Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
NOTAS A RODAPÉ | Luces

A gran decisión

Disque estamos ás portas de que o Goberno galego faga pública a súa proposta de novo decreto sobre o uso do galego no ensino, que virá a substituír o aprobado en 2007 pola anterior Xunta. Achégase pois o momento da verdade, xa que esa norma vai ser o elemento máis definitorio da política lingüística de Alberto Núñez Feijóo e sen dúbida marcará a pauta para o resto da lexislatura. A importancia desta decisión explica que, en contra da súa promesa electoral -segundo a cal, se era elixido presidente da Xunta, derrogaría o decreto vixente nos cen primeiros días do seu mandado-, Núñez Feijoo tómase un tempo de reflexión. Estes meses deron o prazo mínimo para matinar unha decisión que require remoer as cousas cun chisco de vagar.

Máis que de Galicia Bilingüe, as presións á Xunta chegan de Porro e Negreira

A enquisa aos pais serviu máis ben para refrendar a normativa actual

- Iniciativas a prol... Entrementres, os sectores sociais atinxidos non deixaron de actuar. As históricas mobilizacións en defensa do galego do 17 de maio e sobre todo do 18 de outubro puxeron de vulto a fondura da preocupación pola lingua e a súa extensión en amplas camadas da cidadanía. O oportuno chamamento da Real Academia e a ponderada proposta do Consello da Cultura Galega evidenciaron que as principais institucións culturais do país son conscientes das súas responsabilidades e se esforzaron por facer achegas claramente en positivo. En particular, a recente proposta do Consello ofrece unha magnífica ocasión para procurar unha saída ao labirinto, ocasión que sería un disparate desaproveitar.

Igualmente, xurdiu unha nova organización cívica, ProLingua, con vontade de ampliar o espectro de sectores cidadáns progaleguistas artellados e mobilizados; en tanto que a Mesa pola Normalización Lingüística impulsou unha plataforma integradora, Queremos Galego, dando un paso que se cadra anuncia unha futura (e conveniente) refundación. Tamén se fixo público un manifesto, Galego, Patrimonio da Humanidade, que recadou unha miríade de apoios cívicos e que organizou un fermoso acto cidadán en Compostela.

Algúns observadores mostráronse críticos con esta proliferación de iniciativas, considerándoa unha viciosa manifestación do noso inveterado minifundismo. Discrepo: descontando que Galego, Patrimonio da Humanidade non é unha organización, mais un colectivo de opinión, e por tanto, non compite coas outras plataformas, era non só necesario, senón imprescindible, que se expresase a pluralidade ideolóxica e social dos sectores aliñados na defensa do galego, unha pluralidade que non se sentiu acollida pola Mesa, e que resulta perfectamente compatible, como se demostrou, coa mutua e leal colaboración.

Porén, sorprenden as arroutadas dalgún dirixente da Mesa, que dá a impresión de estar, como din na miña terra, ghabeando polas paredes. Será cousa do desconcerto provocado pola frustración ante a perda dun protagonismo que ata agora viña usufruíndo en réxime de monopolio e que xa non é nin (sospeitamos) tornará a ser unanimemente recoñecido? Do dereito ou do revés, a dinámica de maduración intelectual, de renovación discursiva e de diversificación ideolóxica e social do galeguismo lingüístico é imparable. Haberá que aprender a navegar nos novos tempos con máis finura, un mínimo de experteza técnica e menos retórica revellida, e, por riba de todo, sabendo tirar forza da pluralidade.

- ... E reaccións en contra

Os sectores anti-galego tampouco quedaron a velas vir. Dunha banda, multiplicaron as comparecencias públicas (apoiadas nunha xenerosa cobertura mediática) da súa organización de bandeira, Galicia Bilingüe (GB). Pero a exposición ao público tamén queima, e a xente comeza a preguntarse pola consistencia dun colectivo que só ten unha única cara, a da súa presidenta, coa exclusiva suplencia do seu cónxuxe. Doutra banda, aqueles sectores fixeron un intenso lobbying ante os seus valedores políticos. O apoio da Deputación Provincial de Pontevedra a unhas xornadas de GB non foi o máis relevante. Moita maior importancia tiveron as presións exercidas sobre o Goberno por detrás do escenario por parte de, entre outros, Corina Porro e Carlos Negreira.

Moi significativa resultou tamén a iniciativa deste último de resucitar o vello contencioso A Coruña / La Coruña, co entusiasta respaldo dos tradicionais voceiros mediáticos das podentes elites dominantes da cidade. Faltaba no coro unha voz que, finalmente, se deixou oír: a do ex alcalde herculino e actual embaixador de España no Vaticano, Francisco Vázquez. Non é casualidade que Galicia Bilingüe presentase a súa proposta de decreto de ensino precisamente na Coruña. Canto a esta proposta, poucas novidades: orientada á segregación lingüística, resulta inviable tanto legal coma politicamente. A súa función é simplemente exercer de arrastre perante a Xunta, apertando as caravillas no proceso de deliberación interna acerca da nova norma.

- Un panorama complexo

Un par de pinceladas máis para completar o resumo. Coma tal, o fracaso da consulta ás familias argallada pola Consellaría de Educación, unha iniciativa pensada para lexitimar retrospectivamente a oposición do PP ao decreto de 2007 e asemade xustificar a escalada regresiva en preparación. Os resultados, dentro da súa ambigüidade, serviron máis ben para referendar a normativa vixente, ao tempo que puxeron de vulto as liñas divisorias entre o ensino privado/concertado e o ensino público. Deste xeito, o Partido Popular aparecía claramente aliñado co primeiro en contra do segundo, unha imaxe que se coidou conveniente non airear. De aí a extemporánea presentación daqueles resultados nas vésperas das vacacións de agosto, nunha implícita pero non por iso menos paladina confesión do fracaso da argallada. Non sería moito máis útil que a consellaría encargase unha prospección do nivel de cumprimento do decreto vixente e unha avaliación obxectiva dos problemas reais que puido presentar a súa aplicación?

Finalmente, tampouco é de esquecer a recente decisión do Tribunal Supremo de refugar a demanda presentada por un pai vigués, ditando unha sentenza que, en aplicación estrita da inequívoca doutrina do Tribunal Constitucional, reitera que os pais non teñen dereito a elixir a lingua vehicular da educación, e que a responsabilidade de determinar esta corresponde ás autoridades.

- Toca decidir

En definitiva, a Consellaría de Educación e o presidente teñen a estas alturas elementos abondos para tomar unha decisión acerca do novo decreto. Chegou o momento da gran decisión. A Xunta e o PP van optar por unha política lingüística consensual, que se cinxa a modular segundo un criterio pactado os ritmos de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, pero sen cuestionar a súa filosofía de fondo nin os obxectivos que sinala? Nesa liña, aprobarán un decreto para o ensino que vaia avalado polos partidos da oposición e os sindicatos de ensinantes, ou ao menos que non suscite o rexeitamento frontal destes? Ou, pola contra, van impoñer pola mínima unha norma regresiva, fundada nunha filosofía lingüística disonante coa que inspira o noso ordenamento xurídico-legal, e mergullando de cheo o galego e o castelán na controversia política e na confrontación social? Van tentar resolver os problemas existentes, localizados fundamentalmente no ensino privado e concertado, ou, ao contrario, van empeñarse en crear outros novos, e máis graves, no ensino público?

Aguilloado polo ambiente auspicioso destas datas, desexo ás autoridades moito siso e bo acerto, e para o idioma galego un novo ano moito mellor ca o que está a piques de finar. Falta fai. Como país, xogámonos moito neste envite.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 11 de diciembre de 2009