Lois Patiño descompón a paisaxe da Costa da Morte
Lois Patiño (Vigo, 1983) quere ir amodo desta vez. Leva dende o mes de abril a traballar no seu novo proxecto na Costa da Morte e aínda pensa botar outro ano máis. "Non teño presa", advirte Patiño. "Quero conseguir o máximo deste material". O cineasta filma, edita e repensa simultaneamente as imaxes e os sons que vai captando na contorna cun equipo técnico mínimo: el coa cámara e Carla Fernández Andrade na produción e o rexistro sonoro. Percebeiros sobre a crista das rochas, serras mecánicas tras o pano mesto da néboa ou pescadores en plena faena. Homes na súa relación de explotación co medio natural. Planos fixos e moi abertos, pero sonorizados dende cerca, na intimidade do oficio. "A cámara fica inmóbil", explica o novo cineasta. "O que se move é a paisaxe".
A primeira montaxe é unha peza de seis minutos e medio titulada Ecos del bosque. Pódese ver o 30 de novembro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago ou un pouco antes no Centre Pompidou de París, no marco dunha nova edición dos Rencontres Internationales Paris/Berlin/Madrid, para os que Patiño xa fora seleccionado en 2010 con Paisaje-Distancia. "Ecos é unha escena da película. Fáltalle aínda moito traballo de son, pero ten autonomía e capta a esencia global do proxecto", explica o director vigués. "A través do xogo coas distancias perceptivas, o plano aberto e o rexistro sonoro próximo, con micrófonos inalámbricos, intento estabelecer unha intimidade co medio ambiente. Trátase de estudar a relación entre a persoa e a contorna e de cargar culturalmente a paisaxe, con historias e lendas".
A perspectiva animista sobre a natureza contamínase coa dimensión económica dos recursos. A pedra é sacralizada e xa logo extraída con dinamita para o seu uso industrial. As árbores máis altas mexen a brétema até que acaban nun buque de carga. A lectura política fíltrase, ao cabo, como a luz nos planos recollidos por Lois Patiño: "É inevitábel. Filmei nun lugar do monte Pindo con persoas que saben o nome de cada pedra e de cada fonte, pero tamén que alí houbo xente agochada durante a Guerra Civil. E tamén falan do Prestige, claro". As conversas entre os personaxes, que falan en primeiro plano pero se ven ao lonxe, minúsculos nesa "estraña enerxía do bosque galego", pretenden ser "espontáneas". O cineasta suxire temas, mais o crebacabezas aliméntase da fala cotiá no traballo.
Patiño segue a furar nun "territorio de fronteira", entre o cinema do real e o videoarte. Fronte aos seus primeiros traballos documentais da serie Rostros de arena (2006-2009), "máis escorados ao retrato psicolóxico dos personaxes e o trastorno da esquizofrenia", ou a impactante Recordando los rostros de la muerte (2009), ensaio poético en primeirísima persoa do singular, o cineasta parece máis interesado agora na paisaxe, categoría que xa explorara con anterioridade, dende un punto de vista máis abstracto, en Paisaje-Distancia (2010-2011) e Paisaje-Duración (2010). No festival Cineuropa de Santiago proxéctanse tamén outras dúas pezas moi recentes: Na vibración da terra e a ficción experimental Esliva.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.