_
_
_
_
Luces

'Persépole' abre unha nova colección de cómic en galego

Rinoceronte Editora traduce tamén dous títulos de Joe Sacco

Diversificar a produción para driblar a crise e explotar unha nova fonte de negocio nun dos nichos aínda fértiles do sistema editorial galego. Por aí quere furar Rinoceronte Editora, o selo especializado en tradución con base no Morrazo, coa súa nova aposta: unha colección de banda deseñada en galego dirixida polo crítico Breixo Harguindey. Os dous primeiros títulos xa están nas librarías. Son Persépole, o best-seller da iraniana Marjane Satrapi (Rasht, 1969) vertido ao galego por Eva Carrión, e Entender o cómic. A arte invisible, un ensaio gráfico sobre a linguaxe das viñetas do teórico norteamericano Scott McCloud (Massachusetts, 1960), aquí na versión preparada por Rafael Salgueiro. Á espera de ver cal é a reacción dos consumidores, advirten na editorial, hai xa outros catro en camiño. Un deles, inédito en todo o mercado español.

O editor elixiu novelas gráficas en branco e negro e autoconclusivas

"Hai una liña de continuidade co que xa faciamos en Rinoceronte", explica o editor Moisés R. Barcia. "Aínda que hai un elemento gráfico que é novo, non deixan de ser traducións de novelas con historias e personaxes comprometidos coa realidade". A consigna é especialmente acaída para os títulos de Joe Sacco (Malta, 1960) que figuran nesta primeira remesa. Gorazde zona segura é unha novela gráfica do ano 2000 na que o autor relata a súa visita a este enclave musulmán da ex Iugoslavia nos últimos estertores da guerra. Palestina, publicado orixinalmente como una serie de historietas a mediados dos noventa, testumuña unha viaxe de dous meses por Gaza e Cisxordania durante a primeira intifada. Crúzanse o cómic autobiográfico e a reportaxe xornalística.

Dúas obras icónicas completan o lanzamento. Contrato con Deus, de Will Eisner (Nova York, 1917-Florida, 2005), pasa por ser a obra fundacional da novela gráfica en 1978. "É un dos cinco autores máis importantes na historia do cómic", apura Breixo Harguindey. "Esta obra represéntao todo no nacemento do xénero, e abre a etapa de madurez de Eisner. Significa na banda deseñada o que a novela modernista xudía na literatura norteamericana". Por último, o único título da serie que aínda non coñece edición en castelán: Na procura de Ed o riseiro, de Kim Deitch (Os Ánxeles, 1944). "Un autor clave no underground americano dos anos sesenta que emerxeu nunha editorial, Fantagraphics Books, que é ao cómic o que Sub Pop, o selo de Nirvana, á música popular contemporánea", apunta o director da colección. "Esta novela é a máis arriscada da serie, unha obra de vangarda, moi persoal e psicodélica, equiparábel ao Hollywood-Babilonia de Keneth Anger".

Persépole, como outra das obras de Satrapi, Pollo con ciruelas, xa ten adaptación na gran pantalla. Contrato con Deus promete ter tamén a súa nos próximos meses. A obra de Joe Sacco non é allea aos premios: en 1996 gañou o American Book Award con Palestina. Agás de Deitch, de feito, ningunha das obras é estritamente nova para o lectorado español. "Existe ese risco", concede Barcia, "pero é a mesma estratexia que seguimos co resto do catálogo da editorial, e a acollida tamén está a ser boa neste caso. Estes títulos permítennos amosar por onde vai ir a colección, de maneira que cando publiquemos obras menos coñecidas teremos xa un camiño andado. De todos os xeitos, para o público pouco afeccionado ao cómic que estea en galego pode ser un valor engadido".

Todas as novelas gráficas de Rinoceronte Editora publicaranse en branco e negro, como nas súas edicións orixinais. "Foi un dos criterios de selección que manexamos dende o principio", explica Harguindey. "A cor é moi cara, impediríanos poñelos nas librarías a un prezo equivalente ao do mercado español, que ten unhas dimensións maiores. Tamén procuramos que fosen monografías, novelas autoconclusivas, máis acaídas para o lector literario, e que procedesen de todo o mundo, tanto de Europa como dos Estados Unidos. Por desgraza, quedounos fóra Xapón, pero é que a extensión das series nipoas non encaixa ben nun único volume. Para comezar, Persépole é unha boa novela. Ten a seu favor,, entre outras cousas, o valor de ser unha obra asinada por unha muller nun mundo tan masculino como é o da banda deseñada".

A colección abre un novo apartado na produción de Rinoceronte Editora, que estreou este ano a etiqueta Pulp Books con traducións ao castelán de Diego Ameixeiras (Dime algo sucio) e Teresa Moure (Querida catástrofe) e vén de poñer en marcha tamén unha liña de audiolibros con títulos que xa estaban no seu catálogo: Montedidio, de Erri de Luca; Seda, de Baricco; A casa de Mango Street, de Sandra Cisneros; O ano do xardineiro, de Karel Capek; O tradutor cleptómano, de Dezso Kosztolányi; e Skugga-baldur, de Sjón. O seguinte paso non será unha colección, senón un servizo de autoedición. "Para xente que ten cousas que contar e non atopa unha saída ao mercado", matiza o editor.

Xanela aos grandes selos

Nin a novela gráfica nin o álbum ilustrado para adultos son, de momento, grandes protagonistas nos catálogos das principais editoriais en Galicia. Galaxia, porén, acaba de abrirlle unha porta ao xénero con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. Esta historia de mulleres emigrantes debullada en medio cento de páxinas en cor, produto de dous anos de traballo e dirixida a un público adulto, estrea unha nova colección da editorial.

O outro selo vigués de referencia, Xerais, repetiu este ano a experiencia de engadir unha obra destas características á habitual enxurrada de monografías arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. En colaboración coa Consellaría de Cultura, que xa editara en 2010 Uxío Novoneyra, a voz herdada, debullada por David Rubín e Kike Benlloch, puxo nas librarías Lois Pereiro. Breve encontro. O traballo de Jacobo Fernández Serrano reborda as fronteiras da biografía debuxada e arrisca unha posta en viñetas da obra do homenaxeado escritor monfortino, valente na interpretación da súa prosa ensaística e cun exquisito respecto pola súa produción poética.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_