_
_
_
_
Reportaje:Luces

O libro galego vai de feira

A industria editorial multiplica a súa presenza en encontros internacionais

Dun tempo a esta parte, a internacionalización do libro galego semella estar no centro das máis diversas estratexias culturais. Se nalgún dos escasos escaparates de librarías dedicados á produción do país é posíbel atopar traducións de Orhan Pamuk, John Updike ou Anna Ajmátova, a retórica cultural das institucións teima na importancia "do plano de promocións exterior consensuado co sector", en palabras do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. O programa de asistencia a encontros internacionais do libro, elaborado dende a Consellaría de Cultura, inclúe as principais feiras do sector, entre elas Francfort, Buenos Aires ou Bolonia. Unha delegación galega asistirá mañá á apertura da Feria Internacional del Libro de Guadalajara, que se celebra na cidade occidental mexicana até o vindeiro 2 de decembro, e instalará expositor compartido entre o departamento da Xunta e a Asociación Galega de Editores (AGE). A xa anunciada condición de cultura convidada no certame de La Habana outorgada a Galiza constituirá a pedra de toque da aposta cultural galega do Goberno.

"A valoración da acción institucional é positiva", di Alfonso Sanmartín
"A feira de La Habana será porta para unha área estratéxica"

Asistencia histórica

"A valoración da actuación gubernamental ten que ser, por comparación, positiva", asegura o presidente da AGE, Alfonso Sanmartín. Sanmartín realiza un rápido repaso pola "asistencia histórica" a este tipo de feiras: "Antes íase a Bolonia [especializada no libro infantil e xuvenil], a Francfort [a cita central da industria editorial europea] e ao Líber de Barcelona, e iso mudou; ábrense perspectivas de acudir a Londres ou a París". Luís Bará corrobora a valoración de Sanmartín, "a presenza en feiras internacionais medrou moitísimo", e debulla, unha vez máis, as liñas de traballo da consellaría: "Hai un apoio xeral á tradución de obras galegas a outros idiomas, unha liña de axudas a creadores para espallar a súa obra e outra de compra venda de dereitos de libros".

Para Eva Mejuto, de OQO Editora, unha das empresas máis activas no exterior mesmo antes da reformulación das políticas institucionais, "medrou a presenza en número de países e a estrutura tamén é maior". "Agora viaxamos en mellores condicións, e iso xa o comprobamos en Francfort, por exemplo". OQO Editora recibirá en Suíza a vindeira semana, nas mans da cofundadora e a autora da obra galardoada Marisa Núñez, o Premio Internacional de Libro Infantil da Foundation Espace Enfant por Chocolata. "Mañá saímos para Guadalajara, onde estaremos toda a semana que vén", di Mejuto. OQO, especialistas en álbum ilustrado dirixido aos cativos, visitará logo o Salón do Libro de Francia, en Montreuil, na que será a única editora do Estado español con posto propio, ou a feira do libro infantil de Barreiro, ao pé de Lisboa, "nun encontro que aspira a ser referente do libro infantil".

Preguntados por resultados concretos das medidas emprendidas dende a administración, os consultados coinciden. "É cedo para falar de resultados", asegura Alfonso Sanmartín, "pero si houbo accións concretas: a presenza en Francfort foi importante e por primeira vez moitos editores galegos participaron na venda e compra directa de dereitos de obras". Segundo Luís Bará, "as feiras internacionais abren oportunidades de negocio, e en eidos como a literatura infantil o xuvenil, o volume económico aumentou". O responsábel de Difusión Cultural da Xunta tamén menciona "outro resultado", en referencia á "proxección da cultura, que contribúe a situar Galiza no mundo como país".

Amais da presenza nas feiras internacionais, a Asociación Galega de Editores está a pór en marcha unha serie de estruturas comúns xunto a colegas cataláns e vascos "para ir fóra do Estado, con fórmulas coparticipadas". Francisco Macías, director de Edicións Positivas e coordinador do boletín Novas de Libros da AGE, refírese a un "lanzamento do libro galego en Catalunya, que irá acompañado de música e teatro, e que garantirá unha presenza constante da literatura galega aló". Macías tamén adianta a intención dos editores de publicar un catálogo en papel para vender obras galegas nas feiras internacionais, baseado na experiencia do portal web, xestionado pola consellaría, readgalicia.com.

Mais a vista dos implicados na industria editorial galega apunta cara a xaneiro do vindeiro ano. Luís Bará afirma que non pensan "na feira de La Habana coma un fin en si mesmo, senón como un despegue nunha área estratéxica, para abrirse a outros países de América Latina". Alfonso Sanmartín repite practicamente argumentación -"a feira do libro de La Habana será para nós unha porta para toda Latinoamérica e mesmo agardamos recibir algún convite doutros lugares"- e engade que "o obxectivo real será acadar unha industria editorial non dependente das institucións: iso significará que estamos no camiño axeitado e que as editoras galegas á fin son empresas fortalecidas".

A primeira cita de América Latina

"Por primeira vez hai representación galega na feira do libro máis importante do ámbito latinoamericano, a de Guadalajara, en México", oufánase o director xeral de Creación Xeral, Luís Bará. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, estará mañá á fronte da delegación galega na inauguración do encontro mexicano.

Dezaoito editoriais fan parte do expositor que a consellaría, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, instalará en México. No stand galego, e despois dun acordo co plano de Fomento das Exportacións Galegas que xa funcionou no encontro de Francfort, haberá representación doutras empresas relacionadas co mundo editorial do país.

Na primeira xornada da feira de Guadalajara presentarase, ademais, o número monográfico que a revista mexicana Reverso dedica á poesía galega. Cunha escolla realizada pola crítica galega Teresa Seara, a publicación recolle obra de Luz Pozo, Xohana Torres, Álvarez Torneiro, Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Enma Pedreira, con ilustracións de Alfonso Costa.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega enviará á presentación algúns dos poetas escolmados por Teresa Seara.

O luns 25 de novembro, a conselleira de Cultura anunciará dende Gudalajara o programa de actividades da presenza de Galiza como cultura convidada na feira do libro de La Habana, en xaneiro de 2008. Na expedición galega viaxarán, igualmente, catro autores pertencentes ao PEN Club de Galicia, entre eles o presidente Luís González Tosar, Camiño Noia, Bieito Iglesias e Gonzalo Navaza. O PEN galego acode a México tras recibir unha invitación do seu grupo homólogo mexicano e durante o serán do vindeiro luns "levarán a cabo un acto literario dentro do recinto da Feira".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_