Galicia, xunta no fundamental
A peor traxedia da nosa historia recente fainos sentir aos galegos que o día da nosa festa xa nunca volverá ser igual, pero tamén nos permite contemplar o que fomos, o que somos
Cando hai un ano me dirixín aos galegos na declaración institucional que tivo lugar con motivo do accidente ferroviario de Angrois dixen que o ocorrido marcaría para sempre todos os Días de Galicia da nosa historia. Efectivamente, a memoria das 79 vítimas que perderon a vida segue moi presente e hoxe, máis que nunca, volve o recordo emocionado de todos eles e das súas familias, así como dos centos de persoas que resultaron feridas. É innegable que a peor traxedia da nosa historia recente nos fai sentir aos galegos que o día da nosa festa xa nunca volverá ser igual, pero tamén nos permite contemplar o que fomos, o que somos.
O 24 de xullo de 2013 legounos a obriga de honrar por sempre ás vítimas, con memoria, con respecto e con xustiza, pero tamén nos deixou en herdanza a posibilidade de contemplar e manter viva esa Galicia solidaria que asombrou ao mundo.
Como presidente da Xunta, resúltame imposible describir a morea de cartas e de chamadas que recibín naqueles días para dicirme dúas cousas aparentemente contraditorias. Todos me trasladaban o seu pésame polo sucedido pero tamén eloxiaban o exemplo que estaba dando o noso pobo. Nunca esquecerei aquela mestura de enorme pesar e de fondo orgullo, e precisamente para que sempre o lembremos este ano concedemos as Medallas de Ouro de Galicia ás vítimas do accidente e a todos os que minimizaron no posible, co seu esforzo, as consecuencias.
Os galegos que actuaron nas vías, os galegos que coordinaron a maior emerxencia que se recorda, os galegos que traballaron nos hospitais, os galegos que fixeron colas para doar, os galegos que consolaron as familias, os galegos que identificaron ás vítimas ou os galegos que presenciaron aquel horror desde as súas casas con gran solidariedade, todos eles deron o mellor de si mesmos e demostraron que tamén na peor situación imaxinable se pode facer a mellor Galicia.
Certamente, o Día de Galicia é xa por sempre algo distinto, pero sen deixar de ser unha data sinalada no noso calendario colectivo. Ao contrario, contamos con novos motivos para unirnos no recordo e na reflexión, así como no orgullo de pertencer a un pobo como o noso, que se retrata tanto nos triunfos como nos momentos máis desafortunados.
Nesta xornada que inevitablemente nos trae tantos recordos amargos, celebro que poidamos aproveitala tamén para rememorar aquel exemplo tan ilustrativo de Galicia lle deu a Galicia. Debemos telo sempre moi presente e, por iso, neste 25 de xullo eu propoño que nos deixemos guiar por el en todos os retos que temos por diante.
Galicia é unha sociedade plural, diversa e con milleiros de formas de pensar e de afrontar as cousas, pero está xunta e unida no fundamental. Esa certeza é a maior fortaleza que temos para afrontar o noso futuro social, económico e político. Aproveitémola hoxe e sempre.
Bo Día de Galicia.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.