Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
A VER | Luces

O fillos de Sol

O mundo mudou e non vai volver atrás, para ninguén. Tampouco para esta nova xeración que agora se expresa co lema da indignación, porque para eles o mundo é outro que o dos seus pais e avós. A globalización incorporou ao mercado laboral a xeracións de mozos chineses, indios, brasileiros, sudamericanos e africanos. Os nosos iPads fabricados nalgún país afastado non crean traballo aquí. O tempo en que a mocidade competía por incorporarse ao traballo nun marco nacional acabouse. E non só eses mozos teñen un teléfono celular con acceso a Internet, agora téñeno centos de millóns no mundo. Hai unha relación directa entre a nosa frustración por non ver expectativas claras e o optimismo que reina neses países emerxentes.

Os acampados atrévense a dicir en alto o que pensa unha maioría abatida civicamente

O natural enfado da mocedade por non ter traballo nunhas condicións que lles permitan emanciparse desencadeou un movemento revitalizador para toda a sociedade. Criticaron a política e toda a sociedade está a criticar a corrupción e a incapacidade da política para liberarse da tiranía dos mercados de capital. A falar, claro: están a criticar a esquerda, pois enténdese que esa é a política natural da dereita. Tanto é así que as mobilizacións previas ás pasadas eleccións municipais a quen castigaron foi á esquerda, mentres que o eleitorado da dereita foi votar sen importarlle nin a corrupción nin cousa ningunha. Se se vai intervir na política debemos coñecer as consecuencias dos nosos actos. Así e todo, nunca se fixo tortilla sen que rompese algún ovo e poida que ese sexa o prezo que teña que pagar a sociedade para que a esquerda escoite e rectifique cousas. Porque o certo é que o conxunto das críticas son xustas e, deixando aparte o efecto da crise económica sobre a sociedade, a responsabilidade de perder apoio social é desas organizacións. Para comprobar que é unha mobilización de esquerdas abonda con ver o que lles chama a dereita e como mandou actuar á policía na Praza de Cataluña.

A Puerta del Sol, esa praza que os madrileños chaman familiarmente Sol, é o embigo da España, o punto escollido polo dictador Primo de Rivera para trazar as comunicacións centralizadas desde Madrid. No centro desa capital os acampados fixeron un valente esforzo intelectual para criticar precisamente a corrupción e as políticas inxustas (probabelmente exista unha relación de causa/efecto entre esa praza libertaria e esa capital tutelada e gobernada case enteiramente pola extrema dereita españolista). O efecto mimético noutras cidades e outras acampadas é lóxico, pois esa protesta era unha necesidade social, tivo forte cobertura mediática e contaba cunha rede alternativa en Internet: atrevéronse a dicir en alto o que sinte e pensa unha maioría abatida civicamente. Con todo, penso na lingua das protestas nas nosas cidades: por primeira vez a lingua da rebeldía e das demandas de xustiza non foi o galego. Reflicte o que hai de fondo, ese vello esquema de poder: Madrid e as súas provincias (e provincia significa "terra vencida").

Iso lévame a pensar xeracionalmente, a lembrar a miña relación coa nosa lingua. Unínme a ela por cariño e lealdade aos meus avós maternos e ao seu mundo e fíxenme militante dela por un sentido de xustiza e democracia. Contemplamos unha nova xeración que xa tivo o galego na escola, medrou co Xabarín, en casas onde non faltaron comodidades e que xa non sinte identificación afectiva, cívica ou obriga ética co galego; seguramente os seus pais tampouco. Moitas cousas fixemos mal algúns.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 24 de junio de 2011