_
_
_
_
Reportaje:Luces

O futuro non é só apocalíptico

Nos relatos da Galicia por vir hai repúblicas independentes e vitorias nazis - Autores como Borrazás e Lopo actualizan a ficción científica, inaugurada en galego cun conto de Dieste

Cando Thea von von Harbour, a que fora compañeira de Fritz Lang, publica a ambigua novela que sería o guión de Metrópole (1927), un conto de Rafael Dieste inaugura a ciencia-ficción en Galicia. En Once mil novecentos vinteseis (de Dos arquivos do trasno), un home imaxina ese ano do futuro desde o interior dun nicho. Fóra hai caníbales.

Lonxe desa sincronía, a primeira época dos relatos de anticipación en galego abonda nas utopías sociais dalgúns pioneiros do xénero, de Verne a H. G. Wells -a orixe quizais sexa Frankestein ou o moderno Prometeo (1818)-. Campaña de Caprecórneca. Novela galega hestóreca, fantásteca e poética, de Luís Otero Pimentel, editada por entregas na revista Follas Novas da Habana -Galaxia recuperouna en 1994-, publicouse en 1898 co retrouso Mirando a Terra. O protagonista-autor viaxa á Lúa, pero a fantasía, coma no conto de Dieste, tamén se esvae ao espertar.

"A ficción científica foi infravalorada pola crítica", di Ramón Caride
En 'Elipsis e outras sombras' hai relatos inspirados na obra de George Orwell
"Non pretendo dar consellos, senón poñer espellos", di Xurxo Borrazás
N'O centro do labirinto exponse a loita entre capital e ecoloxía

No centenario de Cunqueiro, un dos autores máis prolíficos da literatura fantástica en Galicia, Ramón Caride chama a atención sobre cómo se foi redistribuíndo o estatus da fantasía na literatura do país (os manuais aínda falan de narrativa de xénero). E de paso clarexa a cuestión da anticipación, que empeza nos libros da apocalipse: "O obxectivo é sempre describir o presente. As novelas históricas tampouco saen do pasado porque todo é un presente continuo, cando se escribe e cando se le". Para o autor de Soños eléctricos -que agora recunca no relato en Exogamia 0.3, en Xerais contra a primavera-, a ficción científica foi "infravalorada" pola crítica filolóxica. "As referencias ao pasado, nunha sociedade tan envellecida, son un suicidio cultural pola vía de descolgar os lectores", critica, en parte pola "sobrevaloración" da memoria histórica como materia narrativa.

As inmensas posibilidades do xénero como túrmix do real deron para facer fábula política -Carlos Mella en Luces de Fisterra. Esperpento xacobeo-, estruturar sociedades futuras con novas posibilidades biopsiquiátricas -a Galicia republicana do século XXII que describe Antón Lopo en Obediencia-, teorizar sobre o control total e as canles de resistencia -como en Partisan 4 e outros contos de inspiración orwelliá do Ferrín de Elipsis e outras sombras, onde hai Pauta, Orde Interminable e Vellas Akademias- ou describir escenarios posapocalípticos onde a imaxinación debe abrollar tras unha era de narcotización colectiva -como a distopía Costa Norte/ZFK, de Xurxo Borrazás-, comezaron en Galicia cando morría Franco. Non eran aínda as utopías negativas propias da sociedade posindustrial, epitomizadas naquel Brave new world de Huxley.

Medio século despois do conto de Dieste, novelas como Homes do espacio (Lois Fernández Marcos, 1976), Galou Z-28 (Lois Diéguez, 1976), PAE S. XXI. No comezo dunha nova historia da humanidade (Tucho Calvo, 1982) e Reportaxe cósmico (Xosé Fernández Ferreiro, 1983) devolven a fantasía futurista aos andeis. Aqueles traballos contrastaban a fe no espírito humano co medo á bomba de neutróns. O máis pesimista daquela era o autor de Agosto do 36, que escribía a seguinte adicatoria: "Aos galegos do século XXI, con dubidosa esperanza".

