_
_
_
_
Reportaje:Luces

O lonxano noroeste

Escritores e críticos peninsulares explican a súa visión da literatura galega

É difícil medir canto hai de ideoloxemas dispares, falta de penetración editorial ou perda daquel espírito de axuda entre literaturas "colonizados" co que se publicitou, alá por 1983, o primeiro encontro da Galeusca de escritores. O certo é que nunha libraría de Madrid, Barcelona, Bilbao ou Lisboa segue sendo máis sinxelo preguntar pola poeta asturiana Olvido García Valdés que por calquera poeta galego. Chus Pato, por exemplo.

Sen comparar á autora de Ella, los pájaros, ultimamente visible en Tusquets, coa súa coetánea galega -accesible en castelán na antoloxía Un Ganges de palabras, a cargo de Iris Cochón, editada pola Deputación de Málaga-, un feixe de editores, críticos e escritores en castelán, catalán e vasco falan de canto lles interesa a literatura galega. Que é o que coñecen e por que non coñecen máis. A poeira mediática do caso Steiner cóase algunhas veces, pero outras non.

"Por que non hai unha colección da mellor literatura dende a Transición?"
"A lírica medieval e Rosalía xa validan a existencia dunha literatura"

O crítico e poeta Luis Antonio de Villena, con torreiro en El Mundo, coñeceu personalmente a Manuel Vilanova e ao Blanco Amor que esparexía spleen polos bares de Madrid. De Galicia interésanlle, sobre todo, "Ramiro Fonte, Xavier Seoane ou César Antonio Molina, aínda que sexa ministro". Coñece a a lírica galego-portuguesa -foi alumno de Pilar Vázquez Cuesta-, "pero dese mundo tan rico tes que saltar ao século XIX. Rosalía ten un valor antropolóxico máis que literario, pero no ámbito europeo, non digo no frouxo XIX español, sería unha poesía menor". "Nos últimos 50 anos", segue, "tentouse conectar a Idade Media coas vangardas históricas, pero iso é un paso moi arriscado. É normal que moitos caian". No camiño cara á situación actual, fala de "abrir as ventás". "As cuestións de lingua e literatura deberían despolitizarse", di De Villena, que non ve fallas ideolóxicas na recepción da literatura galega. Só a regresión do mercado editorial.

Non opina o mesmo o escritor e crítico Luis García Jambrina, organizador dos Encontros de Verines desde hai dez anos. "Só coa lírica medieval e con Rosalía xa se xustifica a existencia dunha literatura", di. "Pero para iso hai que coñecela". A Jambrina parécelle que a exaltación das literaturas periféricas, nos últimos tempos, "consiste en atrincheirarse nelas, cando habería que espallalas polo resto de España". "Que nas diferentes autonomías se fomentase o coñecemento do que se fixo nesoutras literaturas españolas axudaría moito", recoñece.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Para Manuel Rico, director de Bartleby Poesía e tamén escritor, "a tradición literaria galega é tan antiga e profunda como a catalá, pero Cataluña industrialízase no XIX". "Por iso estamos máis invadidos polas súas traducións. Planeta ten unha división de literatura catalá, e grupos de matriz catalá como Edicions 62 teñen difusión estatal. Iso non pasa nin en Galicia nin en Euskadi". Da poesía última interésalle sobre todo "a que se pode enmarcar nas correntes poéticas recentes", di, por Ramiro Fonte e a poesía da experiencia.

"Na Transición, ler a Celso Emilio e a Cunqueiro en galego era case unha obriga", lembra Rico. Como proposta de achegamento, insinúa que "máis que revitalizar a antiga Editorial Nacional, habería que potenciar as iniciativas de capital público para que as literaturas periféricas poidan incidir en Madrid e Hispanoamérica". "Elas soas non o poden facer". A escasa difusión dos grandes premios fóra de Galicia tamén xoga en contra. O crítico de EL PAÍS, que coñece as iniciativas de Rinoceronte Editora, prepara a edición bilingüe da poesía completa de Sylvia Plath, traducida por Xoán Abeleira, pero nin sequera pensou nunha antoloxía de novos poetas galegos "como mal menor". "Por que ningunha editorial recupera a gran literatura galega da Transición cara aquí?", pregúntase. "O paradigma da literatura galega coñecida son Manuel Rivas e Suso de Toro, e pouco máis". Unha maior sensibilidade, alén do Padornelo, tamén sería cousa boa. "Que Rafael Conte situase a dous ou tres autores galegos novos sería importante, claro...".

