_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

A prehistoria da ordenación territorial

Os castros configuraron, hai 27 séculos, o xeito de asentarse no territorio dos galegos

Hai aproximadamente 2.700 anos que se conformaron as bases dunha ordenación galega do territorio aínda vixente e baseada no espallamento da poboación. No século VI a.C. sitúan os historiadores os inicios da cultura castrexa nas actuais Galiza, norte de Portugal e occidente asturiano. As contas dos expertos falan, arestora, de entre 4.000 e 5.000 castros no territorio da autonomía. Os derradeiros habitantes dos castros abandonaron o poboado de Mohías, en Asturias, no 570 despois de Cristo. "O problema dos castros é o mesmo que o de todo o patrimonio cultural galego", sinala o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Fábregas, "é moito e está moi espallado".

"Existen recursos legais para protexer os castros, pero a capacidade do Estado é limitada"
As contas dos expertos falan, arestora, de entre 4.000 e 5.000 castros no territorio galego

Foi no ocaso da Idade do Bronce, arredor do século IX a.C., cando se comezaron a habitar os castros. Segundo a canónica Historia de Galicia de Ramón Villares, a "poboación habitadora dos castros semella ser o froito de diferentes achegas raciais". E concreta: "O susbtrato de tipo cromañoide, o substrato mediterráneo, diferentes contribucións nórdicas incorporadas no Bronce final e os celtas que chegan a Galicia durante os primeiros séculos do último milenio a.C.". Precisamente os grupos de orixe centroeuropea que, durante anos, a historiografía identificou como celtas foron os que importaron as técnicas de traballo do ferro. A Idade do Ferro coincide co esplendor dos castros e da cultura que emerxeu deles.

Florentino López Cuevillas, o prehistoriador da Xeración Nós, describía os castros como "recintos fortificados, de forma oval ou circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correspondente foxo, e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas". A función das arquitecturas castrexas aínda se atopa sometidas a debate. Como parte das murallas foron construídas xa na época romana, que na Galiza comezou cando Décimo Xunio Bruto pasou ao norte do Douro no ano 139 a.C., existe quen as considera unicamente "un fenómeno de edificación dunha arquitectura de prestixio" e réstalles validez militar. Antonio Balboa Salgado asegura, no seu libro en defensa do carácter celta das culturas asociadas aos castros A Galicia celta, que esas "construcións, documentadas desde antigo, deberon ter unha función disuasoria real, e corresponden a un estado de guerra confirmado a través doutros testemuños literarios ou arqueolóxicos".

A economía castrexa presentaba unha base agrícola alicerzada en cereais como o millo miúdo e o trigo, que se combinaba coa actividade gandeira, sobre todo vacuna. A caza, a pesca e o marisqueo facían parte da vida cotiá dos poboadores dos castros e así certifican os restos de xabaríns ou cervos achados dentro de murallas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Dos 5.000 castros que existen na xeografía galega de hoxe en día, segundo indican desde a Consellaría de Cultura, apenas 100 están escavados "con certa posta en valor". "Os castros marcan de xeito determinante a nosa paisaxe", sinala o director xeral de Patrimonio da Xunta, Felipe Arias, "e, evidentemente, o seu espallamento fai que a situación para conservalos sexa complexa". Arias fala da "enorme riqueza e variedade" dos castros galegos e cifra en arredor de tres decenas os que "resultan visitábeis". Os datos que ofrece Ramón Villares en Historia de Galicia entornan unha maior densidade de castros en bisbarras tales a Ulloa, o Deza, Tabeirós ou As Mariñas, "onde hai castros cada seis ou sete kilómetros", que opón "á enorme rareza que teñen en zonas coma o sureste de Galicia ou as montañas setentrionais". Segundo o tamén presidente do Consello da Cultura Galega, nesas comarcas "as fortificacións aparecen cada 40 ou 50 quilómetros cadrados".

Felipe Arias, que antes de acceder á Dirección Xeral de Patrimonio puxo en marcha o museo do castro de Viladonga, a 11 kilómetros de Lugo, afirma porén que "para entender un castro non é preciso que estea escavado". Arias refírese á posibilidade de advertir "as estruturas dun poboado fortificado" e admite que "non existe ningún castro totalmente escavado no territorio de Galicia".

O catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas comandou, en agosto, a busca dos primeiros homínidos que pisaron o noroeste ibérico en zonas do Caurel lucense. Fábregas compara a situación dos castros coa dos petroglifos. "Ao se tratar dun patrimonio tan abondoso e disperso", argúe, "non é doado elaborar planos completos de conservación". Pero Fábregas non se amosa pesimista: "Na actualidade existen recursos legais dabondo para a protección do patrimonio castrexo. Mais a capacidade do Estado, ou das institucións autonómicas, é loxicamente limitada, e non pode atender a tal cantidade de xacementos castrexos como hai neste país".

