_
_
_
_
Reportaje:Luces

Literatura do estrañamento

A Nova Narrativa abriu as letras galegas a escenarios urbanos e alienantes

"Naquela altura, só Cunqueiro e Blanco Amor propuxeron algo equiparábel en calidade á Nova Narrativa". O xuízo do poeta Xabier Cordal resulta contundente. Para o autor de Fruto do teixo (1994), o monllo de escritores que, na década de 60, conectou as letras galegas coa contemporaneidade literaria europea "permitiu dar un salto de décadas respecto do modelo realista hispánico, empobrecido e repetitivo". Entre as dúas obras de Gonzalo Rodríguez Mourullo, Nasce un albre (1954) e Memorias de Tains (1956), e un estadio final aínda en discusión -hai quen afirma que o proxecto da Nova Narrativa non está pechado- aquela promoción acolleu nomes hoxe de referencia: o primeiro Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, o recentemente morto Camilo Gonsar ou as obras iniciais dun Carlos Casares.

"A Nova Narrativa permitiu saltar décadas sobre o realismo hispánico"
Ferrín mirou a Grillet e Queizán a Claude Simon, segundo Angueira
A urbe na Nova Narrativa é un territorio hostil, deshumanizado
O rastro destes escritores séguese, con dificultade, na prosa contemporánea

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) publicou en 1965 A orella no buraco. "O libro, malia a que se publicou un ano despois, escribino antes de Arrabalde do norte de Ferrín", deféndese, "mais son muller e non tan importante... O caso é que foron as dúas únicas obras obxectalistas da Nova Narrativa". Queizán refírese a unha das lecturas configuradoras do paradigma xeracional, a dos traballos da Nouveau Roman francés e autores como Alain Robbe-Grillet, Claude Simon ou Nathalie Sarraute. O escritor Anxo Angueira, que taxinomizou a novela Bretaña, Esmeraldina (Méndez Ferrín, 1987), sitúa Dans le labyrinthe [No labirinto, Robbe-Grillet, 1959] e "en xeral" a obra de Claude Simon no punto de mira de Ferrín e Queizán, respectivamente, á hora de redactar os seus libro-manifestos da Nova Narrativa.

"Ferrín foi decisivo na conformación do grupo". Angueira argumenta coa mención á polémica que enfrontara a Mourullo con Ramón Piñeiro. "Piñeiro, seguido de Carvalho Calero, falaba dos 'factores esenciás' da literatura galega, que aqueles rapazolos non cumprían", relata, e concreta: "A esmorga, Memorias dun neno labrego, Longa noite de pedra e a Nova Narrativa Galega remataron co esencialismo piñeirista". O propio Ferrín, en palabras de Angueira, foi quen "se vencellou á obra de Robbe-Grillet e da Nouveau Roman, nunha clarísima estratexia de lexitimación literaria".

Pero esa francofilia literaria non afectaba a todos por igual. o Gonsar nunca se recoñeceu no espello obxectalista e iso malia a que o seu Cara a Times Square utiliza técnicas análogas para relatar a dureza metropolitana e o fracaso do individuo moderno. "Gonsar, lonxe dos avatares intrasistémicos e da publicidade, gardou fidelidade aos principios estéticos da Nova Narrativa durante toda a súa traxectoria", asegura Anxo Angueira. Dos relatos de Lonxe de nós e dentro (1961) á novela A noite da aurora (2005), o narrador sarriao nunca cedeu aos usos convencionais da literatura galega, nunha xeira que, segundo Manuel Forcadela, atopa o seu gran tema na alienación.

"Quixemos incorporar o feo, o desagradábel, o grimítico", relata Queizán, "sacar a Galicia do tradicional e introducir nomes estraños, abandonar o rural". Queizán defínese como "escritora sen aldea" para colorar a importancia que estes escritores concedían ao urbano. "A fuxida das ubicacións rurais foi fundamental", corrobora Angueira. Mais as cidades da Nova Narrativa non se corresponden necesariamente co real. As tácticas de estrañamento, tan apegadas aos modos de escrita de Gonsar ou do Ferrín de Arrabalde do norte, debuxan a urbe a xeito de territorio hostil, deshumanizado, con elementos axuntados de escenarios diversos e poucas veces identificábeis.

