"Ser áxil e directo escribindo é unha obriga, non unha cualidade"
Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) aparcou ao detective Horacio Dopico, pero a acción segue estando en Oregón, unha maneira máis ou menos xeracional de dicir Ourense. En Dime algo sucio, a súa cuarta novela, achégase ao relato criminal cun pé nos clásicos. O cambio de estilo é deliberado.
"Non busquei poñerme serio", precisa o autor de Tres segundos de memoria, Premio Xerais 2006. Agora o real reequilibra o enxeñoso e o bonito. "David Goodis, levando o realismo ao máximo, foi capaz de crear imaxes alucinóxenas", di, remarcando o espírito. "Como dicía Samuel Fuller das películas, eu creo que unha novela debe abrir cun machetazo e rematar con outro".
Pregunta. Sentiu que debía facer unha novela seria?
"Con 15 anos a orde social altérase dende o instinto, non porque leras a Negri"
"O retrato que fai Eloy de la Iglesia do proletariado urbano é insuperable"
"Eu claro que lin a Otero, pero a tradición da novela negra comeza en Poe"
"A cultura popular deféndese soa, sen que ninguén informe de que está aí"
Resposta. As novelas de Horacio Dopico
[Baixo mínimos e O cidadán do mes] son historias pulp, un xogo literario no que tentei homenaxear o hard boiled mediante a parodia. Tres segundos de memoria son cadros costumistas e non atopei outro xeito de facelo que cun punto de vista próximo á picaresca. En Dime algo sucio non busquei premeditadamente poñerme serio, pero ao introducirme en temáticas como a violencia sexual, o suicidio ou o asasinato, apareceu unha voz distanciada e fría, aínda que por momentos non o sexa tanto.
P. As historias fíanse en terceira persoa, o crime é un suceso máis. Quixo experimentar co xénero?
R. Supoño que dende Jim Thompson puxo sobre a mesa The killer inside me, alá por 1952, calquera aproximación á mente deformada dun criminal sempre quedará incompleta. Eu tentei facer a miña, pero non quixen que a novela xirase arredor da enfermidade que tiña Lou Ford [o sheriff-narrador da novela de Thompson]. Pretendín que o criminal, como a parella en proceso de demolición ou o taxista, formasen parte do vecindario. Todos nos cruzamos nalgún momento cun asasino ou cun violador en serie, e mirámoslle aos ollos sen sabelo. Dependendo das circunstancias, acabará no cárcere ou seguirá saudándonos no portal.
P. Desaparece a parodia, non hai ficción política nin drogas recreativas. En Oregón hai rapaces de barrio e proletariado urbano.
R. Hai personaxes adolescentes que tentei tratar con todo o respecto posible, é dicir, sen caer en moralismos. Eles bastante teñen con respirar, que xa é bastante. Cando tes quince anos, un tenta alterar a orde social dende o instinto, non porque o día anterior lera a Toni Negri. Canto ao proletariado urbano, na novela contactan entre si algúns personaxes que, estando perfectamente integrados no sistema, teñen vidas marxinais e comportamentos patolóxicos. Disto último saben bastante máis as oligarquías, pero iso sería outra novela. Nese sentido, calquera que volva sobre os filmes de José Antonio de la Loma ou de Eloy de la Iglesia sabe que son insuperables.
P. Cando aquel cine quinqui agoniaba, a súa xeración accedía ao sexo literario en galego na escola, con Galván en Saor. Moitos cambios? Os suficientes?
R. Quitado na serie B, onde a vítima debe amosar os peitos mentres é atacada polo vampiro, calquera narrador sabe que as escenas sexuais teñen sentido se serven para facer avanzar a historia. En Dime algo sucio hai algúns personaxes tremendamente insatisfeitos, tamén no plano sexual. Pero o que lles pasa é que non soportan a vida. Por iso buscan que alguén dende fóra lles veña solucionar o seu desacougo, ben a través da sexualidade entendida como posesión, ou ben a través desa alquimia que os faga sentir desexados polo outro, únicos e reverenciados. Esa xente é tremendamente infecciosa.
P. En que sentido?
R. Hai personaxes da novela que precisan que o sexo vaia acompañado dunha certa dose de ofensa e humillación que os libere das represións adolescentes, pero tamén lle deixei espazo á tenrura, representada, precisamente, na iniciación sexual de dous rapaces. Cada autor ten a súa visión do tema, que vén dada polo tipo de historia que coloca sobre o papel. A min gústame que me conten qué está pasando, porque creo que ser áxil e directo escribindo non é unha cualidade, senón unha obrigación.
P. Afastarse do lírico tamén é unha obriga?
R. Non sempre, pero coido que o escritor debe ser o suficientemente precavido como para decatarse de que o lirismo emana constantemente da realidade, e que estragala con demasiados adxectivos pode ser contraproducente. Eu creo que David Goodis, sendo como era un novelista de paperback, atopou o equilibrio. Novelas como Nightfall ou Black Friday, entre outras, demostran que se poden crear atmósferas consistentes mediante unha escrita concisa, na que non sobra absolutamente nada. Goodis, levando o realismo ao máximo, é capaz de crear imaxes alucinóxenas. Ese é o espíritu, por iso o admiraban tanto os neopolares franceses. Logo Samuel Fuller, que tamén era un gran admirador de Goodis, dicía que as películas debían empezar cun machetazo e rematar con outro. Eu creo que unha novela tamén debe abrir e pechar dese xeito.
P. Pensou levar á ficción o tirapuxa cos lingüístas das editoriais, como fixo Cid Cabido?
R. Os novelistas facemos o noso traballo, que é contar historias. Os lingüistas métenlle man ao texto e hai que aceptalo cun punto de resignación, porque non che queda outra que esa violación consentida. Non sei como levarán a negociación outros autores, pero eu téntoo tomarmo con humor. Hai solucións que melloran o texto e outras nas que un debe amosarse inflexible e non ceder nunca, faltaría máis. En todo caso, eu sempre quedo contento co resultado porque previamente tento facer os deberes.
P. Do seu discurso cando o Xerais destacaron as referencias a Álvarez Rabo, logo dixeron que non lía literatura galega e Jaureguizar utilizou o título, dunha letra de Sr. Chinarro, para falar da "xeración dos peixes". Que pensou daquela?
R. Falar de Álvarez Rabo cando recibín o Xerais foi divertido, pero en ningún caso unha reivindicación de nada. A raíz diso formáronse algúns debates, case todos demasiado apresurados, pero valiosos canto á intención.
P. A cultura popular deféndese soa?
R. En todo caso, sen que ninguén teña que informar a ninguén de que está aí. E iso de que os escritores novos non len literatura galega é algo do que xa se laiaba Ferrín en 1988, cando dicía que había moi poucos novelistas que se achegaran a Álvarez de Nóvoa ou Pérez Placer, autores que a min me parecen moi interesantes e que non ocupan o lugar que merecen na literatura galega. É unha sospeita que sempre se lle bota enriba a calquera autor que empece, vivamos nos 80, nos 90 ou agora. Eu claro que lin a Otero Pedrayo, pero a tradición de calquera escritor de novela negra, sexa sueco ou mexicano, comeza en Poe. Logo cada un xoga cunhas coordenadas culturais e xeográficas determinadas. Eu teño moi claro cales son as miñas.
P. Crítico como era co bipartito, adícalle agora máis tempo á política?
R. De política non falo (ri).
P. Volverá Horacio Dopico?
R. Nunca se sabe, pero a curto prazo non teño intención de que volva.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.