_
_
_
_
Reportaje:AQUÍ E ACOLÁ. | LUCES

O país dos vasos comunicantes

Os símbolos da cultura forxáronse na emigración, pero a súa visibilidade no mundo ainda é feble

Esta é a terra da auga, o país dos mil ríos e tamén, no que toca á cultura, o dos vasos comunicantes. Hai un século, cando aquí non daba abrollado a reivindicación da identidade, foi na emigración onde se forxaron os símbolos propios e de onde saían os cartos para facer escolas. Nos anos que precederon á II República, aquela semente ultramarina comezou a dar froito aquí, ata que a intelixencia foi arrasada a sangue e lume, e sementados de sal os campos nos que se cultivaba. O que deu sobrevivido trasladouse outra vez a América e alí prendeu ata que puido ser transplantado de novo na terra de orixe. Desde hai 20 anos, a Galicia territorial é quen se encarga de bombear a actividade cultural. A finais dos pasados anos 90, despois dunha década desa proxección normalizada, o galego máis coñecido no mundo era Julio Iglesias, seguido de Camilo José Cela, segundo unha enquisa da Xunta.

"A cultura ten que ser o instrumento máis eficaz para proxectar a nosa imaxe no mundo"
"As linguas non se miden polo número de falantes e dificultades para promocionarse"
"O papel do castelán é o deses ciclistas que van abrindo paso e tirando dos demais"

Non é máis ca unha anécdota. A sondaxe, sen entrar na súa fiabilidade estatística, estaba probablemente deseñada para xustificar a designación do cantante como embaixador e os honorarios correspondentes. Nas respostas inducidas non deberían figurar candidatos de semellante orixe galega como o actor Martin Sheen ou o músico Manu Chao. E desde logo, non é comparable a potencia de fogo promocional de CBS Sony coa do Goberno galego. Tan certo é que, desde os comezos da autonomía, a promoción cultural no exterior foi unha preocupación constante como que foron os propios creadores os que se procuraron o éxito portas afora, desde Milladoiro a Siniestro Total, desde Manuel Rivas a Suso de Toro e desde Paco Leiro a Menchu Lamas.

"A cultura ten que ser a nosa denominación de orixe, o instrumento máis eficaz para proxectar a nosa imaxe no mundo, e as comunidades galegas no exterior deben ser destinatarias dunha oferta cultural que vaia máis alá do paternalismo e do carácter asistencial con que viña actuando a Administración", define Luís Bará, director xeral de Promoción Cultural, os obxectivos que se marca o Goberno galego.

A efectos prácticos, logros como o de Cataluña, ser país invitado na feira do libro de Francfort, "non se conseguen da noite para a mañá", recoñecen no departamento que dirixe Ánxela Bugallo. Galicia si será o país protagonista da edición 2008 da feira do libro de La Habana, anuncian na Consellería de Cultura, ó tempo que salientan o feito de que, por vez primeira, a música galega participou cun stand propio nunha feira internacional de referencia como o Midem. Tamén o cómic galego está tendo presencia como tal, alén das figuras que acadaron o prestixio internacional por si mesmas, como Miguelanxo Prado ou Das Pastoras (que estes días expón en París).

A outra pata da difusión exterior son os Centros de Estudios Galegos, uns 40, case todos dotados de lectorados, e que están radicados nas universidades dunha ducia de países, de Finlandia a Australia. Dependen da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ademais de centrarse na mellora das condicións de traballo -sempre un tanto precario- dos lectorados, o ano pasado asinou un convenio co Instituto Cervantes para usar a súa rede de centros n a promoción da cultura e do idioma de Galicia. "Na promoción das culturas de España, o papel do castelán é o deses ciclistas que van abrindo paso e tirando dos demais", asegura o director do Cervantes, o escritor coruñés César Antonio Molina, que aboliu a norma non escrita, pero ferreamente aplicada, de que o Instituto non difundía outra cultura ca feita en español. "As linguas non se miden polo número de falantes, e dificultades para promocionarse tamén as ten o holandés ou o húngaro", asegura Molina.

"Os problemas son a falta de planificación e de medios", analiza Xabier Cid, lector na Universidade de Stirling (Escocia). "Estou a 40 quilómetros de Glasgow, un dos escaparates do pop, pero non podo organizar concertos de grupos galegos. Tampouco nos coordinamos coa programación que pode facer a Consellería de Cultura. Todo está a expensas do entusiasmo persoal", considera Cid. "Eu agora fago performances, e digo sempre que son galego. É a miña aportación", afirma o escritor Xelís de Toro, que logo de rematar o seu labor como lector sigue residindo no Reino Unido.

Concentrar esa dispersión de esforzos, institucionais e mesmo persoais, é o papel reservado ó Instituto Rosalía de Castro, o organismo de difusión exterior que figuraba tanto nos programas electorais de socialistas e nacionalistas como no pacto do goberno que asinaron para facerse cargo da Xunta. As dúas partes recoñecen, sen embargo, que non será nesta lexislatura.

A Galicia global

Nos anos 60, unha rapaza de Oregón, Anne Marie Morris, descubriu uns poemas nun idioma estraño e non parou ata saber que eran dunha tal Rosalía. Naquel idioma escribiu un libro, Voz fuxitiva. Na mesma época, un rapaz inglés que chegaría a ser catedrático de Oxford, John Rutherford, descubría en Ribadeo que aos nenos non se lles trataba de vostede, como lle ensinaran en clases de español, e que tamén se falaba un idioma que non era castelán. Estes son os exemplos clásicos de xente que chegou ao galego por un frechazo. O outro manancial da cultura galega son os que recuperan as orixes, como a escritora brasileira Nélida Piñón, o produtor audiovisual Enrique Nicanor ou o guionista de Hollywood Rafael Yglesias.

"Galicia desgaleguizouse coa emigración, pero o mundo galeguizouse cos nosos emigrantes". Unha cita de Camilo Valdehorras, profesor na Universidade de Barcelona e director da revista ReNova Galicia, que achega Débora Campos, periodista porteña que forma parte do grupo de Lectores Galegos que se xunta no Café Tortoni de Bos Aires, e que asegura non entender "como unha nación como a galega non é capaz de capitalizar a súa presencia en todo o mundo". É neta de galegos, como Antón Rei, que soamente veu unha vez ou outro bonaerense, Roberto Abalde, que aprendeu galego en Iinternet e creou o primeiro tradutor informático galego-castelán. "A cultura galega no exterior debe articularse en redes de relación bilateral e multilateral, non só Galicia-mundo senon mundo-mundo", asegura Ana Miranda, que coordinou o número Galicia global de ReNova Galiza.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_