"Ás veces penso que estou nunha lista negra, sen saber quen a fixo"
Dez anos despois da aparición de Salvador de Occidente e Por tras dos meus ollos, as novelas históricas que pechan o ciclo que iniciara A ponliña irlandesa, Nacho Taibo (Madrid, 1949) volveu ao soporte tradicional cos microrrelatos de Flor do grelo (Laiovento, 2008), un recordatorio do seu amor polo fragmento e a ficción fantástica.
Falta por fixar nunha edición definitiva Homes de ningures (Edicións do Rueiro, 1977), co estudo crítico de Isabel Seoane, na Biblioteca das Letras Galegas de Xerais. En Homes de ningures, o ruso Niéstor Gálkin e o galego Bréixome Freire acábanse fundindo nun só home. O argumentario, en boca do narrador, remite ao home superfluo pasado polos posmodernos, pero o autor fala de Borges e das historias paralelas d?Os dous de sempre, do mesmo Cunqueiro co que aprendeu o galego "de libro". O Premio da Crítica levouno, pero houbo quen lle criticou un "exceso de imaxinación".
"Agora publícanse cousas máis conflitivas, fóra do que é moda"
"Non sei onde situar 'Homes de ningures'. Non entro no selectivo"
"Ás veces penso que estou nunha lista negra", di Taibo, "pero non sei quen a fixo".
Pregunta. Entre Flor do grelo e as novelas anteriores hai máis ca unha diferencia de tamaño.
Resposta. Propúxenme facer esta colección de microrrelatos nunha resposta irónica aos detractores da novela longa. O meu amigo Xosé Manuel Martínez Oca recrimíname a preguiza: para el, de varios deses relatos hiperbreves debera saír cadansúa narración extensa. Mais o que fixen foi xusto o que eu quería, a condensación textual é deliberada e os textos completos.
P. A que atribúe a mala acollida daquelas novelas?
R. Puiden ser acusado de meterme na novela histórica cando estaba de moda, porque en 2001, en galego, xa había moita. Pero non era esa a miña motivación. A ponliña irlandesa tivo unha crítica en Internet, e Salvador de Occidente, da que aínda estou namorado, ningunha. O universalismo centrado en Galiza das tres, en calquera caso, é o fío condutor. É o nacionalismo galego que eu quero, internacionalista e negador da España pechada. O que se erradicou.
P. En Calendario de brétemas mañanceiras na miña praia atlántica, a única compilación da súa obra curta, hai chanzas sobre a unidade como "posible vicio pequenoburgués", caracteres chineses e personaxes que provocan cagarría no próximo. O seu ensaio Os partidos políticos na Galiza non é nada compracente, e os personaxes d?A semancia (Xerais, 1981) interpretan as coitas políticas da época...
R. Segue aparecéndoseme Reimundo Patiño, oxalá apareza sempre... Patiño coñecía a Luís Seoane, e unha vez na súa casa, Seoane empezou a dicir 'eu xa lle dicía a Castelao'. Eu era un rapaz, e coma no relato de Poe, o que pensas que non debes facer, acábalo facendo. Pensei: estou aquí e cágome. Canto ao en saio... Naquela época xa empezaba a ter problemas cos editores. Alí falaba de proxenetismo político para describir a relación entre a UPG e a AN-PG, e mantéñoo, igual que sigo sendo nacionalista. Se iso puido condicionar unha certa marxinalidade, non teño resposta. A pregunta de qué pasaba comigo, e por que, aínda a penso, pero son incapaz de crer que por escribir cousas que acaso estean fóra de lugar, en ningún caso ofensivas, che poidan facer un baleiro. E hóuboo. Durante moito tempo estiven disposto a admitir que a miña obra representou unha caste de bum entre 1975 e 1980, porque non había moito máis, e cando nos normalizamos, simplemente foi marxinada. Pero segue habendo cousas que non entendo, puntadas descontinuas. Salvador de Occidente foi finalista do Premio Xerais e alguén dixo que non valía porque xa se presentara a outro premio, e era mentira... É certo que non son un autor comercial, pero ás veces penso que estou nunha lista negra, sen saber quen a fixo.
P. Volvendo ao relato, tampouco é que daquela desfrutase da mellor consideración editorial.
R. A crítica sae por todas partes... Supoñendo que Anxo Tarrío sexa un crítico, e non un logreiro, por exemplo, unha vez dixo que eu non dominaba a técnica da novela, pero que era bo facendo contos, e que era un gran poeta. Eu nunca fun poeta.
P. Homes de ningures sae en 1977, canda Dos anxos e dos mortos, e tres anos antes de Cara a Times Square. Onde a situaría, nunha historiografía literaria por facer?
R. Son incapaz de facelo...
P. Pois dentro da nova narrativa cadraba ben.
R. Se algún alumno me pregunta, sempre lle digo que non fago falta para aprobar a selectividade. Nos libros de texto non pinto nada, e amais é imposible establecer correntes a partir da nova narrativa. Diría que non hai perspectiva histórica, pero tampouco é explicación. Houbo unha diversificación como nunca foi, e o máis que se pode facer é partillar en bloques temáticos. Eu aí entro no experimentalismo, con Margarita Ledo, e non sei por que, con todo o agarimo.
P. Que quixo facer?
R. Tiña feita a historia do ruso, quería escribir algo un pouco crítico sobre a URSS... Logo fíxenme máis prosoviético [ri]. Alá por 1973 viaxei a París e metinme na historia do 68. Na construción das dúas historias paralelas influíume tamén o Cunqueiro d?Os dous de sempre. Que un personaxe caia enriba do outro, ao final, é pura cuestión de probabilidades, partiu da barreira existente entre as persoas. Son as escollas dos personaxes as que deciden a mensaxe, no condutismo literario que eu practicaba entón, afastado do nouveau roman... No que lle toca a Galkin, el era o espello da miña vida anodina no banco, cando vivía en Madrid, pero podéndose dislocar a vontade. Agora non o é porque son feliz no ensino, pero sobre o ensino non escribo.
P. Falando do ensino, hai uns anos dixo que en galego se prescribían libros "moi suaviños".
R. Naquela época, a venda comercial condicionaba seriamente a narrativa galega, pero penso que xa non é así. Agora publícanse cousas máis conflitivas, fóra do que é moda, que non están orientadas cara ao ensino. Pero a situación do galego, e do ensino, é outro tema.
P. Cre que a utilización política do idioma acabará encetando a fractura social?
R. A fractura social témola diante, é a fractura da convivencia política. A violencia verbal e a utilización da mentira máis obvia nunca foi tan visible como nas pasadas eleccións. Xulgando só os feitos, non é difícil pensar nunha caste de conspiración: unha plataforma mínima, o sector vazquista do PSOE, que lle fixo a cama a Touriño, La Voz de Galicia e ata os que permitiron que o mapa sociolingüístico da RAG se coñecese demasiado tarde.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.