"Queimamos a vida en defender a cultura do país"
"Empecei coa monarquía liberal, seguín coa ditadura de Primo de Rivera, coa ditabranda de Berenguer, asistín en Madrid á proclamación da República e estiven na delegación que visitou no Cárcere Modelo ao goberno provisional presidido por Alcalá Zamora. Apandei co franquismo, e a súa represión e finalmente a democracia. A historia contemporánea contempleina activamente e hoxe son o único militante vivo dos fundadores do Partido Galeguista". A Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913) faíscanlle os ollos azuis cando lembra a súa biografía case centenaria, na que procura quitarlle importancia aos múltiples avatares dunha vida que penduraba dun fío en 1936 ou cando foi detido en dúas ocasións durante a ditadura e arriscouse a agachar documentación política do galeguismo clandestino enterrada anos nunha maleta de hule. O seu traballo en toda caste de iniciativas serviu logo para manter o enlace xeneracional e a continuidade intelectual. Dirixe en Vigo a Biblioteca Penzol, na que despacha todas as mañás e nunca cobrou un can - "morro coa conciencia de que nada me poden reprochar" - e a maiores doou a súa biblioteca de 30.000 volumes e unha valiosa pinacoteca.
"A cultura non se pode politizar seitariamente, perténcelle ao país, que se interpreta a través dela"
"Agora falamos con normalidade de galeguismo pero ao principio eramos unha minoría"
"No franquismo pensamos que o labor cultural era un refuxio e unha posibilidade de galeguizar o país"
"Xa nos tempos de Curros diciase que coa chegada da primeira locomotora o galego ía desaparecer"
Pregunta. Arredor de sí, de Otero Pedrayo conta como unha xeración descubre Galicia. Como foi ese camiño?
Resposta. Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas exprésano de distinto xeito. Eran intelectuais que coñecían a literatura estranxeira, admiraban aos simbolistas franceses, lían nos idiomas orixinais, pero non se preocupaban de Galicia. Un día decatáronse que estaban nun país que descubrir e ao que se entregar e deixaron de dar voltas sobre si mesmos. Consideraron estéril a procura anterior e afincaron o seu saber intelectual en Galicia creando o que chamamos nacionalismo. Deron o salto dun galeguismo local a un galeguismo europeo, querían falar con voz propia no concerto universal, pero custou moito chegar con esas ideas á xente. Lembro que volvín de Madrid e o Día de Galicia nas festas da miña vila falei desde o balcón do concello. A xente non entendía nada do que falei nin lle interesou. Agora falamos con normalidade de galeguismo,pero ao principio eramos unha minoría contracorrente.
P. Vostede salvou a vida no 1936, pero sentiuse moito tempo ameazado.
R. En Santiago refuxieime en casa duns amigos da familia que eran de dereitas. Puxéronme unha radio e leváronme periódicos, pero ao amencer sentía as leiteiras contando que viran os mortos nas cunetas. Na casa suxeríronme presentarme a filas porque o uniforme podíame protexer. Cando rematou a guerra instaleime en Vigo no despacho de avogado de Valentín Paz Andrade. Ás nove da mañá soaba sempre o teléfono: "Señor Del Riego, ¿usted se da cuenta que vive con permiso del enterrador?" Así até que deixei de coller o teléfono.
P. Desde ese momento a súa dedicación concentrouse no labor cultural.
R. Escribín sempre nos xornais, pero no franquismo tiven que recorrer aos pseudónimos. O de Salvador Lorenzana foi o que máis sona acadou e só ao final soubo a policía que era eu. Estiven na fundación da editorial Galaxia nacida cando, durante o franquismo, non víamos outras posibilidades políticas. Pensamos que o labor cultural era un refuxio e tamén unha posibilidade de galeguizar o país. Fixemos un primeiro ensaio no suplemento bilingüe de La Noche [diario vespertino compostelán] e despois Xaime Illa e máis eu fundamos Galaxia, porque Ramón Piñeiro estaba aínda preso. Tiñamos unha publicación periódica, Grial, que cando levaba catro números publicados foi prohibida polo director de prensa, Juan Aparicio, que dicía que como revista tiña que pasar polo seu organismo para ser censurada.
