A interminable travesía no deserto do CGAC
O centro referencial para a arte afonda na crise que sofre hai anos, á que se engade a mala situación económica
A complicada situación que atravesa o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) dende hai anos é un segredo a voces. Como acontece en moitas ocasións no mundo da cultura, as críticas quedan case sempre nas conversas particulares. Mais o recorte do 50% no orzamento que sufriu este ano e a apertura da Cidade da Cultura coa programación de exposicións e actividades que ocupan o espazo en que debería traballar o CGAC, fan que o ruxe ruxe se convirta xa nunha realidade da que todo o mundo da arte fala.
A falta de independencia administrativa do centro dende a súa creación, as solucións para os graves problemas económicos e a ausencia dun proxecto estable para o CGAC que sobreviva aos distintos directores, son cuestións que deben solucionarse nun prazo de tempo razoable. Doutro xeito, o futuro dunha institución senlleira, que foi e aínda é moi importante para a arte galega e que enfila o seu vixésimo aniversario (celébrase no 2013), quedará seriamente comprometido.
A crise do museo é máis profunda ca un sinxelo recorte de fondos
A institución atópase "baleira e desconectada" do seu corpo social
"Houbo loitas ata para poder contar cun logotipo propio"
Podería atoparse financiación semellante á da Cidade da Cultura
Blanco: "Os libros que publicaba o CGAC estaban nas mellores librerías"
"Cómpre potenciar de xeito imaxinativo a oferta existente", considera Patiño
As galerías láianse do retraso nos pagamentos de obras vendidas
Vilariño apunta que hai unha carencia de modelo e de estrutura
Dende a Consellería de Cultura, da que depende organicamente o CGAC, insístese en que o centro ten reservado un papel clave no entramado cultural galego. Pero as asignacións orzamentarias destinadas ao CGAC non din o mesmo. O propio conselleiro, Roberto Varela, recoñecía hai dúas semanas nunha entrevista neste suplemento que o recorte sufrido polo CGAC ten que ver coas prioridades do seu departamento. Se o recorte chegou ao 50%, parece claro que o centro xa non é unha prioridade.
Pero a crise que atravesa o museo é máis profunda ca un sinxelo recorte de fondos. Un dos sinais máis evidentes é a falta de conexións co propio mundo da arte. O CGAC pasou a ser case algo alleo para moitos que o sentían coma propio e mesmo os profesionais da arte atopan poucos motivos para visitalo. Neste sentido, a crítica cultural e responsable do blog Culture Workers, Ania González, apunta que agora mesmo o centro atópase "baleiro e desconectado do seu corpo social e cultural". Ao seu xuízo, unha das primeiras cousas que habería que facer é "ser conscientes da escala e dos recursos cos que vai contar para non atenazar os orzamentos futuros". "O CGAC é un espazo público e o primeiro que ten que facer é achegarse aos que ten máis preto. Non ten que ser interlocutor do MOMA, ten que selo de xente coma nós e ten que favorecer o intercambio de coñecementos e de persoas, non de obxectos".
Unha das vías polas que o CGAC podería conseguir máis fondos para financiarse sería a creación dun ente autónomo ou fundación que lle permitise procurar financiamento dun xeito máis efectivo. No entanto, hai quen pensa que isto tampouco vai ser a salvación do centro. A exdirectora Gloria Moure lembra que este foi un dos cabalos de batalla da súa xestión e que tivo moitas dificultades para que a Xunta lle concedese máis autonomía ao centro. "Houbo loitas ata para ter un logotipo propio. Un museo de arte contemporánea ten que contar cunha axilidade para a que non está preparada a Administración. Pero hai que ter coidado porque non se trata de privatizar. Un centro público ten a obriga de darlle un retorno aos cidadáns, pero a rendibilidade será maior cunha xestión máis áxil", explica Moure.
Para Asunta Rodríguez, responsanble da galería compostelá Trinta, resulta lóxico pensar que o CGAC podería contar cunha fórmula de financiamento semellante á empregada para o complexo do Gaiás, que recibe apoio privado a través da Fundación Cidade da Cultura. "Deste xeito podería facerse unha programación máis ambiciosa e un aumento dos recursos para levar adiante as tarefas fundamentais dende a dirección, a saber: a ampliación da colección e a produción e distribución das súas exposicións".
Outro dos temas controvertidos é a escasa presenza dos artistas galegos no centro, no que se refire a exposicións ou noutro tipo de actividades complementarias. Este ano a única individual dedicada a un creador galego no CGAC correspondeu ao produtor e videoartista Antón Reixa. O crítico e comisario independente David Barro, bo coñecedor do contexto internacional e do panorama da arte galega, considera errado o criterio seguido neste caso: "Creo que o director do CGAC, Miguel von Hafe, é unha persoa con criterio e estimo axeitada a liña que conseguiu con artistas coma Gilberto Zorio, Bas Jan Ader ou proximamente Jeff Wall. Non estou dacordo con exposicións coma a de Antón Reixa, tal e como está enfocada, xa que é inxusta con algúns artistas galegos que estiveron en activo nos últimos 20 anos e teñen unha traxectoria artística máis sólida".
