Unha mala saúde de ferro
A precariedade económica condicionou dende as súas orixes a Real Academia Galega - Na etapa de García-Sabell intensificouse a polémica política e cultural
"A penuria de recursos determinou en gran medida a insuficiente presenza social da institución", recoñece a Real Academia Galega (RAG) na súa web. Na conferencia de prensa posterior á sesión extraordinaria do sábado pasado, na que tomou posesión como presidente Xosé Luis Méndez Ferrín, boa parte do coloquio improvisado entre presidente entrante, presidente saínte, académicos e xornalistas foi arredor da precariedade de medios na que traballa a institución. Unha constante histórica que non lle impediu chegar a centenaria, e tamén un símbolo non menos histórico da problemática relación da cultura galega coas institucións.
No derradeiro cuarto do século XIX houbera unha chea de pronunciamentos e demandas de diversos intelectuais a prol dunha Academia, desde Saco e Arce a Valentín Lamas Carvajal. Mesmo Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales chegaron a constituír unha comisión xestora, pero a Real Academia Galega naceu, como a bandeira e o himno, grazas ao pulo da emigración. Foron as axudas da Sociedade Protectora da Academia Gallega, que crearon en 1905 na Habana o poeta Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal, as que permitiron a Manuel Murguía e ao grupo d'A Cova Céltica que se xuntaba na librería coruñesa de Uxío Carré Aldao comezar ese mesmo ano os trámites para a fundación da Academia Gallega. Presentouse un ano xusto despois, o 30 se setembro de 1906, na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, outra institución tamén aínda viva.
Logo da Guerra, o compromiso co galego fica baixo mínimos Ferrín, Novoneyra ou Reixa ocuparon a sede de Tabernas contra García-Sabell
Os primeiros anos, a Academia foi inquilina nun piso na céntrica rúa Rego de Auga, e cando os cartos de Cuba non chegaban, o aluguer quedaba a deber. O Concello da Coruña deulle moitos anos acubillo no Palacio de María Pita, nada menos que ata 1979, cando os herdeiros de Emilia Pardo Bazán doaron a que fora casa familiar da escritora na rúa Tabernas, a sede actual da RAG. Este foi o relato das vicisitudes económicas que enfiou o sábado o tesoureiro saínte, Xosé Luís Axeitos, unha traxectoria paralela á dos avatares polos que pasou a institución. Porque a Academia, mentres Manuel Murguía estivo á fronte dela, ata 1923, tivo unha vida máis ou menos estable, dentro da precariedade, pero non estivo nuca libre da polémica. Como describe a web da propia institución, "á desconfianza natural que esperta todo movemento político-social que loita por ocupar un espazo diferenciado, temos que engadir o eixo étnico-cultural do celtismo ou a defensa da cultura popular nun mundo dominado polo saber académico".
Despois de Murguía, a RAG entra nun período de inactividade, ou de resposta cativa ás inquedanzas dos intelectuais galeguistas, ata o punto de que os máis activos promoven a creación do Seminario de Estudos Galegos. Coincidindo coa presidencia de Manuel Lugrís Freire, ingresan como académicos Castelao e Antón Vilar Ponte, pero a corrente de renovación quedou tronzada primeiro pola morte de Lugrís e logo de xeito máis dramático pola Guerra Civil. Desde 1936 non houbo presidente, e desde 1939 nin sequera comisión executiva, por moito que en 1941 e 1942 ingresen na Academia os orfos do liquidado Seminario de Estudos Galegos, como Fermín Bouza Brey, Florentino Cuevillas ou Xosé Filgueira Valverde. Baixo Manuel Casás, que tomou posesión en 1944, entran na RAG Antón Fraguas, Iglesia Alvariño, Ferro Couselo ou Parga Pondal, pero tanto a actividade académica como o compromiso co galego están baixo mínimos, algo comprensible dado que nas escasas xuntanzas adoitaba estar presente algún delegado gobernativo. É dicir, un policía.
1960 e Sebastián Martínez-Risco son os dous fitos do seguinte intento de renovación, ao que non foi alleo o que agora se chama piñeirismo. Unha nova xeira que parecía consolidarse coa chegada á presidencia, en 1977, de Domingo García-Sabell. Porén, a estabilidade e a recuperación dos sinais de identidade quedou niso. Mesmo foi Camilo Nogueira o que propuxo e conseguiu no Parlamento que fose a RAG a autoridade última en materia normativa, contra a proposta dos piñeiristas de que fose o Instituto da Lingua. Alguén tan identificado co grupo de Galaxia como Xosé Luís Franco Grande non dubidaba en criticar acedamente, nunha carta que lle dirixiu en agosto de 1981 ao propio Ramón Piñeiro, os resultados desa súa estratexia: "Da Academia prefiro non falar, pois volveu ao que era nos anos cincuenta. Herédena os que teñan valor, ou vaidade, pra herdala. Algúns non temos nin unha cousa nin a outra. Porque penso que sería traballo en van tratar de desmontar ese Club de Xubilados de aquí a 20 anos".
A pax sabelliana viuse contestada en 1985 por un grupo de escritores, nos que figuraban Méndez Ferrín, Novoneyra, Manuel María, Fernán Vello e Antón Reixa, que se pecharon na sede de Tabernas en protesta polas servidumes que o cargo de Delegado do Goberno lle impoñía ao presidente da Academia e pola inacción da entidade. Por esa razón non é de estrañar que inmensa maioría dos académicos, empezando polo novo presidente, reivindiquen as direccións de Francisco Fernández del Riego (1997) e Xosé Ramón Barreiro (2001) como as do rexurdimento da Real Academia Galega.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.