_
_
_
_
Entrevista:Xosé Ramón Barreiro Fernández | Presidente da Real Academia Galega | LUCES

"Os mozos non usan o galego para namorar"

A celebración do centenario da Real Academia Galega (RAG) toca o seu fin e o actual presidente desta institución, o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández (Santa Uxía de Ribeira, 1936), cre que a situación da lingua non é tan mala como algúns pretenden pintar. Iso sí, considera que os poderes públicos teñen que apostar con máis forza para promover o uso da lingua e garantir a súa supervivencia xunto a unha lingua tan poderosa coma o castelán.

Pregunta. Cando naceu a RAG non tiñamos institucións propias, pero falaba galego o 90% da poboación e agora temos institucións pero só falan galego o 60%. ¿Por que temos chegado a esta situación?

Resposta. En 1906 había un 92% de poboación rural e o vehículo habitual deles era o idioma galego, neste momento os habitantes do medio rural en Galicia serán un 25% ou 30% do total. Tal como vostede o di pode parecer que a situación é terrible, pero hai que ver que temos máis falantes en galego cós que existen en catalán, e iso e algo que normalmente non se ten en conta. Temos moi galeguizadas as vilas e bastante tamén as cidades, incluso algunhas que teñen fama de non falar moito en galego, como A Coruña e Ferrol. Aínda que as cifras poidan parecer preocupantes teñen unha explicación, porque as persoas que falaban galego estaban no medio rural ou na periferia das cidades. Sen embargo, nos últimos anos a nosa lingua introduciuse en ámbitos totalmente urbanos como a universidade. O galego está nas teses doutorais, nas conferencias, etc. A etapa na que se identificaba ao galego co paisano e propia do século XIX e boa parte do XX como una especie de defensa simbólica que se facia desde as cidades frente ao pailán que era o que falaba galego. Creo que esa barreira está superada porque o galego hoxe xa se fala en todas partes.

"A RAG non ten previsto un novo cambio de normativa en bastante tempo pero as linguas están vivas"
"A convivencia entre o galego e o castelán é desigual porque este ten todos os medios ao seu alcance"
"Non sabemos a que agarda o Goberno galego para aplicar o proxecto de normalización"
"Pódese eliminar o concepto de nación se queda claro que somos unha cultura propia e diferenciada"

P. ¿Cales son os aspectos que máis lle preocupan da situación actual do idioma?

R. Na franxa da adolescencia o galego está perdendo efectivos a pesar de que contamos coa escola en galego e que a lingua tamén se estuda nos institutos. Parece que voltamos á carencia de autoestima que é un estigma que tivemos sempre os galegos. Os mozos non utilizan o galego para namorar ou para relacionarse lúdicamente cos outros porque temen que os identifiquen como membros do Bloque ou cun pailán da aldea. Esa cousa simbólica todavía funciona pero non creo que sexa tanto unha cousa das persoas como da mente dos propios mozos que teñen aí unas reservas estranas. O outro día eu falaba disto nun acto público e cando pedín á xente que empregase o galego para namorar xurdiu unha voz que dixo 'Eu xa o fago'. Ese podía ser un bo eslogan.

P. Hai pouco tempo Suso de Toro dicía nun dos seus artigos que hai que preocuparse por que o galego sexa unha lingua que se use non só na literatura ou na poesía senón en todos os sectores da sociedade. ¿Comparte esta opinión?

R. Estou totalmente dacordo con el. Aquí temos un problema que é que a nosa burguesía sempre foi allea a toda a problemática galega. Dá o mesmo que as nosas grandes empresas teñan titulares que proceden da aldea e que seguramente por esa carencia de autoestima da que falabamos renunciaron ao uso do galego a nivel persoal e empresarial. Un día falando cos empresarios díxenlles que por falar galego e facer as comunicacións da empresa en galego non ían perder cartos. Entón comprendín que ao que teñen medo é a que os estimen menos. Hai que dar a batalla para que o galego esté en todos os ámbitos da vida social: no deporte, nos mozos, na universidades, onde se toman as grandes decisións, na banca. Dende a RAG non sabemos a que agarda o Goberno galego para que o proxecto de normalización linguística que foi aprobado por todos os partidos na anterior lexislatura se poña en práctica. Fanse algunas cousas en determinados ámbitos, como a iniciativa do ensino integral en galego, pero hai que poñelo a funcionar en todos os aspectos. Non nos corresponde a nós aplicalo senón ao Goberno galego. Pode ser un problema de falta de presuposto porque non quero pensar que sexa un problema de falta de vontade política. Eu plantexeille a cuestión ao presidente da Xunta durante a última celebración do Dia das Letras Galegas e puiden observar o seu interese por este asunto.

