"Non lle damos medo ao poder"
Rubén Ruibal e Gustavo Pernas analizan a situación da escena antes do recurtes
Co tesoirazo en Cultura aínda por partillar, este xornal falou con dous dramaturgos no Día de Todos os Santos. Gustavo Pernas, que escribe, dirixe e interpreta as súas obras desque fundara con Ánxela G. Abalo, en 1989, Áncora Teatro, vén de presentar en Vigo Pisados, a continuación da serie de logomonos que estreara Colgados. É posible que o seu seguinte monólogo de personaxe en acción se chame Esnaquizados.
A Limpeza de sangue do dramaturgo Rubén Ruibal (Premio Álvaro Cunqueiro 2007 e Nacional de Teatro en 2009), obra con ionqui, arquitecto e rapaza en sala de diálise inspirada "nun libro de Ramón Sánchez Ocaña, a escena da xeringa de Uma Thurman en Pulp Fiction e os personaxes de Koltès", aínda foi levada a escena o mes pasado. A Ruibal faille graza que lle chamen "maldito", pero Espello Cóncavo montou por fin o texto -nas bases do Cunqueiro prometíase darlle escenario- tras unha sentenza xudicial que validou a demanda do autor.
Pernas: "A dereita é indiferente coa cultura. O Bloque foi neoliberal"
Ruibal: "Todos os Gobernos quixeron sacarnos dediante, pero respondemos"
Na posibilidade de que en Galicia haxa maldicións específicas -non é sinxelo nin atopar libros dun Vidal Bolaño, por caso-, aboian na conversa as contradicións do sector, o difícil que resulta contentar á xente e as bondades do teatro, que espernexa case sempre.
Pregunta: Actores e compañías celebran a un tempo cadansúas xornadas de reflexión. Escena Galega di que a metade das compañías poderían desaparecer, e convidan a Manuel Guede
[responsable do Centro Dramático Galego entre 1991 e 2005] para falar da xestión do teatro público. Volven os anos noventa ou é que o teatro sempre está preparado para a crise?
Gustavo Pernas: A idea desas xornadas é un pouco facer balance e retomar o camiño. Responder a este impasse terrible movendo peza.
P. Máis terrible ca outras veces?
G. P. O perigo é moito máis claro. Eu escoito o da rebaixa dun 44%
[en Industrias Culturais] e non me parece aceptable que o asumamos con resignación, máis aínda cando aí temos o que nos vai custar Ratzinger. A falta de política cultural do Goberno escúsana coa crise, e así desartellan un pouco máis a cultura.
P. Non hai unha certa sensación de que cadaquén negocia o seu por separado?
Rubén Ruibal. Hai un pouco de todo. A vontade de sacarnos dediante tivérona todos os Gobernos, pero o teatro sempre tivo resposta, e habémola seguir tendo. Estas xornadas son tamén para falar do público, a distribución, etcétera.. Porque á parte do problema da Xunta temos o dos concellos, que cada vez tardan máis en pagar.
P. Que se pode facer?
G. P. Xuntármonos os diferentes sectores sería fundamental. Hai pouco, un enxeñeiro alemán falounos dos recurtes no seu país. Dicía que é doado rebaixar na cultura porque noutros sectores hai lobbies que amalgaman a xente, pero a cultura está individualizada entre creadores e pequenos colectivos. Non hai nada que lle dea medo ao poder. E o noso esparexemento, a falta dun tecido cultural, é maior.
R. R. Eu en dúas tardes que botei na feira do libro da Coruña vino ben. Chega a tal extremo a separación entre xéneros que primeiro entraron os novelistas á presentación dunha novela; saíron os novelistas e entraron os poetas, e ao final entraron os coruñesistas que non len novela nin poesía. Iso é así.
P. Dixo que escribir teatro en Galicia é "terceiromundista". Máis que escribir poesía ou novela?
R. R. O que publicou agora Biblos
[A néboa amarela, con César Candelas] mandeino a outras editoriais e dixéronme "teatro non imos publicar porque...". Hai que botarlle peito e montar unha compañía para facer os teus textos, como Gustavo.
G. P. Pero unha cousa é a postura persoal, e outra, tamén certa, que o país non está ofrecendo ningunha estrutura nin potenciando as que había. Estáse desvalorizando.
