_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O galego 4049 de Mauthausen

Manuel Rivas

Estamos nunha casa de Négrepelisse, na prefectura de Tarn et Garonne, no departamento Midi-Pyrinées, en Francia. É o día 6 de agosto de 1945. Un home escribe unha carta o 6 de agosto. Vai para trinta anos. Naceu en San Miguel de Mones, na aldea do concello de Petín, Ourense, o 18 de novembro de 1915. Mais no seu aspecto semella que pasou o século enteiro como unha apisoadora por riba del. Agora non. Xusto agora, non. Porque está a escribir unha carta.

Para el esa carta é máis importante que calquera outra cousa que se poida escribir. Moito máis importante que unha obra mestra. Talvez, de estabelecer algunha comparanza, a carta que escribe laboriosamente, porque non está afeito a escribir, porque leva moito tempo sen poder escribir, mesmo diriamos, e non sería esaxerado, que leva moito tempo sen vivir, pois esa carta, cunha letra que avanza a ritmo de buril en táboa de madeira, tería por título axeitado o de Á procura do tempo perdido, o que puxo Marcel Proust á súa magna obra.

Albino González era un galego que loitara no Exército republicano, pasou a Francia e foi internado

Iso é o que fai Albino González. O galego que vai para trinta anos que chegou a Négrepelisse e que se puxo a escribir unha carta. Este home silandeiro escoita o son da súa propia escrita como unha "voz baixa" da Historia humana. El tamén anda á procura do tempo perdido. Marcel Proust transformou a enerxía da memoria en tempo de pescuda. Lembrar sería un ir á procura. E iso transformou a narración. Xa non só se trataría de facer biografía ou reflectir o pasado. O tempo da novela xa sería un novo tempo. O presente que contén o pasado e que presinte o futuro.

Albino González, ao seu xeito, utiliza a técnica de Proust. Mais ten que ser cauto na expresión do seu lembrar, malia a escribir á persoa que máis quere no mundo. Escribe a María. Escribe a Ibiza. Non desexa lectores. Abonda con María. Sería un triunfo que María o lese. Mais el sabe que vai ter máis lectores. Lectores indesexábeis. Lectores secretos. Talvez apaixonados. Tan apaixonados que, esta tempada, en España, está de moda o andar á caza. Á caza do ser humano. Os da Censura Militar. Os da Censura Policial. Vai ti saber cantos lectores tivo a carta cando chegue a María, se é que chega a María. Porque María, pasado o tempo, é tamén un enigma.

Vexamos o que escribiu Albino:

"A mi inolvidable Marujita: Pienso que te extrañará mucho el recibir esta misiva mía tan tardía, pero la primera por la posibilidad.

Maruja, después de cuatro años te escribo estas líneas para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti, en la lucha tan larga y dura que se me ha impuesto para vivir, no he olvidado por ello, el recuerdo de un ser que me ha sido siempre querido.

Yo pienso que te habrás casado o en todo lo mínimo te habrás ligado en amor a otro hombre, cosa que yo considero muy justa, si esto es así, no por ello olvido tu amistad ni tampoco debes hacerlo conmigo, y si por el contrario tu sigues aún queriéndome como yo a ti, espera poco más que días llenos de Felicidad que se aproximan para nosotros.

Dime algo del que como yo fue tan informtunado, tu papá. Cuéntame algo más que yo a ti, yo tengo historia pero no para hoy, dale besos de mi parte con el amor de hijo a tu mamá, a Anita y a Lidya, y recibe inolvidable María el eterno amor de Albino".

En Que é a literatura?, obra do 1948 que marcou durante anos o debate verbo do compromiso do escritor, Jean-Paul Sartre preguntábase por que e para que se escribe. Sabemos que Albino escribe a unha moza chamada María. Sabemos que escribe que á procura. Soña cunha noiva para o futuro. Mais hai un anaco na carta, unha febra deste tecido, que constitúe de seu un manifesto abraiante da condición humana, o agargalar nunha frase a realidade e o desexo. Albino condensa nesa frase todos os tempos e toda a experiencia do mundo. Sen nomealo, contén o horror. Sen citala, apoia na esperanza. Non hai ningunha grandilocuencia, ningunha retórica, ningún ornamento, mais a construción é perfecta, imposíbel de mellorar:

"Escribo estas líneas para que sepas solamente que aún vivo, y que vivo pensando en ti".

Son dezaseis verbas. Eis o porqué e o para quen. Se toda a linguaxe caera no Sil e as aureanas e aureáns que bateaban as augas co cunco para topar as pebidas de ouro tivesen que decantar unhas verbas, que máis quererían? Estou vivo e penso ti. Va que presta lanzar un xubiloso xuramento! Mais Albino escribe esta bomba informativa en voz baixa. Iso é o que leva facendo a humanidade perseguida dende sempre cando transmite a información esencial. Esa é a verdadeira Ars Poetica equivalente a como a define Archibald MacLeish:

"A poem should not mean

But be"

Dito ao xeito de Albino: O poema está vivo.

Quen era Albino González?

Un galego que loitara no Exército republicano, ferido de gravidade en Irún, e que se repuxera en Valencia, onde coñeceu a María Gómez cando ela tiña 16 anos. El volveu á fronte a loitar, pasou a Francia cando a caída de Cataluña e foi internado no penoso campo de Argelés. Cando a invasión nazi, Albino alistouse no exército francés. Detido polos alemáns, sufriu o destino de miles de españois republicanos. Os que levaban como marca o triángulo azul nos campos de exterminio nazis. Cando Franco e Serrano Súñer foron consultados polos xefes nazis sobre o destino destes españois recibiron a resposta de que os "verdadeiros" españois estaba en España. É dicir, estes dous grandes criminais non tiñan mortos dabondo no propio país senón que converteron en apátridas a miles de SP, os spaniards, heroicos españois nas gadoupas nazis. Albino foi levado ao inferno de Mauthausen co número de matrícula 4049. No mesmo convoi ía o ourensán Juan González del Valle, con número de matrícula 4054, logo deportado a Gusen, coa matrícula 9035, onde morrería gaseado o 26 de novembro de 1941. Albino sobreviviu en Mauthausen. Cando foi liberado o 5 de maio de 1945, día en que entrou o Exército dos Estados Unidos, era un dos responsábeis clandestinos da resistencia naquel inferno.

Algo sabiamos del polo que contara o fillo, Xesús González Gómez, sabio certamente en Ars Poetica e na historia das "voces baixas" da humanidade. Autor, entre outras pezas imprescindíbeis nunha biblioteca xerminal, de A lingua secreta. Entre nós, XGG. O valor dunha clave para protexerse do virus da amnesia. É el, XGG, quen agora publica no mesmo volume Cartas da noiva, de Albino González González, e El argonauta, de Juan Gómez Ripoll Campos (Edicions Documenta Balear). El argonauta é o comezo dunha novela truncada polo crime. O seu autor era Juan Gómez, o pai de María, pasado polas armas no cárcere provincial de Palma en 1942. Cando coñece a noticia da morte de Juan Gómez, Albino escribe a María: "Otros muchos conmigo juran ser vuestros padres, o relevar sus funciones, juran defenderos, juran sosteneros, y no hace falta jurar puesto que tú bien sabes quienes somos nosotros". Quen eran? As "voces baixas".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_