Reportaje:PREMIO A UN LITERATO EN REBELDÍA | Luces

O escritor expulsado da súa época

"Nunca me sentín excesivamente afagado, nin demasiado consagrado. Máis ben, ao longo da miña vida literaria, o que me sentín foi preterido, presionado. Pero xa sabía eu porque era: cando se fai política ou cando se fai literatura non ao servizo das correntes dominantes, como no seu día o piñeirismo, pois un está onde está, onde escolle estar. En todo caso, non hai problema". Fala Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), o escritor que o vindeiro sábado 14 de xuño recollerá o primeiro Premio Nacional de Literatura convocado pola Xunta de Galicia e que durante as últimas décadas condicionou, por acción e, adoito, por reacción, o campo literario galego.

Pero Ferrín non é só literatura. As súas posicións políticas, na esquerda marxista e no nacionalismo de máximos, aínda provocan rebumbio e unha extensa serie de paradoxos na súa imaxe pública. O retrouso "Ferrín é un magnífico escritor e un pésimo político" déixase sentir con frecuencia. El ri: "Comecei a ser un pésimo político antes de nacer, xa en 1936. Cando nacín, os que pensaban coma min eran pésimos políticos, destinados a perder a guerra. Ben, a gañar a Guerra Mundial pero a perder a Guerra de España". A súa peripecia política levouno despois por unha nómina de organizacións -UPG, UPG-lp, PGP, GC-OLN e FPG, na que segue a militar- situadas inevitabelmente fóra do Parlamento.

"Pasamos a vida no século XX e agora somos expulsados da nosa época" "O que é claro é que rematou o galeguismo de dirección única"

"A destrución do denominado socialismo real foi un desastre", argumenta, e continúa: "Para os que pensabamos que a Unión Soviética debía camiñar cara a máis comunismo e cara a máis liberdade, de súpeto aconteceu o contrario, foi cara a ningún comunismo e, paréceme a min, cara a pouca liberdade". Os acontecementos que marcaron a fin do "século curto" aparecen, para o autor de Retorno a Tagen Ata (1971), anoados á "desregularización da linguaxe".

"O posmodernismo, que é a lóxica deste novo tempo, produce un pensamento xeralmente trivial. Isto reflíctese na literatura: desaparecen os grandes sentimentos, os grandes conflitos, os grandes desexos do home, a radicalidade... Extínguese a traxedia e o que hai é todo caos e o caos é violencia estúpida, innecesaria. A cuestión vese moi ben nun filme de Clint Eastwood, Mystic River". E, se cadra, tamén no último poemario de Xosé Luís Méndez Ferrín, Contra maquieiro (2005), que vén de publicarse en Cuba con limiar e tradución de Manuel Outeiriño.

"Supoño que toda a xente da miña idade quere axustar contas co século XX. Aí pasamos a maior parte da nosa vida e agora sentímonos expulsados dunha época que foi a nosa. Unha época terríbel", afirma, "pero na que estiveron as cousas claras; a dialéctica de masas estabelecíase en parámetros moi seguros, entre o ben e o mal". "Porque eu aínda creo no Ben e no Mal", asegura contundente.

Nese magma xorde Contra maquieiro: "Trátase dun libro mosaico. E aínda que non adoptei exactamente un punto de vista comunista, si claramente anticapitalista, sobre ese século de horrores causados polo capital, polo maquieiro". Porén, o libro non canta aos heroes do poeta -"os heroes do proletariado e da liberdade"- senón ás vítimas. "É así, non aparece o Che Guevara, por exemplo, só as vítimas inocentes do horror". "Una imprecación, un poema que clama contra la usura", apón Manuel Outeiriño en Méndez Ferrín, poeta cimarrón, o prólogo da edición cubana.

"Como escritor, hai veces nas que é preciso ser diáfano e outras veces nas que non. Un achégase, como poeta, ás portas do misterio, ao límite da lingua. Ás veces, quen escribe sente que pode dicir algo máis, pero non existen recursos na linguaxe convencional. Daquela, recórrese á metáfora, ao símbolo, a formas de dicir tanxenciais. O exemplo máximo foron os místicos". Ferrín explora os contornos dunha poética pero apenas identifica certezas: "A miña vocación inicial, se se pode falar de vocacións, era a zooloxía. Pero non foi a adiante pola miña incapacidade coas matemáticas". A estas alturas, non hai proxectos concretos na súa gabeta: "Aceptei que son un ancián e que teño que escribir obras de ancianidade. Non sei ben como vou facer".

Da paixón biolóxica, que se manifesta de cando en vez na súa obra -"en intres de debilidade", admite risoño-, ao centro dun sistema literario, o galego, que ao seu ver se atopa "nun intre áureo". "O século XX é a idade de ouro da literatura galega, non hai outra: nin os Cancioneiros, nin o XIX; agora existe un corpo complexo, con tensións interiores terríbeis, con manifestos implícitos e explícitos", considera, "unha literatura nacional, poderosa, non dependente na que hai rupturas continuas: Chus Pato, Outeiriño... O que é claro é que rematou o galeguismo de dirección única".

Por que esta visión, mantida mesmo dende o exterior do campo por Antonio Gamoneda, é cuestionada dende o interior? "Xa o dixo Castelao: hai elementos suicidas. Amais, tamén hai unha tendencia a magnificar figuras como Rosalía, Curros, Pondal ou Otero Pedrayo. É curioso que no sistema literario haxa figuras que pensan que eles mesmos son inferiores...". Ferrín lembra ao personaxe de Luces de bohemia: "¡Yo nunca leo a mis contemporáneos!' parece que din algúns. Os columnistas literarios citan escritores autríacos e logo está o pedantillo de redacción que amosa erudición sobre jazz; nin contemporáneos nin compatriotas!".

O Premio Nacional de Literatura, que hai 25 anos rexeitara os dous millóns de pesetas do galardón Álvaro Cunqueiro conceDido pola Xunta, segue a impartir aulas no instituto Santa Irene de Vigo. Sempre refractario a pasar ao ensino universitario, Xosé Luís Méndez Ferrín fala da "valentía dun xurado que premia a Mercedes Peón, a Margarita Ledo; non se premiou aos mortos, como dixo Suso de Toro, premiouse aos vivos". Este é o Ferrín que acerta a "aplaudirlle ao Goberno que creou os Premios Nacionais. A proba reside na xente que está incómoda con eles". "Talvez disguste o adxectivo 'nacional' pero", ironiza, "se no Estatuto Galicia é unha nacionalidade histórica, cal é o adxectivo que se deriva? nacionalitario? os Premios Nacionalitarios da Cultura Galega?".

* Este artículo apareció en la edición impresa del jueves, 05 de junio de 2008.

Archivado En:

Te puede interesar

Lo más visto en...

Top 50