_
_
_
_
Entrevista:MANUEL RIVAS | Escritor | Luces

"Todo é ficción, mais todo é verdade"

Os libros arden mal remataba cunha pregunta. "Canto vale?", interrogaba o fillo do xuíz ao policía franquista que vendía unha biblioteca expoliada na Guerra Civil. "Esta historia intenta responder a esa cuestión, a cal é o prezo", sinala Manuel Rivas (A Coruña, 1957). Catro anos despois daquel monumento narrativo sobre o fascismo e a destrución da cultura, Rivas regresa á novela con Todo é silencio. "Agora, o plano económico pasa a ter o dominio por medio do diñeiro e outros medios de control social: o pazo, o coche que conduces", explica.

Todo é silencio, na rúa da man de Edicións Xerais o 14 de outubro, traza a historia da economía ilegal na Galicia da segunda metade do século XX. Pero faino suspendendo a trama no aire. "Gustaríame dicir, con John Ford", argúe o escritor, "que todo é ficción mais todo é verdade". A metamorfose que levou do estraperlo de rubio de batea ao narcotráfico conectado, internacionalmente, a varias bandas acontece nun lugar imaxinado, Brétema. "Non é un libro documental, como os grandes grandes traballos de Perfecto Conde ou Felipe Suárez sobre o tema, ou o traballo xornalístico de Elisa Lois ou Julio Fariñas", argúe, "pero eu quería escribir unha boa historia, e iso implica verosimilitude". Non hai referentes concretos en Todo é silencio e, porén, nada é mentira: "O mesmo escenario está prendido da realidade".

"Non é un libro documental, pero unha boa historia esixe verosimilitude"
"O capitalismo impaciente dos narcos contraponse ao traballo"
"Galicia non foi Sicilia porque houbo xente que rompeu o silencio"
"A novela negra funciona porque os lectores queren esculcar no real"
Más información
O primeiro capítulo de 'Todo é silencio'

"Brétema realmente está feita con anacos, con cachizas de diferentes paisaxes e trazos de diferentes lugares; é a cidade atlántica", define, "e hai unha intención intemporal". O libro ábrese na época en que Cassius Clay muda en Muhammad Ali e négase a formar filas no exército estadounidense en Vietnam. "Ningún vietcong me chamou nunca negro", declarou daquela o boxeador. O primeiro thriller de Manuel Rivas detense, 274 páxinas despois, xusto no minuto anterior á caída dos grandes capos arousanos da cocaína.

Primeiro foron as mulleres que cruzaban a fronteira portuguesa coas cadeiras engordadas polas bolsas de sal -"ían preñadas e volvían xa paridas", ri Rivas. A internacionalización do mercado ilegal sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial, no episodio do volframio común a Os libros arden mal e Todo é silencio. "Mariscal [o patriarca que domina a trama da novela] ironiza sobre o seu pai, de quen afirma que era autenticamente neutral", relata, "porque vendía o mesmo volframio a ingleses e a alemáns". Logo aparece o glamour do tabaco e o joni güolker que non pagaba xuros. Para o autor, aquilo foi un asunto de empaque, "case fashion", nun país que apenas saía da pobreza ditatorial. "Pero a gran globalización represéntaa a cocaína", conclúe.

Esta cronoloxía apurada do capitalismo totalmente desregulado opera na base da novela de Manuel Rivas. "Con todo, o importante non é a historia da mercadoría, se non como este proceso cambia e condiciona a vida das persoas", explica, "e produce eses hábitos do capitalismo impaciente, un capitalismo máxico que se contrapón co que fai a maioría da xente". Ao fondo dos traficantes de Brétema, as mariscadoras laboran metidas na auga até a cintura e algúns mariñeiros prefiren non empregar dinamita para acumular cartos máis rápido. O propio Mariscal resume a filosofía contrabandista: "Mentres se traballa, non se gaña diñeiro".

"Tamén imos vendo o carácter destrutivo dese capitalismo delitivo, como vai penetrando, como vai manchando todo", engade. E as primeiras vítimas, segundo a versión de Todo é silencio, chámanse Leda, Brinco, Chelín, Fins, os rapaces que ao longo dos 45 capítulos sintetizan os estragos dun modo específico de circulación da riqueza. O seu fado diverxe, aínda que sempre en relación ao corrupto becerro de ouro: a lei e a orde, o ionqui, a consorte do narco, o narco... "O importante é o que pasa con eles. Parece que os personaxes acaban dedicándose a iso porque o destino está neles", describe.

Pero Galicia, ao cabo, non foi Sicilia. "Preguntouse moitas veces por que non", di, "e houbo varias causas; a decisoria é porque a xente rompeu o silencio. Como as nais de maio, aquí foron unhas nais as que o fixeron. En Arxentina chamábanlles as tolas, aquí, as borrachas. Elas acabaron coa omertá". Malia que este episodio xa conforma o fóra de campo da novela, é central para explicar o propósito de Manuel Rivas. Toda a obra xorde do silencio e a relación con el dos habitantes de Brétema. E do salmo 135 da Biblia, o Canto dos elixidos. "Os ídolos dos xentís son prata e ouro, / feitura das mans dos homes. / Teñen boca e non falan, / teñen ollos e non ven, / teñen orellas e non oen / e non hai alento na súa boca. / Coma eles son os que os fan / e cantos neles confían". "Se tivese que falar de fontes", revela Rivas, "falaría da Biblia e de Valle-Inclán, dese poema de Rosalía contra o silencio ou das novelas de Jim Thompson...".