P. A literatura galega atravesa un momento espectacular.

R. O produto galego serve para a lectura gozosa, para a súa tradución e tamén para pensar en facer películas e obras teatrais. Ese é un síntoma positivo de que a literatura galega está a pasar un momento importante. Temos escritores como Méndez Ferrín, Manolo Rivas, Suso de Toro, as obras de Luz Pozo en poesía... Penso que son un síntoma evidente de que aquí temos unha literatura de primeira liña. Non creo que haxa una contradición entre o bo momento da literatura e o uso do galego.

P. ¿Como ve a convivencia entre o galego e o castelán neste momento?

R. É unha convivencia desigual porque o castelán ten todos os medios ao seu alcance. O castelán e a lingua do Estado e ten toda a protección. Non hai máis que ver a protección que ten a Real Academia Española e a que recibimos nós do Estado español a pesar de que a Constitución di que as lenguas periféricas teñen que ser tamén defendidas polo Estado, pero iso non se cumpre. O castelán é a lingua de todos os xornais, dos de Madrid e dos de Galicia, tamén predomina na televisión e na rede Internet.. Sen embargo, aquí estamos e seguimos falando. Iso quere dicir que os pobos resisténse a perder os seus sinais de identidade, e defenden con obstinación a súa condición de pobos diferenciados. Calquera outra lingua desaparecería nunha situación semellante.

P. ¿Cre que hai unha excesiva utilización política do galego?

R. Os partidos non teñen reparos na utilización do galego. O que pasa é que temos unha forza política que fai da utilización do galego un dos obxectivos preferentes da súa opción política e iso leva a unha lóxica de desmarque por parte dos demais partidos. Creo que é un erro por parte de todos. O Bloque ten todo o dereito do mundo a defender o galego. O que non debe facer, e non o ten feito, é patrimonializar o galego porque a lingua e un ben común do que deben disfrutar todos. Hai políticos que non saben falar galego e iso non é un problema sempre que non haxa un rexeitamento, e que estén dispostos a aprender a lingua. Máis alá do uso simbólico da lingua eu fago un chamamento aos partidos para que defendan o uso do galego non só nas institucións senón tamén na realidade cotiá.

P. ¿Non hai un exceso de cambios na normativa do galego?

R. Desde que eu empecei a estudiar a gramática castelá tamén houbo moitos cambios. Todas as academias están pendientes de introducir modificacións e no galego non houbo tantos cambios de normas. A última fíxose cando eu xa era presidente e creo que foi moi ben asumida por parte da sociedade galega. Chegouse a unha pax lingüística e a RAG no ten previsto neste momento outro cambio en bastante tempo pero haberá que facelo algún día porque as linguas están vivas e teñen que ir acomodándose.

P. ¿Habería que aproveitar máis o feito de que o galego sexa unha lingua similar ao portugués?

R. Eu non comparto a opción lusista pero está claro que temos que ter unha relación moito máis fluída con Portugal, idiomática e culturalmente falando. Ao mellor os lingüistas poden acudir ao depósito lingüístico do portugués para procurar os neoloxismos, pero isto non é máis que unha suxerencia que fago como un intelectual galego. Todo o que pase de aí significaría que a lingua portuguesa, que ten moito máis rodaxe ca nosa, provocaría o declive do galego porque seríamos devorados. Hai que ter un plantexamento de política cultural moi atinado para non incorrer nese tipo de situacións.

P. Unha recente intervención súa para defender o uso de nación no caso de Galicia xerou moita polémica ¿Non chegou a hora de preocuparse por outras cuestións máis importantes?

R. Está claro que hai bizantinismo tanto polos que defenden o concepto de nación como polos que o negan. A min dame igual a palabra que se use porque as palabras non son máxicas pero ten que permanecer dalgún xeito o que está dentro desa expresión, é dicir, que somos unha cultura propia e diferenciada e temos una conciencia moi clara de que nós somos nós e os demais son outros. Si todo eso queda claro podemos eliminar o concepto de nación, pero teremos que comenzar pola Constitución Española porque nos está a xerarproblemas, sobre todo cando fala de nacionalidades e logo di que a nación é España. Teríamos que reformar a Constitución neste sentido.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_