Libros para un tempo urxente
O malestar social e político tamén emerxe nas propostas editoriais - Alternativas autoxestionadas poñen en circulación textos contra o estado de cousas
Nos tempos urxentes, a escrita tamén asume urxencia. Unha época sombriza esixe relatos que axuden a dexergala. E a traída e levada indignación, cuxa última materialización consistiu o 15 de maio na ocupación das prazas, alimenta a teoría. Pero os vimbios que tecen o cesto da resposta á usurpación da soberanía popular polos mercados veñen de lonxe. Hai moitos meses xa que as editoras galegas -sobre todo pequenas, experimentos de autoxestión, críticas co concepto dominante de dereitos de autor, apegadas a grupos políticos á esquerda da esquerda, contestarias adoito do mito do progreso- presentan ferramentas contra o estado de cousas. Entre Abrente, que xunta nun volume ensaios do marxista arxentino Néstor Kohan sobre o pensamento do Che -Na selva-, e o libro colectivo do Cineclube de Compostela -Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural-, son abondosos os contributos para indagar nas razóns do malestar socio-político.
INDIGNÁDEVOS! Stéphane Hessel
Din que a parte da munición moral do 15-M nace deste pasquín. Redactado a partir dunha entrevista co combatente antinazi Stéphane Hessel (Berlín, 1917), Indignádevos! funciona esquematicamente como apelación a unha socialdemocracia real e un chamado por recuperar o espírito da Carta dos Dereitos Humanos de 1948 e do Consello Nacional da Resistencia. "O pensamento produtivista, impulsado por Occidente, levou o mundo a unha crise da cal hai que saír mediante unha ruptura radical coa fuxida cara a diante do 'cada vez máis", afirma, "no eido financeiro e tamén no eido da ciencia e da tecnoloxía". A versión galega da requisitoria, 47 páxinas, sacouna Faktoría K e leva apertura de Manuel Rivas.
MERCADO E GLOBALIZACIÓN José Luis Sampedro
"Cando, unha vez máis, alguén nos repita que 'o mercado é a liberdade', invitémolo a practicar un sinxelo experimento mental, consistente en imaxinar que entra nun mercado a comprar e non levar cartos: constatará no acto que non poderá mercar nada, que sen cartos alí non hai liberdade, que a liberdade de elixir dáa o diñeiro". É o punto 14 de O Mercado e a Globalización, o didáctico pasquín do economista e novelista José Luis Sampedro (Barcelona, 1917) contra o capital desbridado. Aínda escrito en 2002, o lúcido alegato de quen, segundo a opinión dominante, oficia de padriño intelectual do movemento do 15 de maio traza a paisaxe humana desollada que o mercado sen control deixa no planeta. "Diversos autores e textos desenmascararon o anacronismo que invalida hoxe a teoría liberal", engade, "pola súa inxustiza distributiva, a súa cegueira ecolóxica, o seu reducionismo inhumano, as súas desviacións ao orientar a inversión e outros aspectos negativos inherentes ao intercambio descontrolado".
O Mercado e a Globalización publícao Trifolium. Na súa colección Musa pedestris, de textos compactos, a editoral xa acolleu outros materiais politicamente sensíbeis: o célebre diálogo entre os filósofos Noam Chomsky e Michel Foucault, A natureza humana: xustiza versus poder, ou o Por que non son cristián, de Bertrand Russell.
A NOVÍSIMA DEREITA Manuel M. Barreiro
A novísima dereita e nós revisa unha primeira edición electrónica da escolma de artigos publicados en diferentes medios de comunicación por Manuel Martínez Barreiro (Caracas, 1961). Analista político e ex xefe de gabinete da vicepresidencia nacionalista do Goberno bipartito, o autor colocoulle ao libro o subtítulo O bienio gris toupa. "É un libro que preferiría non ter escrito", declarou na presentción, "porque é fillo dunha derrota, da derrota do cambio político que se iniciou en 2005".
Martínez Barreiro tamén milita en novas iniciativas que procuran reintepretar os acontecementos do 15 de maio -Bencomún-, pero n'A novísima dereita só atende, ou sobre todo, á política institucional. Da man de 2.0 Editora, empresa que promete outros ensaios políticos aínda que virados á dereita -de Carlos Vázquez Padín, líder de Converxencia XXI, e de Rafael Cuíña, afiliado popular-, diagrama a Xunta de Alberto Núñez Feijóo e propón, como alternativa, unha coalición preelectoral de socialistas e nacionalistas. "Feijóo xestiona unha axenda persoal cangada de presidencialismo mediático e falta de compromisos e acertos gobernamentais", escribe no epílogo. E a xeito de paisaxe de fondo, a reestruturación da hexemonía dunha dereita híbrida: este PP mestura, ao seu ver sen dalo superado, as versións "parademocrática do PP 1.0 de Fraga, a exitosa neocon 2.0 de Aznar e a abaneante 3.0 de Rajoy".
