_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

A novela dun 'outsider'

A semana que vén 'A esmorga' fai medio século. Os efectos da obra de Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 - Vigo, 1979) aínda non cesaron

O Cibrán, o Bocas e o Milhomes percorren a noite ourensá. E, malia a que corren os anos da posguerra cando escribe Eduardo Blanco Amor, a violencia que o atravesa todo procede de máis adentro. "Seres marxinais nun descenso aos infernos", sintentiza o escritor Marcos Calveiro. A peripecia d'A esmorga acontece noventa anos antes da súa redacción, mediado o século XIX, e traza as consecuencias da condición periférica, o núcleo escuro da opresión. A cincuenta anos da súa primeira edición -o 3 de abril, na editorial Citania que Luís Seoane dirixía en Buenos Aires-, A esmorga non só trata unha traxedia de aires shakespereanos na cidade das Burgas, se- nón que aínda conserva, a dicir de autores contemporáneos, a modernidade dun artefacto literario, a pericia da súa construción técnica.

O filme de Gonzalo Suárez, 'La parranda', marcou certa ollada sobre o libro
María Reimóndez salienta o uso dunha lingua "urbana, sen folclorismos"

"Blanco Amor, ao contrario que outros da súa quinta, era un escritor moi consciente da súa técnica". Para Xurxo Borrazás (Carballo, 1963), que se declara máis partidario de Xente ao lonxe, A esmorga exemplifica ese dominio das ferramentas literarias. O autor ourensán escenifica unha declaración xudicial na que só fala Cibrán. "O uso coloquial da lingua, dunha lingua urbana e sen folclorismos", sinala María Reimóndez (Lugo, 1975), "é abraiante, esa maneira de narrar". Reimóndez afasta a súa primeira lectura da obra, na adolescencia, "superficial e só pendente da historia que conta", da que realiza arestora e que repara na cuestión de clase ou na condición sexual dos personaxes.

Marcos Calveiro (Vigo, 1968) aínda recolle parabéns pola súa obra Festina Lente, editada o pasado ano. "Cheguei á Esmorga por Chanquete", chacotea. Na versión cinematográfica de Gonzalo Suárez -La parranda, 1982-, Cibrán era Antonio Ferrandis, o célebre protagonista de Verano azul. Aquela visión "escura, dura, violenta" do texto de Blanco Amor marcou a Calveiro, que só tempo logo se asomou á novela orixinal. "E sorprendeume a voz, ese galego coloquial, case de magnetofón, nun relato que transcorre nun só día, como o Ulises [de James Joyce]", compara.

Para Camilo Franco (Ourense, 1973), pola contra, Gonzalo Suárez fixo máis mal que ben sobre A esmorga. "O filme provocou unha lectura errada dos personaxes como lumpen", explica. Segundo o autor de Palabras contadas, "esa ollada descondiciona os personaxes e a súa circunstancia; Cibrán, Bocas e Milhomes son traballadores sen recursos, pero traballadores, non aspiran a vivir da delincuencia". Blanco Amor mesmo concreta: temporeiros do ferrocarril.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Porque o que se xoga n'A esmorga, en palabras de Camilo Franco, é outra cousa. "A violencia e a marxinalidade non resultan centrais", di, "senón a represión, a indefensión perante as institucións". E un realismo que chega a ser "doloroso": "A esmorga sabe que existe un conflito e que no conflito sempre perde o máis feble". Anxo Angueira difire. O escritor de Dodro (1961), que en dous meses publicará A espiral no espello, un ensaio que estuda a Nova Narrativa, sitúa A esmorga en liña con Xente ao lonxe -publicada en 1972-. "A esmorga retrata o lumpen do XIX, con Camus e o experimentalismo realista de Cela, mentres en Xente ao lonxe aparecen o movemento, os traballadores organizados, o sindicato", clasifica.

Tamén Bieito Iglesias, un dos autores que Xosé Carlos Caneiro sitúa nunha hipotética "xeración auriense", expón a idea de lumpenproletariat e da noite na cidade suburbial. Iglesias (Ourense, 1957) lembra que A esmorga foi o primeiro libro en galego que leu, recomendación de Francisco Rodríguez. Recoñece o común entre a súa propia obra e a historia de Cibrán "no procesado do mundo do subproletariado". "Blanco Amor fala dende dentro, como Pasolini no seu filme Accatone", argúe, "e, malia a que A esmorga é unha novela de pecadores na que morren todos, non é moralista, non dá no picaresco". María Reimóndez menciona, e achega o seu comentario ao universo pasoliniano, a construción das masculinidades en Blanco Amor. "Sería interesante analizar a súa obra como a dun autor que non escribe como se estivese no centro do mundo", apunta.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) confésase tamén do partido de Xente ao lonxe. "Esa novela é unha teoría da literatura", considera, "e todo iso que chaman Generación Nocilla española xa está no libro de Blanco Amor, o multiperspectivismo, o fragmento". Con todo, en absoluto desbota A esmorga, que ao seu ver amosa un autor "moi intrépido" e "unha novela suburbana" valiosa pola incoporación de técnicas narrativas inéditas. Mais ao novelista d'A vida nova de Madame Bovary, que defende certa continuidade da poética citadina d'A esmorga en, por caso, Diego Ameixeiras, préstalle o Blanco Amor "tanxente coa realidade literaria".

"Un outsider, un periférico, un marxinal, un rebelde", apón, "que aínda non foi debidamente restituído polo sistema literario galego, se tal ente existe". E nese punto coincide Camilo Franco, que avanza unha explicación da posición vital do escritor: "Se coñeces a relación de Ourense con Blanco Amor, entendes esa posición; el viña da clase moi baixa e iso non se lle perdoou nunca na cidade".

"Todo o que facía tiña algo de perigo", recapitula Xurxo Borrazás, "e esa actitude potente e radical, fagas literatura ou música, é o que me interesa". Borrazás, que vén de publicar Costa Norte/ZFK, rememora a Blanco Amor, anos 70, na televisión pública: "Falaba de arramplar con todo, con aqueles personaxes tan boíños da literatura galega". Caneiro refírese tamén á falta de recoñecemento "diso que se chamou Transición" co autor dos relatos d'Os Biosbardos.

"Non se deixa dominar facilmente", indica Anxo Angueira, profesor de instituto e universidade, "pero nunca me pasou que unha xeración de estudantes non sufrise o impacto de ler A esmorga". Eduardo Blanco Amor contaba 62 anos cando publicou a obra e, malia a diferenza xeracional, conectou coas xentes da Nova Narrativa. Afastado do modelo Fole-Cunqueiro que preconizaban Piñeiro e Carvalho Calero, A esmorga é documentalista, non rural, extremadamente realista e tecnicamente impecábel, segundo Marcos Calveiro "de aparencia sinxela e por iso complexa".

"A esmorga expón como funcionan os mecanismos sociais sen lirismo ningún", improvisa unha conclusión Bieito Iglesias. Esa literatura descarnada, sen rede, valeulle a incomprensión de propios e estraños. O exilio exterior e o interior. Unha sorte de desclasamento análoga á de Cibrán, Bocas e Milhomes.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_