_
_
_
_
Análisis:UNHA LINGUA RENDIBLE | NOTAS A RODAPÉ | LUCES
Análisis
Exposición didáctica de ideas, conjeturas o hipótesis, a partir de unos hechos de actualidad comprobados —no necesariamente del día— que se reflejan en el propio texto. Excluye los juicios de valor y se aproxima más al género de opinión, pero se diferencia de él en que no juzga ni pronostica, sino que sólo formula hipótesis, ofrece explicaciones argumentadas y pone en relación datos dispersos

Un idioma é un mercado

HENRIQUE MONTEAGUDO

Hai pouco tempo ocorreu un suceso merecente de vergoñosa lembranza: un establecemento hoteleiro recén estreado redactou un manual de conduta que prohibía aos seus traballadores usar o galego diante do público. Naturalmente, o caso foi silenciado por ese amplo sector dos medios tan dado a magnificar agravios contra o castelán, ou se non existen, a inventalos. A tal nova que non chegou a ser noticia súmase a outras menos recentes pero aínda frescas, coma aqueloutra que nos falaba de que unha coñecida cadea de comida-lixo (perdón, rápida) sancionou co despido a unha empregada por dirixirse en galego á clientela. O paradóxico do asunto é que neses e noutros establecementos os e as clientes que falamos galego -que por suposto pagamos igual que todo o mundo- aturamos a cotío faltas de cortesía que non son tanto responsabilidade das persoas mal instruídas que nos atenden, como dunhas empresas que aparentan ignorar a realidade lingüística do país onde desenvolven os seus negocios.

Falta por explorar a vía da imposición legal de requisitos de emprego do idioma galego ás empresas en medidas razoables
Os clientes que falamos galego aturamos a cotío faltas de cortesía que son responsabilidade de empresas que ignoran a realidade lingüística

Os prexuízos idiomáticos veñen no balume de contravalores resesos que nos deixou en herdanza unha Galicia caducante, entalada por un variopinto abano de complexos que atrancaron o noso progreso. En calquera parte do mundo moderno se sabe que quen presta un servizo en réxime de explotación comercial ten que adaptarse aos gustos e necesidades de quen llo retribúe. Pois en moitas ocasións, para os galegofalantes ocorre xustamente ao revés.

A LINGUA, BEN INTANXIBLE

Desde hai décadas, os expertos levan chamando a atención sobre a importancia dos factores intanxibles no bo funcionamento da economía. Intanxibles: con esa denominación nebulosa e un chisco enigmática faise referencia a elementos inmateriais e dificilmente cuantíficables, pero non por iso de efectos menos reais, tales como a fiabilidade nas transaccións, o nivel de satisfacción dos cidadáns ou as pautas e valores culturais que afectan a aspectos tan variados coma, por caso, o rendemento no traballo ou tamén os hábitos de consumo. Doutra banda, tanto os axentes culturais coma os políticos e os estudosos estanse decatando da relevancia crecente da cultura como sector económico -de aí a expresión industrias da cultura-, nun contexto de desmaterialización progresiva da economía.

Dunha ou outra maneira, o que parece claro é que a asociación economía-cultura, que a primeira vista pode parecer rechamante, resulta cada vez máis estreita. Nese binomio, a lingua xoga un papel de primeira orde, pola sinxela razón de que os mercados se constitúen e funcionan a través de redes de comunicación, e as redes de comunicación créanse e mantéñense mediante linguas. Vencellándose a un concreto espazo de comunicación que contribúe a establecer e sobre o cal se funda o funcionamento efectivo da sociedade e a consciencia das comunidades humanas, a lingua emerxe como un referente central da identidade colectiva.