Ernest Folch, director de Ara Llibres e ex director editorial de Grup 62, dimensiona a cuestión desde Cataluña. "O problema é que o Estado español non considera que as literaturas vasca, galega e catalá sexan tamén literaturas súas, esa disposición perdeuse, pero tamén é certo que, se nos ignoramos tamén entre nós, algunha culpa teremos". Á excepción galega engádelle un problema de "autoestima". "Os que tivemos a sorte de contactar con Basilio Losada decatámonos da importancia da lírica galego-portuguesa, pero que non houbese a afouteza de colocala entre as grandes literaturas de Europa é tamén culpa dos galegos". Para Folch engárrase moito na demanda, "cando en realidade o problema está na oferta, que dista moito de ser equitativa". "E aquí hai moitos espazos para regulala, por exemplo, situando os clásicos traducidos nos aeroportos, como fan en Dinamarca", propón.

Entre Sis poetes gallecs, a antoloxía de poetas galegos traducidos por Álex Susanna, e a recente Antologia de poetes gallecs contemporanis, median 17 anos. Cid Cabido, Borrazás ou Xavier Queipo, como epítomes dunha posmodernidade literaria galega, seguen inéditos no mercado en catalán. A literatura infantil e xuvenil si é amplamente coñecida: Agustín Fernández Paz é o galego máis traducido, e editoriais como SM e Edebé manteñen premios accesibles nos catro idiomas peninsulares.

Quizais a distancia irónica que establecen escritores vascos como Ramón Saizarbitoria ou Koldo Izaguirre axude a redefinir a cuestión. "A min Galeusca sóame a asociación de perxudicados", di Saizarbitoria. "Un Atxaga, hoxe, xa edita simultaneamente en éuscaro e castelán, e non sei que influenza terá iso na xente que antes facía por lerte con esforzo". Izagirre, tradutor de Novoneyra, Dieste ou Castelao, remarca o traballo en Euskadi do profesor Xosé Estévez. "Todo son empeños persoais que ás veces chegan ás editoriais", resume. "Que a proxección universal do escritor en linguas minorizadas de España sexa en castelán é outro tema", di. "Ás veces parece que de Euskadi só interesa a capucha".

Galicia e Portugal, e ao revés

"Acusamos moito a Madrid, pero o certo é que entre nós non coordinamos esforzos", di Arturo Casas, catedrático de Teoría da Literatura na USC. "Falta sentido de comunidade". "Se falamos de galegos e portugueses, o ideoloxema foi o iberismo, pero vascos e cataláns viven noutros espazos. Sendo tan desigual o horizonte, todo se vai reducindo ao voluntarismo persoal". Con respecto á lusofonía, protagonista de moitas paixóns no ámbito filolóxico, Casas é claro: "Portugal non nos recoñece porque recoñecéndonos tería que dinamitar as súas bases nacionais". O crítico recomenda "pluriubicarse dentro das relacións interperiféricas".

Para Elías Torres, do departamento de Filoloxía Portuguesa, que en Galicia non se poida estudar portugués como segunda lingua opcional dá outra medida do problema. "Unha cousa é que non teñamos Estado, e outra que non existan espazos onde poidamos comportarnos como tal".

En Portugal, segundo Pedro Serra, especialista en Literatura Portuguesa en Salamanca, os autores galegos que transcenden o ámbito académico poderían ser Rosalía, Blanco Amor, Cunqueiro e Ferrín. Que aos portugueses lles custe tanto ler en galego é tema a parte. "Aí si se podería operar politicamente", di. Os que non poderían xustificar unha literatura son autores intraducidos como Carlos de Oliveira. Son as "perplexidades da literatura portuguesa".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_