Un adiantado ao seu tempo
José Gil foi pioneiro do cinema e autor da primeira ficción en Galicia
José Gil comezou a súa actividade artística como fotógrafo, profesión na que gañou sona polo seu labor sobranceiro. Chegou a ter unha incesante actividade na cidade de Vigo e ao seu despegue profesional non foi alleo o feito de ter unha mente inqueda e creativa que o levaba a realizar unha manchea de iniciativas comerciais, sempre convenientemente publicitadas nos medios de comunicación para contar con maior proxección pública.
Nese ambiente, Gil movíase con naturalidade, e foi parte importante na publicación da revista Vida Gallega. E o xornal ABC e a revista Blanco y Negro tíñano como correspondente gráfico en terras galegas. As proxeccións das súas fotografías nos cines olívicos adoitaban contar cunha acollida moi boa por parte dos espectadores. Mais a súa mente cismaba noutras posibilidades. No ano 1910 decidiu mercar a cámara cinematográfica Gaumont e a partir dese momento dedicouse a capturar imaxes das actividade sociais, políticas, deportivas e culturais da cidade viguesa.
As proxeccións das súas fotos contaban con éxito de público nos cines
"Os fotógrafos da época vían a cámara como o progreso da súa obra"
Gil foi quen fomentou o cinema de correspondencia entre os emigrantes
Morreu esquecido dous anos logo de rodar 'La península del Morrazo'
Segundo o historiador cinematográfico Manolo González, un profundo coñecedor da vida do cineasta de Rubiós, esa decisión é froito "dunha evolución natural que se deu con moitos fotógrafos da época, que vían o cine como unha progresión da súa obra. Daquela todas as familias ben de Vigo pasaran xa polo seu estudo, posto que era o fotógrafo máis popular da cidade, ao que tamén contribuíu o seu enxeño publicitario, que non esquecía anunciar debidamente cada premio de fotografía que gañaba". Gil percorreu toda Galicia coa súa cámara para recoller imaxes documentais da nosa terra. Unha das súas paixóns son os automóbiles e en 1914 faise coa concesión da empresa Ford en Galicia. Incluso patentou un coche adaptado como proxector, ao que lle deu o nome de automotor-cine. "Este invento permitía revelar no coche o rodado para logo poder proxectalo de noite. Para el, traballar coa Ford foi un orgullo porque a consideraba unha empresa moi importante e sempre lle gustou recoller na súa obra o labor de entidades que axudaban ao progreso industrial de Galicia. Cómpre ter en conta na súa traxectoria que sempre tivo en mente a intención de vender as películas que facía e nunca perdeu de vista ese sentido comercial", engade.
En 1916 realiza o primeiro filme de ficción galego, Miss Ledya, unha cinta que non tivo éxito e foi protagonizada por xente da alta sociedade pontevedresa. Entre eles, aparece Castelao como extra. "Foi unha encarga e non chegou nin a participar no guión", salienta González.
A morte por tuberculose das súas tres fillas, no período que abrangue de 1918 a 1924, deixa moi tocado a Gil e paraliza a súa actividade profesional. "El foi fillo único e a familia era unha parte moi importante da súa vida. A súa filla maior era a nena dos seu ollos e a súa perda afectouno fondamente, continúa o historiador, "a enfermidade das outras dúas fai que se gaste moito diñeiro en médicos, ata veñen de Alemaña, para tentar sandalas. Cando lle comentan que un clima diferente pode ser bo para a saúde da filla mediana, vende todo e desprázase a Ponteareas, onde monta un cine e continúa coa fotografía. Logo da morte da maior apareceu un anuncio da súa actividade co seguinte texto: 'Nadie muere si usted le filma una película". Eu nunca vin nada semellante na publicidade da época".
Logo de pasar o mal trago de perder ás fillas, segue cara adiante e unha mente tan preclara como a súa faille ver que é preciso realizar un rexistro documental das actividades que se realizan no país para incluílas nun Noticiario de Galicia, que se proxectará nas salas de cine logo do acordo ao que chega cos exhibidores. "Daquela ten xa 57 anos e volve comezar coa creación da empresa Galicia Cinegráfica, agora xa centrada só no cine". A súa actividade vai chegar moi lonxe, posto que sempre tivo presentes aos emigrantes en América e publicitouse na nosa colectividade no exterior co fin de realizar imaxes por encarga de acontecementos que aquí se producían. Esa iniciativa, que comezou en 1911 "levando material nun barco que sae de Vigo para A Habana", indica González, deu lugar posteriormente á realización de Galicia y Buenos Aires y Nuestras fiestas de allá, dúas das poucas obras que se conservan do labor de Gil, o home que fomentou o chamado cinema de correspondencia.
Malia a súa situación privilexiada en canto ao traballo documental, a súa empresa recibe un duro golpe cando en 1929 as catro deputacións galegas patrocinan unha longametraxe documental e deciden encargarlle o proxecto, titulado Un viaje por Galicia, a unha empresa madrileña, o que provocará o laio público de Gil -quen por certo presentara unha oferta bastante máis económica que a elixida para realizar esta produción-, cunha misiva enviada ao xornal Faro de Vigo. "Lamentamos que nos sustituyan por personas y empresas que ni son gallegas ni sienten amor por Galicia, así se explica por qué se emigra, viendo como otros ajenos nos suplantan".
González afirma que Gil foi "un adiantado ao seu tempo e un incomprendido". Como detalle curioso, cómpre subliñar "que lle comentaba á xente que chegarían a ver os partidos do Celta na súa casa, diante da incredulidade dos seus oíntes". A chegada do cine sonoro afastou ao público das obras mudas deseñadas por Gil. Naquela época non había nin lugares para proxectalas e el chega a realizar unha petición formal ao Concello de Vigo para que lle cedan algún local, pero esa demanda foi denegada. "Daquela xa vendera ata a casa familiar e vivía de aluguer nun pequeno piso en Vigo", explica González.
La península del Morrazo constitúe a súa derradeira película. Dous anos máis tarde de filmala, en 1937, morreu totalmente esquecido, logo de ser un home de vital importancia entre os pioneiros cinematográficos galegos.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.