Galicia en foco
A como vai a cotización da imaxe, da fotografía, en Galicia? Segue valendo cada unha máis que mil palabras, ou un 24% menos, na mesma porcentaxe de inferioridade dos salarios de aquí comparados coa media española? "As exposicións de fotos son sempre éxitos de público, e a calidade dos profesionais penso que está por riba da media española", considera Xurxo Lobato, premio Ortega y Gasset de Periodismo Gráfico en 2003.
"A fotografía non é diferente da música contemporánea ou do cinema. É un camiño por facer nun país sen tradición, cunha cultura visual inexistente e unha educación estética moi deficiente", descré Manuel Vilariño, o último -e o noso primeiro- Premio Nacional de Fotografía. Claro que cada un fala do seu. "Refírome á fotografía conceptual ou plástica, con apenas presenza en Galicia, onde a reportaxe ou a fotografía documental son moi visibles", aclara Vilariño.
"O medio fotográfico superou nestes últimos quince anos as diatribas que producía arredor dos valores estéticos ou documentais e, como non, tamén mercantís. Hoxe está en galerías, ocupa un espazo no mercado, e pouco a pouco tamén nas coleccións privadas, como se pode apreciar na exposición Paixóns Privadas, Visións Públicas, agora no MARCO", asegura Natalia Poncela, historiadora da arte experta en fotografía. Poncela data ese ascenso chamémoslle social coa Fotobienal de Vigo que, mediados os anos 80, e da man de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, deu a oportunidade ao público de coñecer tanto os referentes históricos da fotografía galega como a obra de autores internacionais de prestixio. Unha semente que se desenvolverá posteriormente na importante colección do Concello de Vigo e na creación do Centro de Estudos Fotográficos (CEF).
Nos 90 créanse "os espazos para a formación", como a Facultade de Belas Artes de Pontevedra ou a Escola de Imaxe e Son da Coruña. Os espazos para a exposición e a colección -para a valorización, en definitiva- como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o MARCO completaron o proceso, que nos últimos anos reforzan galerías privadas como Ana Vilaseco na Coruña, C5 en Compostela, ou Bacelos en Vigo. Neste proceso fóronse consolidando traxectorias, ademais das dos citados, tamén as de fotoperiodistas como Miguel Riopa, Xoán Soler, Lalo Villar, ou os máis novos, Fran Herbello, Victoria Diehl, Enrique Lista...
Afianzado o medio, aséntanse tamén as polémicas. Unha, a de artista versus fotógrafo. "Resulta, canto menos, curioso que cando máis aceptada e interiorizada é a fotografía, máis se elixe o termo 'artista' e non 'fotógrafo' para a denominación dos seus profesionais; cando nun medio como na pintura ou na escultura se marca sen obxeccións o termo nominativo do profesional", salienta Natalia Poncela. Outro dos clásicos, Vari Caramés, móstrase menos sorprendido e máis contundente: "Ves que hai fotógrafos que saen co carné de 'artistas' na man. Hai menos introspección e menos espontaneidade, e máis concepto e máis intelectualidade. Como me dixo un en Fotoespaña: 'Se queres emocionarte, mira unha foto da túa avoa, pero eu non quero ver exposicións que precisen libro de instrucións". Outros dos veteranos, Xoán Piñón, rebaixa o ton: "Un creador de calquera disciplina convive e utiliza a fotografía como medio de expresión ou como complemento da súa actividade. A fotografía ten unha vitalidade extraordinaria, e converterase na arte máis popular e a máis alternativa".
Entre as novas fornadas hainos, como Manuel Valcárcel Piro, un documentalista de asombrosa madurez, para quen a foto ou o video son un xeito de vida e de viaxe, ou como Maribel Castro, para quen a fotografía é "unha forma hiperrealista de pintar" e que constrúe o que aparece nelas reflectido como se fose algo real, "xogando con esa suxestión que a xente ten veracidade". Ou Alberte Peiteavel, que fai desde fotorreportaxes en Beirut a fotografía de paisaxes, e que non ten un discurso artístico "porque me parece un pouco ridículo, o que me interesa é a imaxe clásica, a que ten un obxectivo estético".
Outra é a irrupción das novas tecnoloxías. "Na era dixital, o bo profesional disfruta máis co seu traballo, permite facer un seguemento total da imaxe e utilizar a creatividade ao teu gusto e criterio", sentencia Kake, un dos grandes da fotografía social, posuidor dun premio Goya. Emilio Lavandeira, un novo-pero-veterano fotógrafo de axencia considera que a eclosión das cámaras de vídeo de alta definición suporán unha revolución. "Alguén pode pensar que a imaxe fixa desaparecerá, pero unha fotografía dá unha información máis rápida ca un vídeo dun minuto. E Internet é como un burato negro que todo o absorbe, pero ao final prevalecerá o que teña un plus de calidade", afirma sen dubidar.
Expostas as polémicas, aínda que non resoltas, é o momento de sinalar carencias e facer peticións. "Falta formación audiovisual dende as primeiras etapas educativas, que ensine a mirar imaxes con capacidade critica. Sobran macro infraestruturas valeiras de contido e carísimas de manter", apunta Xosé Abad, promotor de Revela! Xurxo Lobato lamenta que o traballo de concellos e outras moitas institucións de recollida de fotos e arquivos enteiros, "a memoria gráfica do país, en definitiva, non se faga do xeito científico e sistemático que se debería, que non exista unha Fototeca Galega, porque o CGAI non está a cumprir esa función", dóese.
"As institucións en Galicia están a grande altura, incriblemente ben, con boa vontade e abundancia de proxectos. Faltan núcleos de debate e existe medo ás ideas", sopesa Manuel Vilariño. "En calquera caso", reflexiona, "un artista está sempre a medrar no medio do deserto. E non teño nada claro que teña que se implicar nas políticas publicas da arte".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.