano -pola Feira de París- delegou na súa responsable de comunicación. Anna Jornet resúmeo: "Cando se lles explica aos escritores en qué consiste o premio, todos fan por vir. Non é institucional, deciden uns mozos sen interferencias...".
A xuventude dos alumnos garante unha visión intuitiva da historicidade literaria, sen as fachadas terminolóxicas que riscan o gusto dos maiores. En 1996, o romanticismo burgués de Mañana en la batalla piensa en mí, de Javier Marías, gustou máis có García Márquez de Del amor y otros demonios, cando xa se intuía unha festa con Nobel no claustro de profesores. Sendo a bizarría relativa -os profesores seleccionan as obras-, a imprevisibilidade é un feito. "Só miramos que non sexa primeira novela, e fuxir dos best sellers", di Margarita Prado, que preside o comité de selección de obra en castelán e lingua estranxeira -María do Carmo Ríos Panisse encárgase do galego-, asesorada por Luís Alonso Girgado e José Sánchez Reboredo. En xeral, continúa, "profesores e alumnos non adoitamos coincidir". Non se pensaba que o Ensaio sobre a cegueira -lido en castelán- de Saramago fose accesible para eles, e foino. A práctica contradí tópicos: "Uns rapaces len moito, outros nada. Tampouco creo que nós leramos tanto á súa idade".
Os mozos tamén defenden o seu padal. Javier Cereijo, estudante de Física, votou por Kafka en la orilla, de Murakami, na 13ª edición, para obras publicadas en 2006. "As outras [de Banville e Nooteboom] eran máis clásicas. A de Murakami era diferente, cun toque oriental". Teresa Vilas, hoxe en Xornalismo, escolleu Tres segundos de memoria, de Diego Ameixeiras, no apartado de galego do mesmo ano. Gañou, oito a dous, O club da calceta, de María Reimóndez. "O premio reflicte o gusto da xuventude", di. E repara no afortunado percorrido d'O club da calceta...: "Parece que non nos trabucamos". O salto dos San Clemente, agora, pasaría por integrar a institutos españois e europeos. As traducións serían de ida e volta.
Galegos ou non, o mesmo prato
Ferrín -No ventre do silencio- non o gañou. Teoría do caos, de Marilar Aleixandre, si. Gonzalo Navaza, que viña de superar un accidente de coche, coincidiu con Jaime Bayly e Saramago. E o Borrazás de Criminal, con Javier Marías e Jostein Gaarder. Kundera está entre os estranxeiros que non viñeron por medo a voar. Veu Auster e pediu lamprea. Ubaldo Rueda destaca o "encantadora" que é Amélie Nothomb, cuxa excentricidade se limitou a comer con luvas...
Para Suso de Toro, que gañou con Tic-Tac en 1995 -cadroulle con Vargas Llosa e Tariq Alí-, o fundamental dos San Clemente é que sitúa as obras literarias en galego "dun xeito descolonizado, nun contexto normalizador". Os autores galegos non amenizan visitas. "É un premio contra os complexos e a minorización. Sen ter que dar explicación ningunha, dá por suposto que unha novela en galego é igual que calquera outra escrita noutra lingua". E lembra o "pracer" de tratar cun xurado tan mozo. "Quizais nesas idades está o lector ideal".
Anxos Sumai, que recibiu onte o premio en galego da 14ª edición por Así nacen as baleas -coincidiu cos gañadores da 13ª, Murakami, Reimóndez e Molina Foix, e con Luis Landero, a falta de Julian Barnes-, fixo unha defensa apaixonada da lingua como instrumento literario. "Que o xurado actúe libre, e que discutan as novelas, amosa que hai relevo na lectura".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.