"O nacionalismo foi positivo para a modernización"
Ao pouco de chegar a Galicia, en 1974, o historiador Justo González Beramendi (Madrid, 1941) comezou a militar no nacionalismo. Antes de que rematase a década iniciou as súas pescudas sobre a reivindicación da soberanía política galega. Vintecinco anos despois, "unha xestación verdadeiramente moi longa", entregaba na editorial o volume De provincia a nación. Historia do galeguismo político. A través de 1.248 páxinas, Beramendi relata o nacemento e a evolución do galeguismo, entre o provincialismo e o auxe e destrución do Partido Galeguista durante a Guerra Civil.
Pregunta. Hai diferenzas entre galeguismo e nacionalismo?
Resposta. A reivindicación de Galicia como un ente diferenciado no histórico, no cultural e con certos dereitos de autogoberno presenta unha evolución histórica. A primeira fase é o provincialismo, dende os 40 até os 80 do século XIX. Nunha segunda fase, experimenta unha mutación, no ideolóxico e no organizativo, e muda en rexionalismo. Logo, sáltase ao nacionalismo coas Irmandades da Fala en 1916. O nacionalismo considera que Galicia é unha nación distinta da española, ou que esta non existe. Dentro do galeguismo entran as tres etapas. Hoxe fálase de galeguismo como unha especie de nacionalismo light, que defende o autogoberno pero rexeita a soberanía. Apenas asume parte do primitivo programa do nacionalismo.
"O independentismo non é outra etapa evolutiva, é un ingrediente do nacionalismo"
"Hoxe fálase de galeguismo como unha especie de nacionalismo light, que defende o autogoberno"
"A responsabilidade social dos historiadores xa non é tanta como foi. Agora temos menos influencia"
"A aprobación do Estatuto de Autonomía non se pode concebir sen a acción tenaz do PG"
P. Cando xorden as primeiras organizacións políticas?
R. Corresponden á fase rexionalista. A Asociación Regionalista Gallega, fundada en 1890, ten o mérito de ser a primeira, co seu voceiro La Patria Gallega. Nela confluíron os tres sectores do rexionalismo: o liberal, herdeiro do provincialismo e encabezado por Manuel Murguía; o tradicionalista, novo dentro do galeguismo e encabezado por Alfredo Brañas, e o republicano federal, liderado por Aureliano Pereira. En 1897, aparece a Liga Gallega. A súa incidencia resulta practicamente nula na dinámica política do país e hai que agardar á fase nacionalista para falar de organizacións políticas estábeis.
P. En que etapa o galeguismo acada a modernidade política?
R. A modernidade ideolóxica tena dende un principio, á par doutras manifestacións semellantes de Europa. A modernidade política non a chega até a II República e a fundación do Partido Galeguista [PG]. As Irmandades da Fala, a primeira expresión organizada do nacionalismo, non son politicamente un fenómeno moderno, polo menos importante, senón unha mestura de club cultural e de organización política, pouco eficaz e relativamente malograda.
P. Que significou a II República na historia do nacionalismo?
R. Un salto cualitativo importantísimo e truncado pola guerra. O PG fúndase con ela e, en catro anos e medio, pasou de 700 a 6.000 afiliados e de ter presenza en 28 concellos a tela en 150. Nesa época, o nacionalismo mudou en actor influínte na dinámica política do país. A aprobación do Estatuto de Autonomía non se pode concibir sen a acción continua, tenaz, persistente do PG.
P. No seu libro destaca a investigación sobre a fraude electoral na República...
R. Apliquei un traballoso método sistemático de análise, mesa electoral por mesa electoral, nas tres provincias, agás Pontevedra, nas que se conservan as fontes. Malia a que a República si trouxo a democracia nas zonas urbanas, no rural, o nivel de fraude resultou altísimo. O sistema de listas abertas facilitaba sutileza no engano.