"Á parte das características que citan os manuais", apunta Xabier Cordal, "o que máis me interesa hoxe destes autores reside na súa capacidade para denunciar a realidade política do seu tempo sen deixar de facer gran literatura". Queizán admite certa relación entre a censura da época e o escurecemento ao que someteron os seus libros os participantes no movemento. "Había afán por modificar as cousas", sinala, "e iso ten que ver coa procura dunha literatura vangardista". Nese nó entre ansias emancipadoras e modernidade estética comparecen, segundo a escritora d'A orella no buraco, lecturas de Samuel Beckett, William Faulkner ou Franz Kafka, "amais do existencialismo e a súa filosofía".

"Sempre se dixo que os contidos daquela promoción eran novos", explica Angueira, responsábel da reedición de Bretaña, Esmeraldina, "pero aí está Kafka e o fondo común, a alienación". Para o profesor da Universidade de Vigo, a Nova Narrativa ofreceu unha resposta estética coetánea da que se facturaba na "capital mundial das letras" da época, París. E afirma que, bardante Luis Martín-Santos, certo Cela ou o primeiro António Lobo Antunes, a tentativa literaria da Nova Narrativa non tivo equivalente "nin en España nin en Portugal".

O rastro das propostas de Gonsar, Ferrín, Queizán, Xohana Torres -Forcadela encadra no movemento Adiós, María (1965)- ou o malogrado Ánxel Vázquez Diéguez -As ponlas baixas (1968)- séguese, con dificultade, na prosa contemporánea. Angueira cita o caso Cid Cabido, "o mellor discípulo de Camilo Gonsar", e o certo é que a pegada común de Beckett salta ao lector. "Calquera intento de reflexión sobre a identidade, tanto do punto de vista existencial como nacional, debe partir da Nova Narrativa", esixe Cordal, quen enumera a Martínez Oca, o Manuel Darriba de Accidental (2003) ou a Samuel Solleiro. "Máis tanxencialmente, as propostas metaliterarias de Xurxo Borrazás ou algunha de María do Cebreiro".

"A trama entre política e narración daquel Ferrín interésame moito, amais do tratamento da alienación en Camilo Gonsar", consinte Xurxo Borrazás. Pero tamén matiza "a dificultade de manter unha literatura obxectalista, tan fría, na altura de hoxe" e constata que "os autores novos procuran antes influencias anglosaxonas". Iso si, Borrazás, que publicará nova novela o mes que vén, nega a maior: "Tampouco estou seguro de que Nova Narrativa sexa un movemento; defendo que as xeracións son como as constelacións, unha serie de puntos brancos nos que alguén ve unha cabra e xa todo o mundo di que é unha cabra. Pero a relación non resulta tan evidente. E a Xeración Nós ou Rosalía tamén estaban ao tanto do que se cocía na Europa do seu tempo".

Manuel Darriba extrae a lección da actitude. "Non mirarse ao embigo e unha pulsión estílistica, agora en parte perdida, de procura de voz propia. Quedo con iso ao mirar aqueles escritores". Memorias de Tains, do Mourullo que se afastou para sempre da literatura cunha Carta a Manuel Antonio, o serodio Desfeita (Semirreportaxe) (1983) de Camilo Gonsar ou Cambio en tres (1969) de Carlos Casares son obras ás que recorre Darriba: "Non perden co paso dos anos".

"Ler Nova Narrativa", conclúe Xabier Cordal, "vacina contra a visión colonial e acomplexada da nosa literatura, o que antes pasaba coas letras hispanas e agora coas lusófonas". Antídoto contra a subalternidade ou experiencia para evitar alfándegas literarias, é Angueira quen certifica: "A Nova Narrativa aínda non rematou; Ferrín segue a escribir".

Obras da N.N.G.

- Nasce un albre (1954), Gonzalo Rdguez. Mourullo

- Lonxe de nós e dentro (1961), Camilo Gonsar

- Arrabaldo do norte (1964), X.L. Méndez Ferrín

- A orella no buraco (1965), Mª Xosé Queizán

- Vento ferido ( 1967), Carlos Casares

- A torre de Babel (1968), Lois Diéguez

- O camiño de abaixo (1970), Xohán Casal

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_