Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Tribuna:Luces

A segunda vida do relato galego

O microtexto reinventa a tradición do conto oral na nosa literatura

"A literatura galega non é unha literatura normalizada na sociedade galega", dicía Carvalho Calero en 1989 na entrevista que publicou Carmen Blanco en Galaxia. "Hai poucos apoios e poucos lectores [...] Se cadra é unha literatura un pouco de urxencia, na que o poema lírico e o relato breve ou a novela curta teñen máis posibilidades de éxito".

No mesmo extracto, o filólogo ferrolán aproveita para explicar o porqué de Xente da Barreira (1950), a primeira novela que se publica despois da guerra: "Reconstruíndo a cultura galega [...] abriuse paso a idea de que o conviña agora era ter prosa".

As cifras editoriais certifican o éxito da vella prédica do galeguismo interior: sobre os 3,8 millóns de euros que facturou en 2006 o libro literario en Galiza, máis do 90% xerounos a narrativa. O epígrafe da Federación de Gremios de Editores de España non fai distingos, e novela serve para apelar aos autores de calquera forma de relato en soporte impreso. "Nos últimos dez anos a novela converteuse na opción case única", recoñece Manuel Bragado, o director de Xerais, "pero tamén establecemos unha cota de relatos ou non-novelas". Entre eles, Dz ou o libro do esperma, de Samuel Solleiro, Vidas post-it, de Iolanda Zúñiga, e os microrrelatos de Camilo Franco en Palabras contadas. "Se unha novela non constitúe macrorrelato, no sentido posmoderno, un relato moi breve tampouco é micro", demanda Franco. "Os supostos avances da novela no século XX sempre foron ataques á súa natureza unitaria", resume. Para o autor d'A lúa no cénit, "onde se amosa que o galego é un idioma de longo alento non é na extensión do seu léxico, senón na versatilidade do uso".

"O galego é un idioma de longo alento pola versatilidade do seu uso", di Camilo Franco

"O máis característico da literatura galega en bloque é o conto", di Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas en Santiago e autor d'O regresso a arder. Viagem ao Cabo Nom (Agal & Quasi Edições), entroutros artefactos poéticos onde se esvae a idea de xénero e os materiais narrativos se entretecen. Quiroga lembra as orixes do relato galego (das poesías de revista de Manoel Antonio ás Cousas de Castelao) e acode á ironía na lembranza dos 80, "cando algúns editores paseaban os institutos en busca de novelistas". Para Quiroga, en contacto con mestres do relato coma os brasileiros Rubem Fonseca ou o máis novo Dalton Trevisan, "as etiquetas [en referencia ao microrrelato] chegan cando hai un corpus literario que lles dá sentido, como en São Paulo hai contos pensados para cada estación de metro". En 1986, unha década antes do hipertexto, a xeración de Curtis White ou Ronald Sukenick xa quixo matar a Raymond Carver por defender un modelo (Chèjov) anterior á cultura de masas.

Nos microtextos de Liquidación de existencias, do economista e antropólogo Marcos Lorenzo, remárcase a necesidade de "polisemia e ambigüidade", cunha ridiculización expresa dos grandes relatos de exposición, nó e desenlace, "tan alonxados da vida".

Inspirada polos personaxes de Quim Monzó, a viguesa Iolanda Zúñiga explica a xénese do seu celebrado debú, Vidas post-it: "Escollín o relato breve porque traballaba nun fast food de comida mexicana, tiña pouco tempo e necesitaba botalo fóra".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 23 de noviembre de 2007