O patrimonio activo
Escritores, historiadores, filósofos e ensaístas debaten no Consello da Cultura sobre as implicacións dos "bens culturais" para o mundo actual
Deslindar o concepto de cultura. Ampliar a idea de patrimonio. Recolocar a raia entre espírito e materia. Esculcar con ollada crítica os denominados bens culturais. Esluír a fronteira que afasta a mentalidade individual da colectiva. Os obxectivos do foro O valor crítico dos bens culturais, que comezou onte no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, e que remata mañá antes do mediodía, non son precisamente reducidos. A heteroxeneidade dos convidados a falar -filósofos, escritores, profesores, de arte, ensaístas- tampouco o permitiría. Segundo o seu coordinador, o arquitecto Iago Seara, "é importante concibir o patrimonio de forma activa e dinámica".
"Un edificio pode explicar a historia dun país", asegura Xosé Luís Barreiro
"Como comprendemos os bens culturais?". Deste interrogante parte o razoamento que levou a Seara a convocar persoeiros tan diversos como Xosé Manuel Beiras, Alberto Ruiz de Sanmaniego -director da Fundación Luís Seoane-, o filósofo catalán Xavier Rubert de Ventós -que abriu onte as xornadas-, a profesora de Arte granadina María José Martínez Justicia, o pintor Antón Patiño ou a novelista en castelán Susana Fortes. "O patrimonio", apunta Seara, "alén do valor arquitectónico que poida posuír, é testemuño, símbolo da presenza humana, indicación dunha orde social; trátase de toda a creación do home destinada a dominar o territorio, a terra".
Mais a batalla reside na consideración do patrimonio "espiritual". Seara opta polo espírito fonte ao "inmaterial" en homenaxe á Xeración Nós. E explica a escolla: "A Lei de Patrimonio de Galicia é a única lei sobre patrimonio do Estado que fai referencia ao patrimonio inmaterial, aínda que eu, como os homes de Nós, preferiría que falase de 'patrimonio espiritual". A norma, aprobada en 1995, abrangue, concretamente, "o patrimonio moble, o patrimonio inmoble, e mailo patrimonio inmaterial". A paisaxe e os edificios, a literatura e a tradición oral, o activismo político e a emoción que orixina a arte, contribúen a unha outra definición do patrimonio.
"Cando defines un obxecto como un ben cultural, defines o seu valor material", argúe Seara, "pero tamén o coñecemento que adquires de como era a sociedade naquela época". Se cadra nese punto se atope o que de inaprensíbel economicamente hai no patrimonio. Para o politólogo e columnista de prensa Xosé Luís Barreiro Rivas, que onte retrucaba á intervención do catedrático de Estética Simón Marchán O patrimonio como espazo de resistencia na época de globalización dentro do foro do CCG, "a arte é un elemento catalizador sobre o que se vai depositando a cultura".
"Nun edificio vemos a historia dun país", afirma o autor d' A terra quere pobo (premio Ramón Piñeiro de ensaio en 2003), "o que non quere dicir que toda a produción dun país ao longo da historia permaneza; afogaríamos en cultura", ironiza. Xosé Luís Barreiro asegura que a arte, "a arquitectura, a literatura, a pintura", pode "mudar na explicación dun pobo, da identidade dunha colectividade". Con todo, Barreiro Rivas non fala de valor artístico en abstracto: "A Casa de Juntas de Gernika, en Euskadi, é un simbolo dos vascos, pero non precisamente a causa da súa arquitectura". O ex vicepresidente da Xunta manexa unha idea de identidade como "conciencia do particular e das diferenzas" e, ao tempo, advirte do perigo para a arte "de procurar a diferenza a costa da universalidade".
"A identidade é sempre dinámica", ratifica Iago Seara, que apón ese "en proceso" aos bens culturais, independentemente da súa materialidade. "Os obxectos culturais son activos, adquieren novos significados ao pasaren os anos". Seara exemplifica coa residencia presidencial de Monte Pío: "A casa do presidente da Xunta, que agora imos coñecendo os cidadáns, resignifícase, e os galegos identificámonos con ela; pero porque é un gran proxecto; o pavillón de Galicia na Expo de Sevilla, que está agora ubicado en San Lázaro, non nos di nada, pasamos unha e outra vez por diante del e non reaccionamos".
Mais as peculiaridades do encontro O valor crítico dos bens culturais provocan a ampliación do concepto de patrimonio cultural. O filósofo Xavier Rubert de Ventós, coñecido compañeiro de viaxe do Partido Socialista de Catalunya e independentista catalán, participou cun relatorio referido á "tradición democrática entendida como patrimonio" ao que responderon o arquitecto César Portela e o ex líder do BNG e catedrático Xosé Manuel Beiras. "A conciencia crítica existe como ben cultural", defende o coordinador das xornadas.
"A conciencia crítica é cada día máis necesaria", explícase Portela, "para enfrontarse a este mundo". O arquitecto que realizou o cemiterio de Fisterra -descrito por Iago Seara como lugar no que se cruza "a emoción e a razón"- estabelece a problemática contemporánea na contradición entre seguridade e liberdade. "A sociedade actual optou pola seguridade, sen se decatar de que iso implica perder tamén a liberdade". César Portela considra "irrenunciábel" a liberdade, e reclama das estruturas estatais as "mínimas" garantías de seguridade. E amósase máis ben pesimista respecto da heterodoxia na sociedade actual. "Sempre hai francotiradores que van por diante da sociedade, pero corren malos tempos para a crítica, e non só en Galicia, senón en todo o mundo", conclúe, antes de recoñecer "a esa xente que se ergue todos os días como para ir á guerra e pelexar pola liberdade".
O coordinador Iago Seara válese do profesor de Historia da Arte Ignacio González-Varas para resumir as liñas de forza debatidas no Consello: "A arte é a imaxe dunha orde social, dun sistema de valores, é signo tanxíbel da actuación do home na terra". A memoria -"toda arte traballa coa memoria, e a memoria está contida no patrimonio", di-, o artista e a cidade, ou as perspectivas administrativas da protección patrimonial, conforman outras mesas programadas no foro O valor crítico dos bens culturais.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.