_
_
_
_
_
Tribuna:TRIBUNA | LUCES
Tribuna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las tribunas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Literatura sen fronteiras

Neste momento está a celebrarse en Verines a XXIII edición dos xa tradicionais encontros de escritores e críticos das letras españolas, xusto nas vísperas de que a recén creada Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega se reúna por vez primeira, mañá sábado, nun espazo de debate e reflexión. Á marxe das consideracións que as diferencias entre ambos eventos me inspiran, e da satisfacción que me causa constatar a conciencia profesional das persoas que en Galicia exercemos a crítica literaria e que nos sentimos comprometidos exclusivamente coa nosa tradición escrita, cos lectores de hoxe e coa construción dun futuro onde a lectura no noso idioma sexa un acto cotiá e normal, hoxe quero glosar o tema do debate deste ano en Verines: Literatura sen fronteiras. A recepción das Letras Españolas actuais en Europa. Sen dúbida, a escolla do tema débese á vontade do equipo organizador de debullar algo tan complexo como é a proxección dunha arte fundamentalmente verbal -a literaria- en ámbitos lingüísticos diversos. A presenza de escritores e críticos galegos, vascos e cataláns arrequentará de certo os debates, pois a nosa problemática é ben distinta da de aqueles que exercen en ámbitos idiomáticos cuantitativamente fortes, como é o caso do castelán.

Pero a etiqueta do Encontro non deixa de intrigarme: ¿quere o devandito epígrafe dicir que as Letras Españolas (así, con maiúsculas) inclúen a actividade literaria ou metaliteraria realizada en idiomas como o galego, vasco e catalán, ademais do castelán? Se así for, teriamos que cuestionar o criterio filolóxico, altamente funcional á hora de balizar as literaturas no noso entorno cultural. Un criterio que, por outra banda, demanda ser complementado por outros dende o momento en que falamos, por exemplo, de literatura chilena, ou arxentina, ou mexicana...ou sexa, de literaturas que posúen estructuras propias, abondo autónomas e institucionalizadas como para desenvolvérense por si mesmas, superando a identificación primeira co idIoma que supón a súa materia prima: o castelán nestes casos.

No caso da literatura galega (e da vasca, e da catalana) a situación preséntase paradoxicamente á inversa, isto é, partimos dunha diferencia sustancial e primixenia -a de posuirmos ferramentas lingüísticas propias- pero estamos aínda a pelexar por acadarmos esa imprescindible autonomía, ese grao de institucionalización mínimo que garanta a nosa supervivencia, na sociedade actual, como unha oferta cultural diferenciada visible, que contribúa a facer realidade a tan cacarexada globalización. Por sorte ou por desgracia, para lograr eses obxectivos -autonomía, institucionalización- é moi convinte dispor dun Estado, algo que si teñen as Letras Españolas (de aí tamén o das maiúsculas...) e por iso poden permitirse a xenerosidade de abeirarnos a todos en Verines, de acoller baixo o seu paraugas protector escritores e obras en galego, vasco e catalán. Ou, cando menos, a aqueles que nos deixamos acoller, que xa se sabe que hai quen prefire ficar ao ventimperio.

Claro que, aceptando a xenerosidade do paraugas, ás veces temos que pagar o prezo da invisibilidade. Porque esta pode chegar a ser a consecuencia de recoñecermos que as Letras Españolas (esas que se se escriben con maiúscula) son as que se producen no Estado español, do que formamos parte e que está constitucionalmente obrigado a recoñecernos -aos que escribimos en galego, vasco e catalán- como parte delas. E isto é compatible co noso afán por xerarmos unha rede de recursos propios (docentes, mercantís, mediáticos, avaliadores, etc.) que faga posible que as nosas literaturas existan como tales. Esa rede é conditio sine qua non para que ocupemos un espazo propio no dinámico mundo da cultura, e o é, na miña opinión, tanto como o feito de que nos expresemos noutro idioma.

O da invisibilidade pode non supor un gran problema ata que chega o momento da exportación, e de aí o acertado de que en Verines se debata este asunto. Porque cómpre analizar como son exportadas a Europa (e digo Europa porque está a ser, nestes intres, a nosa principal plataforma de expansión) as literaturas que en España se escriben en idiomas que non son o castelán. A literatura galega ¿expórtase como tal? Moito me temo que non. A resposta máis realista debería ser que, cando saímos polo mundo adiante, facémolo como parte das Letras Españolas ou, no mellor dos casos, como a cuota que nestas nos corresponde, algo así como a guinda dese enorme pastel que son as devanditas Letras. Tentemos explicar como é posible que se produza tan evidente distorsión.

En primeiro lugar, e para non botar sempre balóns fóra, fagamos un chisco de autocrítica: a literatura galega carece de axentes exportadores minimamente capaces. Os sucesivos gobernos pouco teñen feito por promovelos, máis alá de posibilitar a presenza dos nosos autores e autoras nas feiras internacionais. Os editores tentan con afouteza suplir esa eiva co seu labor aínda que, claro está, cada quen levando a fariña ao seu muíño. Ao mesmo tempo, en Galicia hai nestes intres varias institucións (RAG, AELG, Consello da Cultura Galega, Secretaría Xeral de Política Lingüística, etc.) que traballan nese ámbito sen que para ningunha delas sexa unha prioridade, sen planificación de ningún tipo e a miúdo colisionando entre elas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Pero certamente hai outro factor que explica a devandita invisibilidade, e que intervén antes de que saiamos a Europa. Estou a falar da fagocitación á que, voluntaria ou involuntariamente, nos someten as Letras Españolas, cal xigantesca ameba. Cando a literatura galega sae apadriñada por estas, prodúcese unha especie de adopción das nosas obras a partir do momento en que son traducidas ao castelán. Todos podemos contar infindas anécdotas relativas a autores galegos traducidos dos que se silencia en que lingua escriben orixinalmente, de obras das que non se menta que foron creadas no noso idioma, de películas aparentemente baseadas en novelas en castelán que en realidade son traducións do galego...Pero para fuxir da casuística choromiqueira e autocompracente na que moitas veces se converte o discurso sobre a nosa literatura, déixenme rematar cunha anécdota que moito me fixo reflexionar e que hai tres semanas lle escoitei a Albert Sánchez Piñol, autor en catalán dun best seller traducido agora mesmo a máis de trinta idiomas. Contaba na Universitat Catalan d'Estiu que moitas veces lle preguntaban se non estaba farto de ter que ir polo mundo adiante explicando os motivos polos que escribía en catalán, e que el contestaba sempre o mesmo. "¿Farto? Diso nada. Nunca me preguntan cousa tal ¡Non teñen nin idea de que escribo en catalán!". E iso que é autor de best sellers. Ou, se cadra, iso pásalle xustamente por selo.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_