GROUCHOS | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O pesimismo crónico-histórico

Levamos milenios respondendo con preguntas aos dogmas. Psicoanalizándonos dende os tempos dos petroglifos. Veña, Kallaikoi, faga aí uns debuxiños nesa laxe, dixo o druida. E hala, moito che anda a cabeciña, a facer labirintos, espirais e circos concéntricos. Escribindo cantigas que son interrogantes ontolóxicas: Ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo? Cantando un Himno socrático e cosmogónico que se anticipou nun século aos concertos de Live Earth. Anos diante do oráculo da mesiña redonda de Ramón Piñeiro, mágoa que non ofrecera unhas guindas socialdemócratas, así se lle foron case todos os mozos co licor café da revolución. E anos no diván de Rof Carballo, do círculo galaico-vienés, que mesmo entrevistou a un mariñeiro chamado Xonás. Todo un delicadísimo traballo de enfiar conxecturas, de ensaiar vieiros inéditos na exploración da alma humana, dende o marxismo máxico a un priscilianismo lacaniano, tanto tecer e destecer Penélope, e chega o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, e resolve o enigma do carácter galego cunha arroutada de psicólogo conductista: Os malos datos na seguridade vial en Galicia débense "ao pesimismo crónico e histórico dos galegos".

Eu non coñezo a ningún galego pesimista crónico-histórico. Hai galegos crónicos e hai galegos históricos. Mais non existe ese perfil do galego pesimista crónico-histórico. En que fontes se documentou o señor Navarro? Galeguistas históricos si que existen. Polo menos temos tres. Francisco Paco del Riego, Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo. Son tres mozos superviventes que andan arredor dos noventa anos. En plena guerra, Avelino descubriu ao amigo na praza de Salamanca e chamouno emocionado: "Del Riego, Del Riego!". Aterrorizado, Paco fixo acenos para que calara. Dicir en alto o nome de Riego era un estigma mortal pois facía lembrar o Himno de Riego. Avelino estivo toda unha noite dando voltas por un campo minado para fuxir. A Riego chamábano por teléfono, dicían "Vives con el permiso del enterrador", e colgaban. Isaac, que tiña quince anos, salvou a vida disfrazado de cego e logo agochado nun faiado. Deus naquela época, de existir, parecía exercer de Sádico do Cosmos, na expresión do crente C. S. Lewis. Os tres non tiñan nada. Nin pesimismo tiñan. Así que crearon escolas, fábricas, editoriais, bibliotecas. E mesmo sacaron o carné de conducir! Daquela era moito máis fácil pilotar o Spunitk que atravesar Galicia de noite por estrada. As greas de cabalos do monte xa coñecen a Isaac, pero antes tivo que bater unhas cantas veces coas bestas da noite. Avelino e Isaac aínda ás veces andan por aí, en secreto, ás carreiras, de conferencia en conferencia, de debate en debate, espallando o espírito crítico nas mocidades agora que os adultos están no poder.

Estes tres históricos non son unha excepción. Galicia sempre foi un pobo optimista gobernado por pésimos pesimistas. A xente marchaba optimista por estradas pesimistas, sen pintar, sen pasos para a xente. O meu pai, o meu padriño, os meus tíos, os veciños, a todos os recordo traballando a eito con optimismo para mercar cacharros pesimistas de segunda man. Estudaban para o carné de primeira, os domingos, sentados nun penedo, como compañeiros nunha misión científica. Nos obradoiros traballaban mozos e mecánicos optimistas con salarios pesimistas. Mesmo hai un dato decisivo sobre o que se cadra o señor Navarro e outros políticos e técnicos de psicoloxía condutista non teñen meditado: os galegos son tan optimistas que gostan de facer as casas nas beiras das estradas. Porque sempre creron que as estradas eran de progreso, como o era a locomotora era o Cristo dos Tempos Modernos para Currros Enríquez. Así naceu a Galicia on the road, fronteiriza, que non é campo nin cidade. Por aí circulan autos e tamén carros e tractores. Unha complicación, mais tamén un signo a interpretar. Unha muller cun tractor por Coristanco, non é optimismo? E os miles de usuarios que cada mañá toman a autoestrada de Carballo, non son optimistas, dun optimismo entrañábel e inocente? Foron estafados polo anterior goberno coa promesa dunha vía gratuíta que poñería fin á carnicería anual da estrada vella. Mais aí están, cada mañá, a pagar con optimismo o plus de curvas como se foran tomar parte nunha atracción das festas do San Xoán.

