Os dogmas e as preguntas
Abondosos discursos da memoria e unha historiografía de desenvolvemento tardío
Chega á fin o ano da memoria. É hora de botar unha ollada atrás e ver cál foi a incidencia da memoria da guerra civil e do franquismo na produción ensaística galega. ¿É o mesmo Historia que Memoria? Seguindo a Todorov, hai un discurso da memoria, que pretende fixar un dogma e unha verdade para ser conmemorada e transmitida; e un da Historia, que quere plantexar preguntas e pescudar sobre as causas profundas, tén un discurso analítico. A Memoria sacraliza, a Historia é sacrílega.
Desa división tamén participa o ensaio galego. Existe un discurso da memoria, con fins conmemorativos, que ten como obxectivo recuperar do esquecemento nomes, feitos, lugares e traxectorias, nomeadamente dos perdedores de 1936, os centos e milleiros de paseados, encarcerados, afusilados logo dunha farsa de xuízo, exilados, mulleres rapadas e aldraxadas, e un longo etcétera. Deste discurso participan ao longo de Galiza asociacións civís, colectivos locais, publicistas e escritores, e os seus actos teñen sempre un norte: honrar a lembranza dos vencidos, conmemorala e devolver a honra e a dignidade aos seus descendentes.
Este discurso non naceu este ano. Afunde as súas raíces da Transición, se non denantes. Eís colecións como Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia de Ediciós do Castro; as obras de numerosos xornalistas, historiadores máis ou menos profesionais ou publicistas locais que reproduciron textos de xuízos sumarísimos, resgataron testemuños orais e recompilaron feitos e datos. Velaí tamén o labor de Fundacións coma a 10 de Marzo e a súa revista Dez.Eme. Eís igualmente o labor divulgativo de semanarios como A Nosa Terra ou A Peneira. Obras como as dos publicistas Carlos Fernández ou L. Lamela, malia as súas limitacións, inauguraron un vieiro logo percorrido dende dentro e fóra das Universidades galegas, vilipendiadas con resentimento ás veces por refuxiarse no "academicismo" (¿) e demais ismos. Ao abeiro do novo Goberno, o país lembrou con máis forza o que foi a barbarie facciosa de 1936 e a longa noite de pedra que a seguiu. Exemplo diso é o notábel Memorial da Liberdade, que estes días se pode visitar no Auditorio de Galiza. E que nos debruza coa cuestión de se existe un discurso da memoria, ou máis ben varios, entre os que o talvez hexemónico hoxe sexa o nacionalista.
Porén, non houbo un desenvolvemento parello do discurso da Historia. Ata hai ben pouco, as interpretacións globais sobre o século XX galego na historiografía eran escasas, coxeaban de descoñecemento empírico de amplos periodos. A situación dos arquivos militares ata hai un lustro tampouco non contribuía a iso. Con todo, aí estaban obras como as de María Xesús Souto sobre a represión na provincia de Lugo, as de X. M. Suárez sobre Ferrolterra, as primeiras achegas de X. Prada sobre a represión na provincia de Ourense, as de D. Pereira ou as de E. Grandío sobre A Coruña. E neste ano 2006, esas achegas consolidáronse plenamente, tanto en obras posteriores destes mesmos autores ou outros, coma V. Santidrián, C. Velasco, D. Lanero, A. Cabana, R. Gurriarán ou A. Rodríguez Gallardo. Traballos que non só recompilan datos para o recordo, senón que ofrecen interpretacións, que elaboran marcos teóricos axeitados para esculcar o pasado, que ofrecen modelos para outras historiografías europeas. Neste senso, si podemos falar dunha historiografía galega, cunha aportación orixinal, sobre a guerra civil e o primeiro franquismo. E con novos aportes temáticos que arrequecerán eses enfoques: dende as formas de resistencia campesiña no primeiro franquismo e a natureza exterminadora do novo réxime na retagarda dende o primeiro intre, ata as modalidades de evasión através da raia galego-portuguesa.
Fica certamente camiño por percorrer. A xeografía dos lugares de memoria da represión e as dimensións exactas do fenómeno -como está reconstruíndo o equipo de investigadores interuniversitario Nomes, voces e lugares- mediante a análise de milleiros de relatos, causas xudiciais e a recompilación de deceas de testemuños orais, de fotos e epistolarios. As prosopografías comparadas dos exilados e das vítimas da represión. A dimensión de xénero da resistencia e da represión, e a experiencia cotiá das camadas subalternas E o estudo dos represores e dos asasinos que algún día foran xente normal. Do porque das súas motivacións, dos consensos sociais que a propia represión tamén foi quen de xerar. Da Galiza dos franquistas, que algúns houbo. Un día teremos que ver as dúas faces da moeda. Non para buscar xustificacións do estilo do barateiro revisionismo moaísta, senón sinxelamente para tentar entender a barbarie. As causas da racionalidade implicita da violencia franquista. Pois, sabido é, a represión en Galiza non foi un sarampo incontrolado.
BIBLIOGRAFÍA
Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago. Ricardo Gurriarán, USC 2006
Lo que han hecho en Galicia. J. De Juana e X. Prada (coordenadores). Crítica, 2006
Os remendos da memoria. D. Lanero Táboas. C. Arzúa, 2006
O exilio galego de 1936.
X.M. Núñez Seixas e P. Cagiao (edit.). O Castro, 2006
De la agitación republicana
a la represión franquista.
X. Prada. O Castro 2006
O ruido da morte.
A.R. Gallardo. O Castro 2006
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.