Sorprenden cousas como que no recente encontro de novos artistas, celebrado no complexo do Gaiás, o CGAC só tivera un papel testemuñal, cando se supón que é a institución galega máis vencellada á arte contemporánea. Barro ve con curiosidade que se fale de que a Cidade da Cultura debe procurar alianzas con grandes institucións de prestixio internacional "sen pensar que na arte contemporánea xa ten unha, o CGAC". O comisario bota en falta estratexias conxuntas: "Mentres os profesionais non entendamos que o CGAC e o Gaiás están tan dentro do sector cultural coma do sector servizos e do sector da educación, sempre haberá problemas de visitantes e de recursos externos".
Na liña de suxerir novas vías de actuación para o CGAC, Ania González apunta que Galicia carece dun tecido produtor de cultura e, polo tanto, unha das funcións do CGAC podería ser a de apoiar iniciativas que permita contar con espazos físicos de produción. "Hai proxectos moi interesantes que artistas galegos están facendo noutras partes de España, e o CGAC non sabe nada deles. O triste é que o centro pode ficar coma un espazo alternativo pero illado".
As galerías galegas están a sentir tamén os efectos da crise económica que sofre o CGAC. O retraso no pagamento das obras adquiridas polo centro é algo que non contribúe a mellorar o estado das súas contas, moi precario na meirande parte dos casos. A galerista Asunta Rodríguez sinala que o beneficio que supoñen as compras feitas polo CGAC non é so económico, xa que "revirten directamente nas posibilidades de promoción e valoración dos creadores".
Polo que respecta aos artistas, a realidade é que moitos deles deixaron de ver ao CGAC coma un interlocutor. O compostelán Vicente Blanco, agora estabelecido en Lugo despois de vivir algún tempo en Berlín, confesa non estar moi enterado do que acontece agora en torno ao centro. Porén, na súa opinión, o que sucede en xeral en España é que os proxectos culturais non teñen continuidade e o CGAC non resulta unha excepción. "Agora aparece a Cidade da Cultura e métense todos os cartos aí. Creo que poden facerse cousas interesantes con poucos cartos", engade.
Blanco lembra que cando vivía en Alemaña o CGAC tiña un gran recoñecemento pola calidade das súas publicacións. "Os libros publicados polo centro atopábalos nas librerías dos mellores museos e agora perdeuse esa visibilidade", explica o artista. Coma liñas de traballo cara ao futuro, Blanco sinala que para os artistas novos é moi importante contar con centros pequenos que poidan axudarlles para dar a coñecer o seu traballo xa que "os macromuseos o que fan é expoñer a xente recoñecida e case sempre de fóra".
Antón Patiño ten unha visión máis optimista sobre a situación do centro. Na súa opinión existe unha continuidade nas propostas expositivas do CGAC ao longo do tempo "agás na etapa da dirección anterior, que foi errática e pouco definida". Recoñece que a presenza dos creadores galegos na programación é escasa e apunta que precisa dun apoio institucional "decidido" para poder seguir sendo un espazo de referencia. "O centro ten unhas liñas de traballo definidas. Cómpre potenciar imaxinativamente esa oferta, atinando nos proxectos artísticos específicos e salientando o aspecto didáctico e de dinamización cultural", engade Patiño.
O fotógrafo Manuel Vilariño aporta, pola contra, unha visión bastante pesimista sobre a situación do centro. "Hai unha carencia de modelo e de estrutura que lle sirva de soporte. Ao final o único que se xera é ruído, un ruído local que só satisfai ás autoridades locais. Nestes momentos o CGAC é un espazo cero, unha terra baldía", sinala o artista coruñés.
Na súa opinión, o centro perdeu a "inxenuidade" da súa primeira época e cre que sería necesario dar pasos atrás para volver á orixe. "De todos os xeitos, é necesario que os artistas volten á rebeldía. Como dicía Rimbaud, para mudar as cousas hai que mudar a vida e en Galicia habería que acabar cos burócratas paquidérmicos que aniñan nas institucións culturais. Se o CGAC segue así, camiña cara a autoextinción", sinala Vilariño.
Quizais o pronóstico resulte esaxerado, pero o certo é que agora o CGAC non ocupa o lugar central que tivo no panorama da arte galega e que nunca debeu perder. Sería bo que no futuro se falase menos de cartos e de problemas administrativos e máis das exposicións que pasan polo centro. A próxima apertura dunha mostra dedicada ao prestixioso fotógrafo Jeff Wall é a mellor noticia que saiu do CGAC nos últimos tempos.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.