A pesares de todo, eu supoño boa intención ao director xeral de Tráfico. O seu problema é de método. O condutismo, en psicoloxía, adoita levar a conclusións simples. E non hai nada máis doado que deixarse conducir polos tópicos. Ademais de alcolímetros e radares, coloque o señor Navarro en toda España controis de Optimismo e Pesimismo. A ver onde máis sopran!

A PRIMEIRA VEZ

Da estirpe dos optimistas crónicos e históricos era Claudio Movilla, o xuíz que dictou por primeira vez unha sentenza en galego despois de 400 anos de proscrición. Foi en 1984 e era daquela presidente da Sala do Contencioso da Audiencia Territorial da Coruña. Fundador de Xustiza Democrática e de Xuíces para a Democracia, presidente durante anos do Ateneo da Coruña, nunha vizosa xeira de loita cívica, hai innumerábeis motivos para lembrar a Claudio Movilla.

A nosa visión da xustiza nos setenta estaba moi mediatizada non só polo que fixeron os tribunais especiais do franquismo como o TOP senón polo que os xuíces deixaban de facer. Nunca se investigaron as crueldades e os atropelos cometidos polos esbirros da ditadura. Con canta naturalidade agora comentamos unha película tan realista como A vida dos outros na que se deixa a descuberto a policía política da RDA, desmontada en 1989. Había profesores reaccionarios na facultade de Dereito de Santiago, onde a maioría andaba na órbita do Opus. Por alí andou un personaxe tan importante no réxime como López Rodó e un centro de atención era Alvaro D'Ors. Para todos eles había un mito que adoitaban invitar: o xurista nazi Carl Schmitt, a quen condecorou Fraga en 1962. Non faltaban personaxes tan nefastos como cómicos, como aquel que advertiu a un alumno: "La va a salir el tiro por la horma del zapato".

Coñecemos a moitos avogados progresistas e comprometidos, como o foron en Coruña Rafael Bárez, Rodríguez Pardo, Enrique Aller, Carlos Cerviño, Andrés Salgueiro e outros que merecen recordatorio. Mais, no Pazo de Xustiza, a presenza de Claudio Movilla tivo o efecto de representar, de xeito simbólico e real, a instauración do Estado de Dereito. Era un home extraordinario, rigoroso, intelixente, culto, valente e sensíbel. Faleceu aínda novo, sendo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria. A fundación Peña Novo vai renderlle homenaxe en Castro Caldelas, vila onde naceu, xunto con outros dous insignes xuristas galegos, o fiscal Manuel Casado Nieto e o maxistrado Orencio Pérez González. Con ese motivo, vense de editar o libro Arrequecer a endeita.

AS ALOITADORAS

Verbo da primeira vez e do optimismo, na rapa das bestas de Sabucedo da pasada fin de semana, o público quedou abraiado coa participación de mozas aloitadoras. Só había un precedente de 1970, no curro vello, cando aloitou unha veciña chamada Rosa Cabada. Este ano foron varias, dúas delas noviñas e dun xeito tan garrido que se converteron por intres na vangarda da rapa. O seus nomes Seila e Olaia. No curro había uns 200 cabalos. O día da véspera, uns cen veciños dirixidos polos Touriño conseguiron baixar uns 500 cabalos. Foi unha baixada accidentada, cun aloitador ferido, Santi, que tivo que ser trasladado en helicóptero. Na rapa de Sabucedo está prohibida a utilización de paos, cordas ou calquera outro medio violento. Os aloitadores teñen que domar o cabalo coa forza e coa maña de taparlle a visión. Coincidindo coa rapa de máis sona de Galicia, dúas exposicións. Unha de fotografías antigas e novas e outra de homenaxe a un mestre, Francisco Regueiro, vinculado á Institución Libre do Ensino. Era tamén carpinteiro e no chan da escola esculpiu o mapa-mundi. Agora Sabucedo é internacional.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Logo elpais

Ya no dispones de más artículos gratis este mes

Suscríbete para seguir leyendo

Descubre las promociones disponibles

Suscríbete

Ya tengo una suscripción