P. Fronte á pauliña de que eran localistas, a teima galeguista foi sempre acadar visión de universalidade desde o propio.
R. A liña que marcamos, seguindo o pensamento da xeración Nós, era non pecharse pero axeitándonos aos tempos.
P. Como no poema de Penélope, a vostede sempre lle tocou formar parte de grupos obrigados a tecer unhas xeracións con outras a contracorrente do poder.
R. Hoxe son vello, pero a miña característica sempre foi ser home de acción. En realidade os tres que controlabamos Galaxia eramos Xaime Illa, un magnífico promotor de proxectos; Ramón Piñeiro, un reflexivo que quería estudar moi ben as cousas antes de pronunciarse, e eu, un executivo que tiraba para adiante. Os tres eramos completamente distintos en termos ideolóxicos e temperamentais, pero chegamos a un punto de coincidencia para actuar. Así foi sempre en Galicia que se logrou un éxito político. Como era unha persoa executiva procurei encher os baleiros que atopaba no país e que debían valer para iniciar ás novas xeracións. Escribín un manual de literatura, un vocabulario castelán-galego, un dicionario de escritores en galego, fixen o libro Letras de fóra que era unha visión, necesariamente impresionista, da literatura de todos os xéneros que se facía polo mundo ...
P. Foron heroes contra a laminación da Ditadura?
R. É o que lles digo aos que parece que acaban de inventar as cousas: sen nós nin os que nos precederon nada quedaría. Queimamos as nosas vidas en defender a cultura do país. Agora outros recollen ese testigo e transfórmana conforme os tempos, pero nós permitimos conservar esas raíces soterradas e perseguidas.
P. E cando xa lle tocaba estar xubilado sacou do faiado unha Academia chea de caruncho.
R. Tocoume abrila e darlle uns aires novos. Pero aínda hoxe pervive nela o defecto do seitarismo, porque propuxen dedicar o Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero - que tivo unha posición lingüística da que se pode discrepar pero era lícita e ninguén pode negar o seu inmenso labor- e non conseguín un só voto de apoio para a miña proposta. A cultura non se pode politizar seitariamente, perténcelle ao país, que se interpreta a través dela.
P. Vostede foi o o inventor do Día das Letras Galegas.
R. Foi en 1963, no mesmo ano que se implantou a Biblioteca Penzol e se fundou Grial. Para o Día do Libro en España escollérase a data do pasamento de Cervantes (23 de abril). Como maneira de promover a literatura galega pensei en facer un día propio e busquei unha data xustificativa que ademais coincidise en tempo lectivo dos estudantes. Vin que a dedicatoria de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro a Fernán Caballero tiña a data de 17 de maio de 1863. Falei co arquitecto Manuel Gómez Román -presidente do clandestino Partido Galeguista- e con Xesús Ferro Couselo, arquiveiro en Ourense, e os tres fixemos a petición na Academia, que a adoptou por unanimidade. Empezouse dedicándollo a Rosalía.
P. Que futuro lle ve ao galego?
R. O idioma antes utilizábase, normalmente, no medio rural e xa en tempos de Curros Enríquez dicíase que coa chegada da primeira locomotora ía desaparecer. Sempre fun optimista porque o feito de que nin Franco lograra desaparecelo é un síntoma de capacidade de resistencia. O galego ten que pervivir. Agora ves até naturalidade nos que contestan en galego cando os interpelan na televisión, algo impensábel tempo atrás. A xente que veu ás cidades desertou moito do idioma, pero de todos os xeitos ninguén se atreve hoxe a dicir que o galego é de analfabetos. A nosa teima era europeizar o idioma para que todos os saberes tivesen un vehículo e non quedase só para a poesía. Conseguímolo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.