"A literatura ten ese sentido de desvendar, de romper silencios", continúa, "por iso ese salmo bíblico garda para min tanta importancia. A literatura, para min, é destruír eses símbolos, tentar ver o que non se pode ver, unha maneira de conxurar o medo". Tamén este fío cose Todo é silencio con Os libros arden mal e materialízase, por veces, na denuncia do eufemismo. Ese que leva a un policía da PIDE portuguesa a definir a tortura como "a procura de ausencia de conforto" no preso.

O ambiente colectivo que favoreceu o xurdimento do narcotráfico tamén ten a ver, segundo o escritor, co período que abranxe a súa anterior novela. "A banalización do mal, o queime ético, derivada de que un pobo viva nunha situación de sometemento, de humillación, como unha ditadura provoca un clima de inmoralidade pública", esténdese, "e a delincuencia organizada que chamamos mafia é o resultado da inmoralidade pública. Velaí o hábitat ideal para que funcione a corrupción na alma dos personaxes".

O autor de Que me queres amor? bótase a teorizar e localiza a serie negra, a novela criminal, da literatura galega "niso que denominan novelas da Guerra Civil ou novelas da memoria". "Non concordo en absoluto con esa denominación, pero é certo que a guerra, a ditadura e mesmo a Transición son o noso espazo do crime". Rivas non entra a polemizar sobre as tendencias críticas que falan dun suposto esgotamento narrativo deses acontecementos históricos. Prefire usar unha imaxe do sueco Henning Mankell n'A pista falsa (1995): a do escritor que escava e deita a terra fóra, mentres arriba hai outro escritor que tira a terra enriba do que escava.

Os paratextos editoriais e mesmo os avances na prensa referíronse a Todo é silencio como thriller. A adscrición, no entanto, resulta problemática. O simbolismo propio da traxectoria literaria de Rivas aparece aquí e acolá -a Ilustración en estado ruinoso e as fírgoas de luz na escola indiana, a novela que avanza a golpes de mar, o espello dese mar que racha cun cartucho de TNT...- e singulariza a proposta. "Hai, ademais, unha dimensión de western". Non só porque os personaxes discutan nesa caste de pousada de Xamaica, o Ultramar, que adoito exerce de vórtice da acción, senón por como usan os automóbiles. "Nesa época aparentemente inocente [finais dos anos sesenta, ao comezo da narración] inocente pásase dos cabalos aos coches de alta gama, con moitos cabalos", conta divertido, "e daí, ás planeadoras, que tamén teñen moitos cabalos".

No entanto, os elementos noir existen en Todo é silencio. Rivas inventa sobre a marcha unha etiqueta e menciona "unha ecoloxía de serie negra". "A paisaxe tampouco se libra da desfeita e iso vese ben no urbanismo", comenta, ou nas técnicas ilegais de pesca ao comezo da novela. E non lle estraña o éxito de lectores do xénero policíaco que demostra a vaga nórdica de novelistas, os estadounidenses post-Ellroy ou, en Galicia, Diego Ameixeiras e, sobre todo, Domingo Villar. "A xente precisa esculcar e todos temos a sensación de que algo está oculto", sinala, "nunha época que define un grafiti: 'Tiñamos as respostas pero cambiáranos as preguntas".

Manuel Rivas advirte, malia todo, contra a moda. "Tamén podemos ler hoxe o Quijote como serie negra, ou La Regenta, ou La Tribuna e Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán", asegura, "porque se adentran nas tebras, loitan contra ese poder que vira máis forte cando emprega a ocultación". Só que na escrita de Todo é silencio actúa un matiz: o mecanismo do humor, da ironía. "A ironía permítenos exceder esa fronteira do inaccesíbel que atopas ao escribir e ir un pasiño máis alá", aventúrase. Como mostra do que gusta de denominar "ironía insurxente, ironía límite" refire os sirventeses contra Deus do cancioneiro medieval. "Chámanlle pecador, acúsano de abandonar a amada", lembra, "non debimos deixar esa tradición da palabra insurxente".

Mais a ironía non sempre serve á emancipación. O risco de que mude en trampa é real e así aparece na boca de Mariscal. "Aborrezo esa ironía cínica, que utiliza o personaxe de Mariscal e que se dá tanto no xornalismo: 'todo é igual'...". Ou en estupefaciente: "Ese 'Estamos mal pero canto rimos', 'imos ao carallo pero matámonos a rir' . Teño unha impresión terríbel, que parte daquilo que dicía Florentino Cuevillas: 'Galicia é un país que quere suicidarse e non o consegue'. Cando practicamos ese humor conformista semella que xa imos demasiado vellos para suicidarnos".

A ficción non é máis, ao cabo, que outro camiño para achegarse á verdade. Contra a linguaxe e contra a dobre cara das palabras. "Nunha conferencia en Estados Unidos saiu o tema da guerra de Vietnam e eu lembrei que os primeiros bombardeos incendiarios sobre civís se ensaiaran en Gernika", esmiúza, "e ao pronunciar a palabra napalm, en vez de abrir a conversa, coloquei un cadeado. Como imos falar das guerras de hoxe se non falamos das de antes?". E Todo é silencio tamén se revolve, finalmente, contra "a desaparación da causalidade". "O decisivo da novela frente a outras formas de coñecemento é que permite ver por detrás da pantalla", engade. Porque Poisonville, a vila onde transcorría a Colleita vermella de Dashiell Hammet, ocupa hoxe o mundo enteiro. "Está globalizada".

O escritor Manuel Rivas, o pasado luns nunha cafetaría da Coruña.
O escritor Manuel Rivas, o pasado luns nunha cafetaría da Coruña.GABRIEL TIZÓN

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_