"Na actualidade non se pode construír sen obter antes información arqueolóxica da zona e presentala no departamento correspondente; polo menos iso é o que di a lei", explica. Fábregas alude indirectamente ás altas probabilidades existentes na Galiza de que unha pequena obra tropece con restos castrexos. A toponimia revélase como a proba máis evidente da pegada dunha civilización que aínda determina a maneira de se asentar no territorio dos galegos.

O historiador Ramón Villares lembra, no seu volume canónico sobre a historia do país, que a colocación das fortificacións castrexas corréspondese adoito con edificacións posteriores de ermidas ou igrexas parroquiais. "A pervivencia dos castros como lugar de asentamento da poboación vén confirmada polo posterior hábitat agrario", sinala, e refírese a que "nos castros xa se observa a forte humanización da paisaxe que se volve observar en diferentes períodos da historia galega". Villares tamén fai referencia á "intensa tradición folclórica repleta de contos de mouros escondidos nos castros".

"Ás veces tárdase moitos anos en recoller os resultados das excavacións nos castros", di Ramón Fábregas, que denuncia "a falta de facilidades para visitar os escavados; non se visibilizan". O exemplo a seguir, segundo o catedrático de Prehistoria, sería "o complexo do castro de Viladonga, un caso salientábel", no que existe un museo didáctico a carón das murallas. Viladonga pertence ao concello lucense de Castro de Rei. Unicamente hai museo noutro castro do territorio galego, o que coroa o monte de Santa Tegra, na desembocadura do Miño na Guarda.

Para Fábregas é fundamental "a concienciación das parroquias, que teñen que mirar o castro como algo propio, e tamén do Seprona [o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil]; esa é clave do problema". "Xerar coñecemento útil á sociedade", continúa, "resulta o máis importante e nese punto fállase". "Falta rendibilizar socialmente os castros, algo que acontece con outros xacementos arqueolóxicos, con outros aspectos do noso patrimonio", conclúe.

Dende a Dirección Xeral de Patrimonio enumeran as medidas que procuran unha valorización do patrimonio castrexo. Felipe Arias menciona a Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, anunciada o pasado mes de xuño, que inclúe as arquitecturas da Idade do Ferro galega. "Entre os catro parques que estruturan a rede [dedicados á arte rupestre, ao megalitismo, os castros e o mundo romano]", indica, "o correspondente á cultura castrexa situarase en San Cibrao de Las, en San Amaro". A rede institucional constitúe "a creación dunha estrutura que sirva para vertebrar todas as iniciativas de posta en valor do patrimonio arqueolóxico" da Galiza.

Rede temática

O programa Castrenor, Cultura Castreja no Noroeste Peninsular, é outro dos proxectos que manexan na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. En colaboración coa Universidade do Minho de Braga, a Cámara Municipal de Monção e a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave, Castrenor pretende crear "unha rede temática con intencións turísticas", amais de inventariar os castros. A iniciativa de presentar unha candidatura dos castros de Galiza, norte de Portugal e Asturias a patrimonio europeo partiu, igualmente, do departamento autonómico que dirixe Arias.

No pasado mes de setembro, Cultura declaraba iniciados os trámites para outorgar a categoría de Ben de Interese Cultural, a máxima figura de protección cultural da Xunta, a 20 castros da xeografía galega. Até aquel intre, apenas o de Elviña, na cidade da Coruña, e o de Santa Tegra ostentaban esa distinición. Os poboados castrexos de Punta dos Prados, en Ortigueira; Cidá de Boneiro, en Cabana de Bergantiños; Baroña, en Porto do Son; Neixón, en Boiro; Lupario, en Rois; Fazouro, en Foz; Viladonga, en Castro de Rei; Santa María do Castro, en Cervantes; Castromaior, en Portomarín; Vilar e A Torre, en Folgoso do Caurel; San Cibrao de Las, en San Amaro; Santomé, en Ourense; Castromao, en Celanova; Coto do Mosteiro, no Carballiño; Saceda e San Millán, en Cualedro; Donón, en Cangas; Troña, en Ponteareas, e Penalba, en Campo Lameiro, pasarán a ese réxime de protección.Nin siquera están inventariados, aínda que se calcula que en Galicia hai arredor de 5.000 castros. Só un cento deles están escavados e ata hai ben pouco a penas dous foran declarados Ben de Interese Cultural. Envoltos durante séculos no misterio e no abandono, os castros forman parte inseparable da imaxe do país e constitúen unha misión pendente para a arqueoloxía

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_