De Teixeira de Pascoães a Chico Buarque
Os portugueses manteñen a saudade como elemento identitario, o contrario que Brasil
"A saudade sigue funcionando como concepto ideolóxico-filosófico da identidade colectiva dos portugueses, que se preguntan moito por si mesmos. Aínda que remita á corrente da Renascença Portuguesa, con Teixeira de Pascoães e Leonardo Coimbra como figuras centrais, hoxe continúanse a facer ensaios de relevancia sobre a cuestión. Velaí os traballos de Eduardo Lourenço, coa súa O labirinto da Saudade", explíca Ramiro Fonte, o escritor galego que actualmente dirixe a sede lisboeta do Instituto Cervantes
De feito pódese tirar do fío de Teixeira como teórico do saudosismo para conectalo coa elaboración posterior na Galiza, caso de Ramón Piñeiro. Teixeira, que mantivo unha importante relación coas xentes da Xeración Nós, nomeadamente con Risco pero tamén con Castelao, tivo unha certa influencia na Teoría do nacionalismo galego do intelectual ourensán. Entre 1910 e 1919 Teixeira de Pascoães desde a revista que dirixía, A Águia, desenvolve unha teorización que procura as raiceiras ontolóxicas da identidade e tamén responde a unha nova situación política xerada meses anos en Portugal coa proclamación republicana. Os anos finais do XIX e os primeiros do século XX son os tempos nos que, pese á súa pequena dimensión, Portugal é quizais o país cunha das máis importante literaturas da Europa. Sexa como nostalxia do imperio ou como reacción á obriga de ter que debruzarse no mar e converterse nos grandes navegantes que abren Europa cara Oriente o certo é que a idea da saudade como fatalismo impregna unha parte relevante da identidade do país. "Podemos falar", acrecenta Ramiro Fonte, "da saudade en Portugal nos mesmos termos que no caso galego, pero nos portugueses é máis un fatalismo con altas doses de conformismo e no caso dos galegos nun momento dado somos capaces de combinalo cunha meirande capacidade de saír adiante e loitar pola vida".
Xunto a esa concepción, a idea da saudade segue mantendo unha certa mitificación misteriosa. Hai pouco a empresa británica Today Translations, logo de consultar a un milleiro de tradutores profesionais, situaba a palabra "saudade" en portugués como a sétima máis difícil do mundo para traducir. Sexa como for acaso esa singular maneira de melancolía , de nostalxia do pasado ou do perdido, actúa como marca de referencia portuguesa e deixa a súa pegada tanto na fala como na música popular, sexa o fado ou nas distintas variantes que foron inzando nas antigas colonias portuguesas. Así teríamos a morna popularizada pola caboverdiana Cesária Evora, que acada maxistralmente esa evocación sensorial que aos galegos quizais nos resulta doado comprender, tamén polas nosas frustracións históricas ou acaso porque a emigración masiva de galegos e portugueses nos dous últimos séculos obriga necesariamente á morriña desde o lonxe.
Fronte a esa presenza cuase filosófica, que actúa no imaxinario colectivo portugués aínda hoxe en moitas manifestacións culturais, non parece que sexa o mesmo o caso do Brasil, que parece distanciado desa grandilocuencia identitaria. Se tomamos como referencia o movemento da Música Popular Brasileira (MPB) podemos situar case seu nacemento radicalmente transformador cun título de Tom Jobim e Vinicius de Morais, Chega de Saudade, popularizado en 1958 por João Gilberto. É certo que a mudanza tiña sobre todo a ver coas formas musicais pero acaso aquela letra tamén agacha o desexo de ruptura cun determinado ollar: "Vai minha tristeza / E diz a ela que sem ela não pode ser /Diz-lhe numa prece /Que ela regresse /Porque não posso mais sofrer /Chega de saudade /A realidade é que sem ela /Não ha paz /Não ha beleza /É só tristeza e a melancolía /Que não sai de min".
En 1969, Caetano Veloso publicou o tema Saudosismo, unha das cancións-manifesto da Tropicalía e na que o bahiano amósase con señardade dos tempos de gloria da bossa- nova, que tamén foi movemento de contestación da cultura poético-musical dominante. Caetano teima repetidamente no seu retrouso Chega de Saudade, unha maneira de saudar á canción-manifesto da bossa-nova e ao tempo rexeitar o saudosismo.
Quizais uns versos doutra gloria da MPB, Chico Buarque, encadre esa distancia que o termo, aínda reducido ao aspecto de desamor, pode definir acaidamente esa desidentificación: "Oh, pedaço de min /Oh, metade arrancada de min /Leva o vulto teu /Que a saudade é o revés de um parto /A saudade é arrumar o quarto /Do filho que ja morreu (...) Oh pedaço de mim /Oh metade adorada de mim /Leva os olhos meus /Que a saudade é o pior castigo /E eu não quero levar comigo /A mortalha do amor /Adeus".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.