R. R. Co dos premios seguimos nos anos 90. Agora nos Cunqueiro xa nin é obrigado publicar o texto; din "poderá publicar". Antes era obrigatorio, pero coa miña intelixencia fixen que mudasen as bases...
P. Na entrega dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en 2007, criticou a política teatral diante de Ánxela Bugallo. Era máis fácil protestar co bipartito que agora?
G. P. O ano de Medidas preventivas levei tres premios seguidos e iso serviu para que non nos desen subvención. Aquilo lembroume o impaís de Xaquín Marín, co pé tripando na xente. Ao contrario, eu penso que se algo caracteriza á dereita gobernante é unha certa indiferenza coa cultura. Cando o Bloque estaba na consellería non era indiferenza, era que supetamente adoptaron unha política neoliberal, superburocratizada, cuns prexuízos tales que, ante calquera discrepancia, tiñas o perigo de ser claramente censurado. É dicir, a indiferenza o que leva é a que non haxa tanta persecución por tras... En plan "eses con catro pesos apáñanse". Esa crítica da que falas a min tróuxome moitos problemas.
R. R. O que botamos en falta neste país é que alguén se decida a facer política cultural. E non creo que a teñan que facer só as empresas, hai moita xente implicada que tamén tería que falar. E a Agadic [Axencia de Industrias Culturais] tamén ten que chegar alguén que saiba de teatro.
P. Escena Galega defende a reactivación do Plan das Artes Escénicas. Non era aquilo política cultural?
G. P. O que está claro é que foi unha iniciativa que tiña moito de dinamización teatral, e iso era moi importante, pero faltaba o tecido teatral. Era un pouco paradoxal a aposta por iso que eles quixeron chamar industria cultural. Daquela dixen que se estaba preparando o camiño para que un Goberno conservador tivese moito máis sinxela a regulación ao seu gusto do sector, apoiando unha caste de café para todos que quería potenciar as industrias culturais e o que facía era relegar as compañías con traxectoria. É como servir en bandexa o que vivimos agora. Estamos nun momento de falta de alicerces; estáse desfacendo a casa, por dicilo dalgunha maneira.
P. Hai máis compañías do normal buscando resultados antes ca teatro de risco?
R. R. Hai unha serie de fórmulas que eu estou farto de ver. Un pregúntase se non teriamos xa que ter creado un público, outro xeito de funcionar... Ese é o problema. Cómo creamos esoutro teatro que non é profesional?
G. P. Non creo que todo o mundo estea buscando os resultados, anque si hai unha certa acomodación. Tamén hai momentos acomodaticios.
R. R. A outra parte do negocio son os programadores, e aí tamén habería que facer un estudo sociolóxico.
G. P. Segue habendo teatro e teatro en galego. Ves os prezos e a túa obra é de cinco euros e a que vén de Madrid vale vinte e dura no cartel. Se falamos dos programadores, pode que o técnico de Cultura de turno sexa un tipo preparado que leva aí máis de dez anos, pero o habitual é seguir presentándose: "Somos Áncora". "E quen es?". E sabes que che din? "É que sodes tantos...". Cando fixemos Footing (2001), que necesitaba proxeccións, os programadores de aquí dicíannos: isto tedes que levalo a Madrid ou Barcelona. E alí dicíannos: isto téñeno que apoiar desde Galicia, traédenolo despois. Así que fas algo, apostas e arriscas, e estás en terra de ninguén, debe de ser que a min me gustan os espazos fronteirizos. Pero é que en terra de ninguén vas á merda.
P. Pensaron xa o discurso, por se lles dan o Premio das Artes Escénicas?
R. R. Eu preguntaría canto diñeiro é. Non, en serio, non o pensei. O deseño actual do que eran os premios nacionais é unha mostra máis do que queren facer. Queren derrubar. É unha consellería de demolición, a intención é esa, pero hano ter difícil. Cando as cousas se poñan chungas, a xente vaise mover.
G. P. É coma o libro de Paul Bowles, Let it come down [Déixaa caer]. Igual que na lingua, a política é esa. Pensando nunha resposta unitaria da cultura galega, aquilo que dicía Brecht, que ao final non era seu, tamén pasa entre sectores da cultura. Iso de, "bueno, ao final non me toca e igual quedo eu". E onde quedas, enriba dunha montaña de merda?
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.