Faraldo, un cometa na revolución
É inverno no 1840 e as rúas de Santiago imaxinámolas de pedra mollada e brillante. A cidade é un recipiente encerrado a presión, sometida a unha tensión entre as ideas reaccionarias do Arcebispado e as ansias liberais dos intelectuales conspiradores. Polas rúas camiña un mozo bébedo das súas propias ansias. Antolín Faraldo é un xove con fortes vivencias relixiosas e cunha paixón por fundir o mundo e, dese xeito, recrealo.
Naceu no ano 1822 en Betanzos, fillo dunha nai moi pía e dun escribano que acudiu coa súa familia a Compostela na procura de máis traballo. Antolín cursou estudos de medicina, filosofía, física, grego... Aquel espíritu dirixíse cara todos os lados procurando saír de si e alcanzar o mundo. Encontrará o seu camiño a partir dese ano 1840 até rematar nun estoupido coa Revolución de 1846. O momento da transformación comeza agora que se xunta con outros mozos intelectuais con preocupacións cívicas coma el e fundan a Academia Literaria. Todos eles están inspirados polas ideas liberais e comeza a remoerlles a preocupación polos males do país. A Academia é o berce da Galiza como país, con eles nace unha corrente cultural e política, o galeguismo, que os seus creadores formulan baixo o nome de "provincialismo". O que nos demais compañeiros desa institución eran ideas e ideais en Faraldo foi paixón. A que encontrou o credo, transformouse no máis destacado apóstolo daquela fe.
O que nos demáis provincialistas eran ideas en Faraldo foi paixón
Un militar liberal sevillano iniciou a Revolución Galega o 2 de abril de 1846
Ás posturas liberais, Antolín engade a defensa de Galicia como país
Morreu en Andalucía aos 31 anos esquecido da súa terra
O voceiro das ideas da Academia Literaria vai ser o xornal El Idólatra de Galicia, un nome digno desa paixón desesperada, "periódico sabatino de literatura, ciencias y artes en general, moral y costumbres" no que colaborará desde o comezo. O xornalismo, a palabra en acción, a palabra ansiosa saíndo ao paso da rúa, vai ser o seu modo de estar na vida. Vai ser un par de anos despois cando comece a publicar en El Recreo Compostelano. Faraldo está a evolucionar das preocupacións meramente culturais á problemática social e política. De xornal en xornal vai emerxendo neste tempo a súa personalidade apaixonada e un verdadeiro programa político para a rehabilitación da Galiza. Do Recreo pasa a La Situación de Galicia ("periódico político, literario e industrial") onde o ideario liberal e galeguista é máis explícito. Nos seus escritos nesa época respira un alento profético que se inspira no ideal igualitario cristiano. Faraldo escribe sobre a nosa historia, analiza os problemas económicos e sociais, teoriza un mundo igualitario e un país libre. Toda esa labor intelectual está ao servizo da mesma ansia. Todo o que escribía facíao ao servizo desa causa, redimir Galiza. Pasou logo a dirixir El Porvenir. que lle deu un meirande protagonismo e co que estableceu un vencello xornalístico e intelectual co catalanismo. Faraldo estaba xa maduro para experimentar na práctica a súa ansia redentora, para pór en práctica un proxecto político radicalmente democrático e galego, o que el propio chamaba "a grande obra".
E foi entón cando se uniron o provincialismo revolucionario cuns militares revolucionarios liberais. O 2 de abril de 1846 comeza a Revolución Galega co pronunciamento dun militar liberal, o sevillano Miguel Solís, contra o Goberno conservador de Narváez, nomeado o mes anterior. O pronunciamento non foi secundado en guarnicións no resto da España e Narváez resultou destituido tres días despois, o 5 de abril. Mais xa tanto tiña, aquela muxica prendera na Galiza e deu lugar a unha explosión de enerxía que incendiará o país durante todo ese mes de abril até as súas cinzas. Solís cun batallón de mil homes camiño de Valladolid sublévase en Lugo e, tres días despois, súmase Santiago ao pronunciamento. É o momento de pasar das ideas á práctica a través da insurrección contra o Goberno centralista. Faraldo e Pío Rodríguez Terrazo, que fora o editor do xornal provincialista La Situación de Galicia, no que participara Antolín, son elexidos presidente e secretario da Xunta Superior do Goberno de Galiza e forman un Batallón Literario que se suma á rebelión.