P. A que partidos beneficiou?
R. Afectábaos de maneira diferente. Para manipular resultados electorais era preciso influír nas persoas que compuñan a mesa nas xuntas electorais que despois validaban ou non as actas. Partidos como o PG ou o PSOE non tiñan ese poder e as súas posibilidades de participar nese reparto fraudulento resultaban moito menores. A fraude beneficiou sobre todo ás forzas da dereita que herdaran as tramas caciquís da Restauración, como Calvo Sotelo na provincia de Ourense, ou a aqueles que tiñan o poder, como a ORGA.
P. Pero os abraiantes resultados no plebiscito do Estatuto, que aprobaron 1.963.000 galegos e rexeitaron 6.161, tamén insinúan a existencia de fraude.
R. A Constitución republicana impuña unhas condicións leoninas para considerar válido un referendo autonómico: esixía unha participación dos dous tercios do censo, daquela practicamente imposíbel porque os censos non estaban actualizados, e unha votación afirmativa tamén de dous tercios. Os referendos dos estatutos realizáronse con pucheirazo. Pero iso non implica que fosen ilexítimos, porque había unha lexitimación indirecta. O resultado afirmativo indicaba que as forzas políticas máis representativas estaban de acordo en pedir autonomía para Galicia.
P. Onde se incardina o galeguismo no eixe esquerda/dereita?
R. O galego, como todos os nacionalismos, é ideoloxicamente heteroxéneo. O que varía é a forza relativa de cada un dos sectores, e o ideoloxicamente hexemónico marca a pauta. No caso do Estado español, o nacionalismo vasco, até a Guerra Civil, foi de dereitas e mesmo reaccionario. En troques, o catalán e o galego, non. Neles hai dereita e tradicionalistas, pero como conxunto exerceron un papel de centro esquerda. O nacionalismo galego, malia a existencia dun Brañas, dun Risco, dun Pedrayo, resultou maioritariamente liberal, demócrata e tivo unha acción positiva na modernización de Galicia e de España.
P. O independentismo conforma outra etapa na evolución?
R. O separatismo non é outra etapa, é un ingrediente do nacionalismo. Todo nacionalismo, ao considerar que a súa nación imaxinada é suxeito de soberanía, tende a pensar que o mellor xeito de que esa soberanía chegue á súa plenitude está na independencia. Pero partes, maioritarias ou non, dese nacionalismo consideran que esa opción, a máis consecuente coa súa ideoloxía, non é na práctica a máis conveniente. O horizonte do nacionalismo realista atópase na confederación ou, como pouco, na federación, onde existen suxeitos orixinariamente soberanos que ceden parte desa soberanía na federación e que reteñen a outra parte. O exemplo son os Estados Unidos. O independentismo é máis consecuente que realista.
P. Cando comeza a historiografía do galeguismo?
R. A historiografía do galeguismo é moi recente. Antes hai intrahistorias do galeguismo político que empezan moi cedo, poñamos por caso o libro de Murguía Los precursores, de 1875, un ensaio que semella preguntarse "que fomos até agora?" a partir de certas figuras. Pero a historiografía empeza nos anos 70 coa revolución historiográfica. O pioneiro foi Xosé Ramón Barreiro, co seu libro de 1977 O levantamento de 1846 e as orixes do galeguismo. Francisco Bobillo, Ramón Maiz, José Antonio Durán ou Xavier Castro construíron achegas de valiosas. Mais a primeira historia sistemática, dende as orixes á Guerra Civil, aínda que está mal que eu o diga, é De provincia a nación.
P. Cal é a responsabilidade social dun historiador?
P. Xa non é tanta como foi. No século XIX os historiadores foron fundamentais nos procesos de nacionalización e agora, non sei se para ben ou para mal, temos menos influencia. Calquera sociedade precisa dunha determinada visión do seu pasado, que pode desenvolverse de xeito diferente porque o pasado constrúese en función dos intereses do presente. Fóra dos mercenarios ao servizo da extrema dereita, como Pío Moa, estamos os que pretendemos ser científicos. Non queremos que as nosas opcións ideolóxicas interfiran na labor historiográfica até falsear a realidade.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.