DO SOCIALISMO REAL Eddy E. Jiménez
Corsárias Editora encetou a súa andaina cun libro de poemas. Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións, figurou entre os títulos máis citados entre as novidades do xénero ao longo da tempada. Agora, a marca bota á rúa a súa primeira obra ensaística: A revolución dos camaleóns, de Eddy E. Jiménez (La Habana, 1947). "Agora, no medio da orxía dos que votan pola 'democracia' burguesa e renegan das glorias vividas e construídas por varias xeracións, eu tamén voto: polo socialismo", apunta Jiménez na dedicatoria do libro.
É o xornalista vigués Gustavo Luca de Tena quen escribe o limiar dun ensaio redactado orixinalmente en 1999: "Eddy anuncia nas páxinas do seu libro que o que algúns chaman a morte das ideas e do comunismo non é máis que a perda dunha batalla, e non menor, na guerra mundial pola liberdade, a xustiza e a democracia". N'A revolución dos camaléons, Eddy Jiménez relata en crónica aguda e crítica os anos previos á queda do pano de aceiro en Europa -onde traballaba como correspondente- e as consecuencias da mesma que os fastos liberais da época impediron enxergar. Contra o final do volume relata: "En 1991, cando xa marchaba desa rexión, no aeroporto de Praga un amigo presentoume a unha das líderes dese movemento de novembro de 1989: fora obrigada a vender o seu coche e a súa dacha; o diñeiro non lle alcanzaba para a gasolina nin tan sequera podía ir alá os fins de semana. 'Eu non loitei para isto, todo subiu de prezo', confesoume".
CONTRA BEIRAS Félix Rodrigo Mora
A peripecia editorial de O atraso político do nacionalismo autonomista galego, de subtítulo Reflexões sobre O atraso económico de Galicia, nace en Ferrol a comezos de 2010, cando Felix Rodrigo Mora presentou Naturaleza, ruralidad y civilización. "Continuamos o contacto na segunda manifestación de Galiza non se vende", explica o historiador e prologuista d'O atraso político... Eliseo Fernández, "e falabamos moito da fascinación por Beiras que existe na esquerda de Galicia e a visión desenvolvimentista implícta na súa obra central". O que ía ser un artigo para a revista do colectivo Unión Libertaria, ao que pertence Fernández, desembocou nun libro de 165 páxinas.
Rodrigo Mora procede de Zamora pero as súas raíces son galegas. "A polémica coas teses de Beiras resultan, en realidade, accesorias no libro", expón o autor do limiar, "o importante é a reivindicación da cultura popular tradicional como algo vivo". O atraso político do nacionalismo autonomista galega reivindica a democracia directa e as institucións propias da organización da vida común no rural e mesmo exemplifica con que "antes en Galicia, traballábase cantando". Non é o menos contundente dos ataques o que recibe a ideoloxía do progreso e o progresismo.
"Nos animados debates de presentación", lembra Eliseo Fernández, "percibíase a conexión do libro coa teoría do decrecentismo [que se opón á doctrina do crecemento continuo propia do liberalismo económico] e os efectos que o libro pode ter nos ámbitos da esquerda antiautoritaria ou no independentismo". Distribuído de maneira artesanal, "o que limita a súa repercusión", o volume de Félix Rodrigo é o único libro editado pola Unión Libertaria de Ferrol. "Non somos unha editora", explica Fernández, , "pero realizaremos outras edicións conxunturais".
POLA LENTITUDE Carlos Taibo
Se Hessel ou Sampedro aparecen nos rotativos como as pantasmas que percorren as prazas do 15 de Maio, o profesor Carlos Taibo (Madrid, 1956) xa pisou unha présa delas. Non só como partidario da democracia directa e contrario á globalización, senón tamén como analista en tempo real do que acontece. Dentro da súa abondosa produción editorial en galego, o colectivo autoxestionado Estaleiro puxo en circulación o pasado ano Decrescimento, crise, capitalismo. "No Norte desenvolvido", presenta intencións o propio Taibo no pórtico do ensaio, "non é imaxinábel un proxecto anticapitalista que non aposte ao mesmo tempo no decrecemento; da mesma maneira que non é doado imaxinar un proxecto de decrecemento que non sexa ao mesmo tempo contestatario do capitalismo e as súas lóxicas".
Estaleiro atende dende a súa fundación en 2008 á literatura de pensamento social e político. Amais, mantén unha colección compartida co colectivo de filósofos Derriba coa que facturan introducións a autores como Toni Negri ou Giani Vattimo. Os dous últimos en aparecer, este curso, dedicáronse ao marxista estadounidense Fredric Jameson -Entre posmodernidade e utopía- e a Jacques Derrida, o pai do deconstrutivismo -Deconstrución).
