_
_
_
_
LUCES

O urbanismo ao servizo da xente

Juan Luís Dalda e o esforzo por crear a idea dunha Galicia urbana

Juan Luis Dalda, na ponte de Eiffel que une Porto e Vila Nova da Gaia.
Juan Luis Dalda, na ponte de Eiffel que une Porto e Vila Nova da Gaia.

O pasado día 8 cumpríuse un ano da morte de Juan Luís Dalda, urbanista. Influído por un tempo en que a clase obreira merecía algo máis que a condescendencia ou a crueldade hoxe de rigor, prescindiu de escoller o camiño, moi da atmósfera bizantina dos oitenta, do arquitecto artista. Para el a mellora das condicións de vida da poboación requería calidade urbanística, aquel “dereito á cidade” que Henri Lefevbre proclamara. A democracia era esa posibilidade: a de que fosen atendidas demandas e necesidades populares.

Estudante de arquitectura en Madrid, entrou en contacto co entorno de Tierno Galván. Ese vínculo permitiulle gañar unha beca da Fundación Friedrich Ebert —ligada ao SPD— para estudar en Berlín. A grande metrópoli de entreguerras estaba paralizada pola Guerra Fría, pero nas súas rúas puido beber das fontes do Movemento Moderno e descubrir, entre outros, a Ludwig Hilberseimer, o fundador do Departamento de Deseño Urbano da Bauhaus. Ao mesmo tempo, había xa perspectiva histórica para entender que non se trataba, ao modo de Le Corbusier, de inaugurar sobre a malla urbana un novo tempo, en actitude milenarista, senón de saber ler a cidade para reinterpretala.

Cando regresa á Coruña e acomete o proxecto de Cidade Xardín das Rías —o hinterland Coruña-Ferrol— da man de Fernández Albalat, esa visión da planificación urbana estaba xa na súa mente. Ao mesmo tempo, ingresa no PCE, que abandonará tempo despois. Dicir que foi o mellor urbanista de Galicia nas últimas décadas non é nada que non sexa un lugar común entre os informados. Ninguén coma el puxo o seu rigor ao servizo dunha concepción estratéxica do país. Quen queira entender a Galicia contemporánea ten que ler a Dalda, dado que xa non podemos continuar a conversa con el.

É un lugar común consideralo o mellor urbanista das últimas décadas

Costou, por exemplo, Deus e axuda, pero ao fin cedeu o tópico de que Galicia é un país rural. Hai décadas que deixou de selo. E tamén desapareceu a mentalidade que se correspondía con aquela estrutura económica. Sexa cal for o trasfondo que hoxe goberna as mentes dos galegos, está máis cerca de asemellarse ao que poida caracterizar a vida de suburbio —a transición entre dúas formas de vida, as conductas híbridas e oportunistas, unha certa desorientación nos obxectivos— que da visión estable, estoica, fatalista, dependente dos ciclos da natureza que conforma, segundo o tópico, o carácter da vida rural. Este dato aínda non está enteiramente metabolizado, dada a pertinacia da tradición estrábica que via a Galicia só desde os ollos da súa determinación rural. É certo que non se entende unha parte da mentalidade do país se se ignora a súa vontade de negación dun pasado rural e o desexo de substituílo polos signos dunha modernidade superficial e impostada. Pero ese estrabismo impediunos entender as diferentes culturas urbanas que marcaron o país. .

Se alguén aportou datos para que esa nova visión callase, ese foi Dalda. Podería trazarse un arco dende Otero Pedrayo, xeógrafo, a Dalda, urbanista. Sempre é unha delicia ler a Otero, a conmovedora sagacidade con que soubo captar a vida aldeá, pero, para continuar a súa intelixencia de Galicia, habería que estar atentos á obra de quen deixou os trazos da súa obsesión racionalista nas rúas das cidades e vilas que ordeou a través dos PXOM elaborados pola súa Oficina de Planeamento. Nos seus planos está implícita unha idea do que Galicia podería ser e da súa inserción nos fluxos ibéricos e continentais.

Non debo deixar de mencionar o que me uniu a el con máis forza. O proxecto de crear un xornal que fose expresión da Galicia democrática e que cumprise a función de intelectual orgánico no bo sentido. Sen opinión pública non hai nación, escribiu Renan, e alguén ten que elaborar a información, formar criterio, se se pretende darlle un pouco de orde e consistencia a un mundo no que todo esbara demasiado velozmente. Como é obvio fracasamos. Pero o intento era acertado e a intención honrosa. Que ese Deus no que non cremos o teña na súa gloria.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_