Os ventos volven fuxir
O mítico grupo folk dos 70 e 80 volve ós escenarios co espectáculo 'Terra de soños'
Moitos de 40 anos para abaixo teñen entoado "Sementar, sementarei" ou "Non canta na Chá ninguén/ por iso, meu carro canta..." coa firme convicción de que son temas tan tradicionais como Catro vellos mariñeiros. Esas cancións son tan parte do folclore, ou pop no sentido orixinario do concepto, como pode ser Love me tender de Elvis para as xeracións que se criaron no rock. Pero foron compostas hai arredor de tres décadas por unha ducia de daquela adolescentes, chamados Folk 72, e que aquel mesmo ano subiron por primeira vez ó escenario do II Festival Musical de As San Lucas de Mondoñedo, e gañárono co tema Fuxan os ventos. Desde entón, e ata a derradeira actuación, en 1989 en Segovia, subiron a todo tipo de escenarios, desde teatros a teleclubes, en aldeas ou en Bruxelas, e editaron seis discos: Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1979), Quen a soubera cantar (1981) e Noutrora (1984). Para moita xente, foron a banda sonora dunha terra e dun tempo. Agora, a piques de cumprir 20 anos apeados dos escenarios, volven. Os días 18 e 19 de outubro no Auditorio de Galicia. Non só os Sex Pistols recuncan.
"É facer o que nos apetece en cada momento. Un regalo para nós mesmos"
"'Desfixer' nunca nos desfixemos, seguimos gravando discos"
Aínda que, en realidade, Fuxan os Ventos nunca deixaron de zoar. En 1999 editaron Sempre e máis despois (título que agora se revela como profético) e tres anos máis tarde, Na memoria dos tempos (ídem). E tamén subiron ós palcos en tres ou catro ocasións, sempre por solidariedade. A última vez, en agosto do ano pasado, no Festival de Pardiñas en Guitiriz. Alí fixéronlles unha oferta que non quixeron rexeitar: facer un espectáculo coas músicas de sempre anovadas, con nove músicos detrás e convidados de luxo ó lado, e cunha ambiciosa proxección audiovisual. Un concerto, Terra de soños, 29 pezas ó longo de dúas horas, que se converterá nun CD-DVD.
"Fun velos para ver se pagaba a pena tentalo. Cantaron só oito ou nove temas, pero vin que si. Falei con eles e responderon ben" recorda Noa Díaz, a xovencísima responsable de NonSi? Servizos Culturais, a empresa promotora do asunto. "Así e todo, tívenlles que presentar un proxecto técnico polo miúdo antes de que me contestaran". Así e todo, porque Noa é filla de dous compoñentes de Fuxan, Moncho Díaz e Tareixa Novo. "Non o poñas, que van pensar calquera cousa", roga a promotora, que confesa que o grupo sempre lle gustou, pero "nunca na casa vin un disco de Fuxan", comenta no local da SGAE en Compostela, no medio dun ensaio "con todo", incluído o grupo de acompañamento e o cuarteto de corda que subirán con Fuxan ó auditorio.
Levan un ano ensaiando as voces, xuntándose normalmente en Lugo as fins de semana, e esta é a segunda "con todo" de seis ou sete que farán antes do 18. No amplo local da sociedade de autores están nove dos dez (falta Xosé Luis Freire, coordinador musical da Radio Galega) que estiveran naquela "fuga de Segovia" hai dúas décadas. Alfonso Fernández, profesor de inglés en Chantada, descarrila o ensaio de Dame lume, unha animada peza con ritmo da música xudea klezmer, entoando "Give me fire, Xoana/polo vertedeiro". "Despois de tanto tempo, metía medo, pero dixemos 'vamos probar, a ver como sae', pero segundo se vai achegando a data...", conta mentres os outros rin. Moncho Díaz, técnico de radio, escéptico oficial do grupo (e o que vai máis veces ó atril para lembrar a letra), é sen embargo o máis contundente ó afirmar que "desfixer nunca nos desfixemos, seguimos gravando discos".
Carme Vázquez foi a máis reacia: "A maioría quería facelo, e aceptei para non deixalos colgados", di esta mestra de Primaria en Bertamiráns, que non ten problemas para recordar as letras. "Que letras?, se a maioría das veces só facemos uuuuuhhhh", ironiza Antón Castro, o da zanfona, mestre en Outeiro de Rei, liberado sindical da CIG. Tareixa Novo, que se define como "mestra", obviando que é Delegada de Vicepresidencia na Coruña, quita dramatismo ó asunto. "É facer o que nos apetece en calquera momento. Un regalo para nós mesmos". Fuxan non afrontan Terra de soños polo que a maioría dos recuncantes, os cartos, senón por esa "señardade que espanta", que cantan en O carro.
Sempre e máis despois
Quen, acordeón en mans, sentencia a interpretación de O vira vira cun "non estivo mal", é o compositor Xosé Lois Romero. Naceu aló polo ano en que se creou o grupo, e se aceptou ser director musical e autor dos arranxos dos temas de sempre de Fuxan foi porque "o reto era grande, pero a oferta era fascinante, era facer contemporánea unha música moi transcendente, con moito simbolismo, e conservar a esencia de algo que foi moi importante neste país".
A maiores, a súa responsabilidade inclúe enfiar a participación dos convidados, Uxía Senlle, Guadi Galego ("veu a ensaiar a primeira hora e acabou chorando de emoción"), Xabier Díaz, Rodrigo Romaní, Pepe Ferreirós, Mercedes Peón e Nova Galega de Danza. Tamén a colaboración dos outros oito músicos: Guillermo Fernández, Roi Adrio, Benxamín Otero, Simón García, Fernando Docampo, Iván Novo, Sergio Sieiro e Rosalía Vázquez, estes últimos o cuarteto de corda Saiva nova (e tan nova, todos naceron cando o grupo que acompañan estaba no cimo).
"O máis complicado foi afacerse a uns arranxos que non son estrictamente de música clásica, pero queda moi ben", di Sergio Sieiro, que ten acompañado á viola a Rosa Cedrón. "Para nós foi unha superación comprobar coa soa", tercia tímido Iván Novo. A Rosalía Vázquez, violonchelista, o do folk-pop non lle acae tan alleo, "porque meu pai era músico e tocou con Andrés Dobarro". E menos a Fernando Docampo, que a maiores de violinista é gaiteiro, e quedou de terceiro -como cantante- no concurso televisivo Son de estrelas.
E todo este despregue de nostalxia, dúbidas e traballos para dous concertos e un disco? O ton xeral é que tanto esforzo non pode morrer aí. "Ese mono que tiñamos non se vai saciar con dous concertos, penso, pero tampouco imos volver á fase da furgo, a carretera e as actuacións", coida Xan Fuertes. "O futuro, o tempo o dirá", filosofa Pepe Vázquez, hoxe técnico de radioloxía no Hospital Xeral Calde de Lugo, sen apearse o tambor. "O de seguir, plantexámolo e descartámolo", descré a Carme Vázquez tan crente no método democrático. A conclusión realista é a do liberado sindical Antón Castro: "A noite do 19, acabando de cear no Dezaseis, xa falaremos".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.