A peregrinaxe civil a Compostela
Unha mostra no Auditorio de Galicia testemuña a represión e a resistencia ao franquismo
O libreiro Antón Patiño, autor do libro Memoria de Ferro, publicado pouco antes de morrer en 2005, dicía que escribira as súas lembranzas para facer un peto de ánimas en homenaxe a tantas vítimas da barbarie desatada a partir do 18 de xullo de 1936. Poñendo o ramo ao Ano da Memoria, a Consellería de Cultura ten aberta até o 31 de xaneiro de 2007 no Auditorio de Galicia, en Compostela, unha mostra única na que, a través de máis de 700 pezas podemos reconstruír o devir desa longa etapa da nosa historia contemporánea. Un tempo no que se pasou da esperanza democrática a unha longa noite de pedra que rompeu a continuidade xeracional, xusto cando se viña de aprobar cun plebiscito masivo, o 28 de xuño de 1936, o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia.
A imaxe que recibe ao visitante é a dun home preso, viñeta de Castelao de 1938
"É un mosaico gráfico para abordar todas as situacións que sofríu o pobo galego"
A imaxe que recibe ao visitante é a dun home preso. Trátase da viñeta que debuxou Castelao en 1938 para ilustrar unha tarxeta de envío masivo á Sociedade de Nacións pedindo a liberdade de Galiza. A partir de aí o visitante entra nun paseo de dúas horas no que pode reconstruír desde a prehistoria democrática (unha bandeira agrarista, un busto da república, as fotos da creación do Partido Galeguista ou as mulleres manifestándose no Primeiro de maio) até o punto e aparte que supuxo a proclamación do golpe de estado, representado no panel fotográfico en que unha guarnición de militares, coa baioneta calada, le na Porta do Sol viguesa a proclama da sublevación, emboscada en vivas á República. Se a lectura naquela mañá de xullo viguesa rematou co sangue nas rúas, así se abre tamén o percorrido polo Memorial da Liberdade.
O comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, explica que se trataba de facer "un gran mosaico gráfico co que poder abordar todas as situacións que sufría o pobo galego desde os primeiros días do alzamento". "É un chanzo máis", suliña, "na procura da verdade sobre unha etapa que, tan maltratada como ocultada, foi vítima dun esquecemento e agochamento organizados". O camiño expositivo segue a cronoloxía dos feitos. Tendo en conta que en Galicia se produciu o golpe militar sen guerra aberta, recóllense as poucas testemuñas gráficas que quedan da resistencia democrática, desde os obreiros manifestándose na Coruña ás derradeiras barricadas postas á entrada de Tui, que resistiron até o 25 de xullo. Desde entón a represión desatouse e queda fielmente recollida: actas de xuízos, cartas de condenados a morte, debuxos dos presos nos cárceres, fotos dos campos de concentración...
A práctica totalidade das pezas recollidas en Memorial da Liberdade nunca se viron antes e as que xa coñecíamos nunca lograron amosarse con esta visión de conxunto que permite ao espectador entender a catástrofe social que provocou. Chegadas desde unha manchea de institucións, pero sobre todo de moitos fondos familiares onde foron gardadas con agarimo, algunha pezas teñen tal poder de evocación que suspenden o alento.
A fotografía de Cinta Rei cabo do piñeiro contra o que foi fusilado seu fillo Vítor Casas, na Caeira (Pontevedra), estremece dobremente cando vemos o pequeno pano que conservou Amalia Álvarez Gallego coas cascas do piñeiro, tamén na Caeira, contra o que asasinaron ao seu home, Alexandre Bóveda, o grande pai da Autonomía de Galicia.
Xunto aos obxectos cotiáns contemplamos as testemuñas dos que resistiron pasándose en canto puideron ao bando legal para incorporarse ao Exército ou as memorias manuscritas dos que fuxiron para salvar a vida. Ao pé de todo este ronsel cotián está exposta a prensa dos resistentes ou as mostras de artistas como Castelao (pezas dos álbumes Atila en Galicia, Galicia Mártir ou Milicianos), Luís Seoane (Estampas da traición), o escultor Compostela, Mario Granell ou os debuxos descoñecidos de Colmeiro rescatados neste memorial.
A exposición procura deconstruír a idea tan querida á ditadura e os seus eséxetas dunha Galicia entregada mansamente ao fascismo. Por primeira vez pódense ver agrupadas mostras gráficas da resistencia guerrilleira, desde as fichas policiais, ás armas utilizadas ou a presenza galega nos campos de concentración nazis, a través dos recordos de Placeres Castellanos ou Mercedes Núñez e parte do enorme arsenal documental, artístico e intelectual do exilio galego.
Como o percorrido expositivo atravesa case 40 anos, enumeralo obriga á síntese pero abre liñas para un futuro memorial permanente no que as xeracións que están por vir podan coñecer a liberdade que circulou até 1977 polos subterráneos da realidade.
Parte de todo iso chega a nós mercé ás cabeceiras da prensa clandestina, as únicas fotografías vistas dos manifestantes de Ferrol en 1972, o retrato do fusilado Xosé Humberto Baena, as cabeceiras da prensa que retratan o secuestro do transatlántico Santa María ou a acta de constitución do Consello de Galicia, intento de darlle continuidade democrática no exilio á vontade popular, presidido sucesivamente por Castelao e Antón Alonso Ríos. Arte, resistencia e dignidade teñen unha peregrinaxe civil obrigada en Compostela.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.