"Hai moi poucas novelas de ciencia ficción e todas son moi malas, comezando pola miña", no xuízo distanciado de Fernández Ferreiro, cuxa historia é a aventura dunha nave que sae dende Arxentina rumbo a Marte. O autor d'A morte de Frank González, que gaba as novelas de Arthur C. Clarke -"Asimov sabíao todo, pero escribía mal"- prepara agora De Xente Nova a Brais Pinto, ensaio sobre a xénese ourensá do grupo que fundou a Unión do Povo Galego. O mesmo que publicou, en Madrid, a primeira sci-fi galega tras a ditadura. Foi Dúas viaxes (1975), a banda deseñada de Reimundo Patiño e Xaquín Marín, reeditada por El Patito Editorial.

O máis preto que estivo a literatura galega do cyberpunk, o subxénero da ficción científica que apela así ao último Burroughs como a William Gibson ou fragmentos de 2666 -Roberto Bolaño chamáballe non science fiction novel-, caracterizado por heroes subproletarios en sociedades hipertecnificadas, quizais sexa o Borrazás de Costa Norte/ZFK (2008). Lewis Carroll, Margaret Atwood, Ballard ou Joanna Russ, a autora da primeira sci-fi feminista, The Female Man, xa lle gustaban antes de facer novela futurista. "É o presente esencializado, case máis real ca realidade, que é como funciona a fantasía no subconsciente". A súa Costa Norte parte de contemplar o rozamento "entre o capitalismo salvaxe e a política irresponsable". Se o futuro está suficientemente explorado ou non, non lle interesa especialmente: "Teño que partir de emocións fortes, e cando dinamitaban O Cociñadoiro eu estaba alí".

En parello vértice situou Agustín Fernández Paz O centro do labirinto (1994), de cando xa se impoñía o turbocapitalismo. Ecoloxía como ecosofía, lingua e cultura. "Quería falar de dous temas máis actuais agora que hai 15 anos: a voracidade capitalista e a globalización neoliberal, por unha parte, e a riqueza que supón a pluralidade lingüística e cultural". A acción arrinca en 2054, cun supragoberno europeo onde se fala euroinglés e os rebeldes se arrexuntan nas Zonas Non Controladas. Compostela é un parque temático onde o Derby sobrevive como reliquia etnográfica. Non é distopía: "Interesábame máis o espírito optimista do derradeiro poema de Ferrín en Estirpe", di o Premio Nacional de Literatura Infantil ("Non esquezas as verbas estirpe / que son morte pró estranxeiro opresor, elas nos lavan. / Sempre dirás: URCES. / Repite: os carballos").

As profecías autocumpridas, no que atinxe aos narradores, non son de claro cerne científico. "Gústame moito a tecnoloxía, pero a ficción científica como previsión técnica paréceme falsísima", expón Nacho Taibo. En 1977, o autor de Homes de ningures escribía o relato O leito, ucronía ambientada a finais da II Guerra Mundial. Se n'O cervo na torre de Darío Xohán Cabana había un Estado galego-portugués, aquí Galicia sepárase de España no século XV, asumindo o papel de Holanda no conflito bélico. "Se remata mal é porque todo remata mal", ri.

O tracexo da súa Galicia do futuro -"república independente coas comarcas federadas e revolucións anarquizantes"- segue nos relatos de Informe bestiario (1991), onde a Odisea, adiante e atrás no tempo, é a de Homero. Ou en relatos de Calendario (1981) coma O túnel. "Iso si é un relato de anticipación política", chacotea. Unha Galicia nazi no futuro, en convivencia cunha Galicia real "cunha raza mellorada falando en galego". No suspenso entre o que habería que facer e o que falta, unha responsabilidade literaria. Borrazás recorre a Dieste: "Non pretendo dar consellos, senón poñer espellos".

TÍTULOS

- Campaña de Caprecórneca (reed. Galaxia, 1994)

- Once mil novecentos vinteseis (Rafael Dieste, 1926)

- 2 viaxes (Patiño-Marín, Ed. Brais Pinto, 1975)

- Informe bestiario (Nacho Taibo, Laiovento, 1991)

- Soños eléctricos (Ramón Caride, Xerais, 1992)

- A sombra cazadora (Suso de Toro, Xerais, 1994)

- O centro do labirinto (Fernández Paz, Xerais, 1997)

- Bailarina (Manuel Seixas, Xerais, 1999)

- Costa Norte/ZFK (Borrazás, Galaxia, 2008)

- Unicrom (Rosa Enríquez, Sotelo Blanco, 2009)

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_