LINGUA GALEGA,TRABALLO E MERCADO

Xa que logo, a parella lingua-economía ten moitas viravoltas, sobre as que teremos ocasión de tornar. Pero, desde o punto de vista da lingua galega o asunto revélase máis simple: o seu porvir depende en boa medida do valor que chegue a adquirir no mercado laboral. Se a competencia no galego devén nun elemento relevante para situarse nel, o alumnado aproveitará a oferta de lingua dispoñible no sistema educativo; en caso contrario, a presenza do idioma nas escolas e institutos resultará de eficacia mínima, porque os estudantes carecerán de motivación suficiente para aprendelo e usalo. Igualmente, só se o galego resulta útil no mercado de traballo, os pais e nais galego-falantes terán interese en transmitirlles o idioma nativo aos seus descendentes e non se sentirán presionados para educalos en castelán -como aconteceu ata hoxe-, por mor de aumentar o valor do seu capital lingüístico.

Para que a competencia en idioma galego se cargue de valor engadido no mercado de traballo, son precisas como mínimo dúas cousas: unha, que as administracións incrementen (no canto de rebaixaren) as esixencias lingüísticas para o acceso e promoción na carreira funcionarial; dúas, que as empresas comerciais se sintan motivadas para utilizar o galego tanto na publicidade coma na atención ao cliente. Nisto último, os gobernos poden incidir ofrecendo incentivos e impoñendo requisitos. Sempre é preferible a primeira vía, pero en ocasións (e depende para que cousas) a segunda é a única eficaz.

Así, tanto a Xunta de Galicia coma algúns concellos veñen practicando políticas de fomento, que van desde convocatorias de subvencións ata a dotación de premios-lémbrese aquí, por caso, o Manuel Beiras do Concello de Santiago-, pasando por campañas de concienciación. Canto ás convocatorias de subvencións da Xunta de Galicia, a verdade é que están amplamente cuestionadas, e con argumentos moi poderosos. En primeiro lugar, os procedementos e criterios da súa asignación son opacos, de maneira que a ninguén pode estrañar a sospeita de que nagúns casos esas axudas veñen sendo empregadas para moi diversas finalidades e no canto de serviren para promocionar o idioma, acaban alimentando perversas redes clientelares. En segundo lugar, non existen mecanismos de control da súa utilización nin de avaliación da súa efectividade. Non se trata de descualificar globalmente toda unha liña de actuación, que sen dúbida propiciou avances puntuais beneficiando iniciativas axeitadas, pero, en nome da decencia e da eficacia semella obrigado que se revise en profundidade.

Falta por explorar a vía da regulamentación, isto é, a da imposición legal de requisitos de emprego do idioma galego ás empresas nos ámbitos e na medida que se xulguen razoables. Naturalmente, para isto fai falla moita vontade política, moitísimo tino, pois os excesos adoitan saldarse en fracasos totalmente contraproducentes.

DEREITOS DO CONSUMIDOR

Pero se aos gobernos non lles faltan ferramentas para actuar neste campo, aos consumidores tamén nos toca a nosa cota de responsabilidade. Non temos por que resignarnos a ser mal antendidos, e menos aínda sentirnos obrigados a adaptarnos ao idioma de quen nos está a servir. Cos mellores modais e en nome precisamente da boa educación, temos dereito a reclamar -sobre todo das grandes empresas- que nos atendan como é debido, e isto quere dicir no noso idioma. Por fortuna, moitas desas empresas xa o entenden así, e elas saben por propia experiencia que abrirse ao galego resulta beneficioso para todos (incluíndoas a elas mesmas), sen prexudicar a ninguén. (Para dicir toda a verdade, sempre hai individuos que se incomodan porque consideran o seu privilexio irrenunciable que outras persoas sexan tratadas peor ca eles: curiosa maneira de darse a valer!). É de esperar que, pola vía do exemplo, máis e máis empresas irán sumándose, pero para iso cómpre que manteñamos un nivel razoable pero firme de esixencia.

Unha lingua é un mercado: a imaxe provoca un certo proído, pero non fai mal lema publicitario, e axuda a ver a cuestión do idioma baixo unha nova luz. O galego, tamén un mercado.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_