_
_
_
_
Reportaje:Luces

Contra a lingua da razón instrumental

Chus Pato publica 'Secesión' fóra dunha colección de poesía

Cada vez que Chus Pato bota un libro, a desorientación en certos sectores do campo crítico é notábel. No caso de Secesión, axuda a adscrición, por primeira vez, a unha serie editorial dominada pola narrativa. "Elaborei os traballos do libro actual do mesmo xeito que os anteriores", explica, "desde o que eu entendo por poesía, rotundamente". A última incursión da ourensá, apón o paratexto de Galaxia, procura "a escritura como desprazamento". Un epígrafe de Roland Barthes constata a necesidade de anular a "restrición mercantil do escrito". "Creo que o poema non cambia o mundo, pero inventa os nomes que declaran o mundo", reafirma Pato unha das palabras de orde da súa poética.

Para trazar unha historia de Secesión, o lugar do editor Carlos Lema resulta central. "Hai tempo propúxome escribir unha biografía, eu rin e díxenlle que si", lembra, "Secesión está nas librarías porque Carlos insistiu e termou de min durante os dous anos que durou a súa escrita". A memoria de lugares e de voces adquire no libro unha dimensión diferente á de, por caso, os poemas d'A ponte das poldras (Noitarenga, 1996). "Mentres escribía este libro", afirma a autora, "tiña a sensación dun corte biográfico, un sentimento de fenda, un antes e un despois relacionado con cambios biolóxicos e mentais".

"Elaborei o libro desde o que eu entendo por poesía, rotundamente"
"Un poema é, tamén, un tacto, toca os corpos e transfórmaos"

Na editora publicitan Secesión como o primeiro libro non estritamente "poesía" de Chus Pato. Pero ela non formula a operación neses termos: "Eu trato de que a miña escritura non volva escribir o que xa rematou, senón o que non está aínda escrito; cousa moi distinta é que o logre". Na súa última obra, que fai parte do movemento iniciado en M-Talá (Xerais, 2000), a disolución xenérica non atinxe grao máximo: hai crónica en Carta de Tánxer, riscos de teoría do poema en forma de diario, os aforismos de Anacos dun abecedario. No canto dun libro, un campo de batalla. "Cada unha das palabras do poema é como unha carga de nitroglicerina que dinamita as convencións da lingua que se nos obriga a falar e a escribir", asegura.

Un dos sentidos da literatura, case un dos deberes, consiste, para Pato, "en interromper a lingua do pacto, a lingua da razón instrumental". No pensamento que despregan as páxinas de Secesión, o idioma está obrigado a funcionar como "o canto do que nunca aconteceu nin acontecerá xamais". Gilles Deleuze mestúrase con Rosalía nun oficio que volve e revolve arredor de Auschwitz. "Todo o que escribimos son pegadas dunha poética arrasada, sinais dunha musa sen atributos", grava en Cárpatos ao lonxe, o rexistro da súa experiencia no museo do campo de concentración, incluída no volume.

A consciencia do lager (o significante alemán para cada un dos campos do complexo Auschwitz-Birkenau) alaga Secesión. Nunha particular lectura do filósofo italiano Giorgo Agamben, escríbese fronte ao "signo da escravitude". "O permanente estado de excepción do que fala [Walter] Benjamin na súa tese oitava", afonda, "acae como unha luva ao desastre escuro que son os nosos días". É Agamben, no libro O que queda de Auschwitz, quen estende Benjamin á contemporaneidade. "Os gobernos que padecemos non teñen capacidade para intervir no real", considera a poeta, "pola contra, un poema é, tamén, un tacto, toca os corpos e transfórmaos; ninguén é a mesma logo de ler un poema". Isto, engade, é a violación da emerxencia permanente.

E ese mesmo feito lingüístico do poema implica, segundo Chus Pato, unha contradicción cos valores fetichistas da mercadoría. Contra o utilitarismo e "contra os idiomas da usura" -velaí o posicionamento posíbel da obra de Pato na historia da poesía-, é dicir, tamén fóra de vellas dicotomías estéticas, viaxa Secesión. "A cada tempo a súa arte, a cada arte a súa liberdade", reza a frase de Ludwig Havesi esculpida no pavillón de exposicións da Secesión, construído en Viena a finais do XIX. Así encabeza Pato a páxina de dedicatorias do libro: "Ten que ver coa lembranza e a reivindicación da palabra no contexto artístico das primeiras vangardas históricas".

"É un problema de civilización, as persoas xa non somos capaces de soportar o mundo no que vivimos", expón unha voz na entrada do 29 de abril da sección Mentres escribo. O taller de Chus Pato ocúpao, arestora, a pentaloxía Método, da que xa deu á luz M-Talá, Charenton (2004) e Hordas de escritura (2008). "Continúo, hai diversos poemas e un bocexo do cuarto libro, pero sei moi pouco, en realidade nada", e remata: "Ás veces penso que Secesión pode funcionar como unha guía de lectura da pentaloxía; quizais sexa a función do libro, entre outras".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_