Para saber até que punto ese Goberno tiña un carácter galeguista é preciso recordar que Faraldo xa defendera, nunha Asamblea Federal en Lugo, a independencia da Galiza no 83. Non debe extrañar pois que a Xunta edite un xornal, Revolución, e que Antolín xustifique alí o pronunciamento por defender posicións liberais frente ao Goberno conservador e -o que distingue a este doutros pronunciamentos militares liberais daqueles anos- pola defensa da Galiza como país: "Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa convertida en una colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país se consagrará constantemente a engrandecer el antiguo Reino de Galicia". E non conforme con iso, a Xunta acordou unha serie de medidas de tipo económico e social, como correspondía a un auténtico Goberno galego (rebaixa do sal, supresión do sistema tributario vixente, reforma do pasaporte, modificación do imposto de consumos...)
Mais o conflicto durou poucos días. Nun abril de días claros e chuvias, as tropas estaban divididas entre dous mandos, o comandante Solís e o brigader Rubín. Éste fixo unha campaña confusa por Ourense, e as súas tropas axiña foron divididas e vencidas polas do Goberno. A Solís faltoulle o apoio da Coruña e Ferrol, onde non houbo pronunciamentos. Logo de varias batallas contra as tropas do xeneral Concha, que contaba con artilleiría e cabaleiría, ten que retroceder e refuxiarse en Santiago. O 23 de abril de 1846, as tropas de Solís acaban loitando nunha batalla longa e cruenta nas rúas e nas casas de Compostela. Rodeados no convento de San Martiño Pinario e xa sen munición, rendíronse sen condicións: rematara o soño.
Os oficiais, atados e amarrados en parellas, foron levados camiñando cara A Coruña. En Carral, nunha pousada, fíxoselles un xuízo de guerra e, dúas horas despois de acabar, Solís e os principais oficiais foron fusilados polos seus propios compañeiros de armas.
Chegaron novas tropas a Galiza e a represión foi moi dura, supuxo a morte ou o exilio de moitos intelectuais, foi unha perda dun par de xeracións de cadros dirixentes para construir un país. Faraldo foi un deles, exilado e preso en Portugal primeiro. A que recibiu a amnistía, foi a Madrid encontrar alí traballo como director de La Europa, un xornal liberal que durou poucos días. Nese momento, Faraldo esqueceu a "grande obra", a súa Galiza era imposíbel, comezaba unha nova vida e baixou a Andalucía buscar sol. Manuel Murguía escribe sobre esa época súa: "Desde este momento, Faraldo no nos pertenece. Su poderosa inteligencia, su pluma (...) se puso al servicio de otras gentes y de otros pensamientos". "Parecía que todo él había renacido al soplo de las auras andaluzas, que las nuevas emociones le hacían olvidar su pasado (...) de las tristezas del destierro a las afortunadas aventuras de una juventud que acelera los goces porque toca ya en sus últimos límites. (...) Hubiera vivido un poco más y tornaría con doble entusiasmo a sus antiguos amores". Así lle parecía a Murguía, mais non houbo modo de sabelo pois a vida de Antolín Faraldo foi a dun cometa, e axiña descendeu á terra. Cóntao ben Murguía: "Llegó, empero, el día triste en que huyendo de Madrid y buscando bajo el cielo de Córdoba el nido de amor que allí había dejado, vio lucir en el horizonte la última hora del día". Quería dicir que morreu con 31 anos. "Así cayó el primero y el mejor, lejos de su país, en la indiferencia y el olvido de los suyos."
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.