RECESIÓN OU COLAPSO? Escola Popular Galega
As prácticas editorias da Escola Popular Galega, colectivo con sede en Vigo, consagran a autoría colectiva e anónima das súas obras -fóra o seu primeiro título, unha escolma de artigos do filósofo Santiago Alba Rico, Todas as guerras. Co'A defesa da Terra e a dialéctica do progresso, a Escola Popular, en coedición coa web Galiza Livre, situouse nas teses de impugnación do crecemento económico e do modo de acumulación do capitalismo, aquelas que entornou Walter Benjamin nos anos trinta.
Agora Recessom ou colapso?, en colaboración co centro social Mádia Leva de Lugo, indaga en como certa tradición marxista analizou as crises. O libro percorre a noción na historia teórica do movemento obreiro e, nunha segunda parte, xunta fragmentos de autores diversos -Marx, Robert Kurz, o galego Felipe Martínez Marzoa ou o autónomo italiano Giacomo Marramao- debatidos polo grupo de estudos do centro social. "É posible reencontrarmos nun certo consenso: os tempos endurécense para todos e todas, e a situación ben merece intensificar colectivamente a reflexión", colocan de entrada.
REGRESO AOS CLÁSICOS Antonio Gramsci
A máis decidida das editoras convencionais na aposta polo ensaio, Laiovento, tamén ofrece materiais para pensar no vendaval da crise. Pero faino, logo de sucesivos éxitos de vendas con libros arredor da cuestión lingüística e o retroceso do galego co Goberno Feijóo, a través dos clásicos do pensamento político da emancipación. "Volver a Gramsci nestes momentos pode servir para atopar respostas ao que está a suceder, que é tremendo", considera Xesús González Gómez, tradutor de Escritos de mocidade e Os intelectuais e a organización da cultura, "ou para pensar a autoorganización máis alá das asembleas".
Segundo González Gómez, os traballos do comunista italiano -e fundador do partido-, malia estar datados na década dos vinte, "hoxe cobran e recobran sentido". "Coa caída do chamado socialismo real", engade, "non remataron nin a inxustiza nin as respostas da xente a esas inxustizas". O ademais crítico, residente en Barcelona e sabuxo das librarías de vello, sinala como síntoma do estado de cousas e do apuro das persoas por procurar saídas á dominación dos mercados o Mercat de Sant Antoni, na capital catalá. "Os libreiros esgotan os vellos libros de marxismo e anarquismo de segunda man", di, "a xente busca respostas".
A NACIÓN CARA AO EXTERIOR Varios autores
A Fundación Galiza Sempre, do BNG, leva anos poñendo a disposición dos lectores documentos históricos do nacionalismo e dos movementos sociais. A ollada exterior do nacionalismo recolle dez asedios das relacións entre a corrente nacionalista e a política exterior. "Constatar o interese polo mundo exterior que se transloce nestas páxinas", introduce o director da fundación, Xabier Macías, "debera rachar estereotipos e estimular novas xeracións de nacionalistas que afirmen a vontade existir por nós mesmos".
A ollada exterior... mira adiante e atrás a un tempo e nel escriben, por caso, Justo Beramendi sobre o nacionalismo de entreguerras, Luis Gonçales Blasco, Foz sobre a Carta de Brest que asinou a UPG nos setenta, o economista Xavier Vence sobre a Unión Europea, Xulio Ríos sobre o galeguismo e os asuntos exteriores ou Uxío-Breogán Diéguez sobre a relación co anticolonialismo. Ademais, participan ex dirixentes da organización como Encarna Otero, Pilar García Negro, Camilo Nogueira ou Xosé Manuel Beiras.
CHAMADO Á REVOLTA Anónimo
"Cómo viabilizar algo alleo á constante e atafegante forma institucional de facer cultura". O proxecto de Axóuxere Editora, aberto e con plataforma audiovisual, informa Óscar Iglesias. arrinca con dous títulos de actualidade renovada que se poden mercar na súa web: TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), do estadounidense Hakim Bey, publicado en 1991 con licenza anticopyright, e Chamamento, un texto anónimo aparecido en 2003 nas rúas de París. Os dous fan un retrato biopolítico da revolta física que aniña nas novas prácticas sociais.
A chiscadela é situacionista -menos distancia entre o dito e o feito-, pero diríxense a todo o mundo: para fuxir da ditadura invisíbel do Estado e ser libres e útiles cómpre ser invisibles. A Roberto Abuín, no proxecto de Axóuxere, faille algo de graza que os dous títulos coincidan no tempo co 15-M e cun fato de editoriais comprometidas publicitando o manifesto socialdemócrata dun vello partisano. "É un momento crítico nas relacións entre sociedade e política", convén. Interesados na elaboración colectiva do coñecemento, séntense parte da mesma "marea de emerxencias" que abrolla na sociedade galega, de Estaleiro a Urco Editora ou Corsárias. Coas dúas últimas partillan Pragma, canle de distribución. "Colaborar coas institucións non é un problema, porque o diñeiro público tamén é noso, pero é a institución tende a dominar. Antes diso, deixamos morrer o proxecto".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.